AD

Actualidad

Ames presenta unha nova camiñada teatralizada polas Fragas do Tambre

today11 abril, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

Con esta iniciativa preténdese que a veciñanza de Ames coñeza a gran diversidade ambiental e valor histórico e patrimonial que existe arredor das Fragas do Tambre

O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, destaca que “son as segundas camiñadas teatralizadas que se organizan tras as feitas polo rego da Andoriña. Neste caso é unha ruta cun percorrido máis sinxelo con dificultade baixa e catro quilómetros de percorrido. Desta volta, remata no Pazo de Lens onde se poderá visitar os seus xardíns e unha das camelias máis senlleiras de Europa”

A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, explica que “esta actividade é unha iniciativa que fomenta hábitos saudables, á que se pode acudir en familia, e na que poden participar os nenos e nenas xa que ten unha dificultade baixa. Trátase dunha ruta moi fermosa, xa que discorre preto ao río Tambre, e na que se poderá descubrir recunchos do noso concello, que para moitas persoas son descoñecidos”

Ames, 10 de abril de 2024.- A praza do Concello, en Bertamiráns, acolleu este mércores a presentación dunha nova camiñada teatralizada, a cargo dos Quinquilláns, que se vai a realizar o vindeiro sábado, 13 de abril, polas Fragas do Tambre. Esta actividade, que se desenvolverá en horario de mañá, de 10.00 a 14.30 horas, arranca na aldea de Oca e discorre pola capela do Corpiño e por preto do río Tambre, rematando no Pazo de Lens. O percorrido ten unha distancia de 4 quilómetros e ao remate serviranse uns petiscos saudables. Para participar é preciso inscribirse ata o 12 de abril. Para iso hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Ofértanse un total de 40 prazas. Haberá servizo de autobús. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono: 660 00 46 65, 609 92 36 16 ou 649 45 02 64. Recoméndase levar roupa cómoda e auga. Nos próximos meses está previsto facer dúas camiñadas máis por esta mesma ruta.

O alcalde de Ames e responsable da área de Turismo, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; a concelleira de Promoción da Saúde e Deportes, Susana Señorís, a técnica de Medio Ambiente e coordinadora da Aula da Natureza, Patricia Reboreda; a técnica de Turismo, Sonia Moure, e maila técnica de Promoción da Saúde, Rosana Martínez; presentaron na praza do Concello, en Bertamiráns, unha nova camiñada teatralizada que se vai a realizar o vindeiro sábado, 13 de abril, polas Fragas do Tambre.

O segredo das Fragas do Tambre é a nova camiñada que se organiza despois do éxito de participación que tiveron as camiñadas teatralizadas polo rego da Andoriña, organizadas durante o último trimestre de 2023, incluídas dentro da programación de outono da Aula da Natureza. Nos próximos meses está previsto facer dúas camiñadas máis por esta mesma ruta. As datas das outras dúas camiñadas anunciaranse proximamente.

Desta volta, preténdese que a veciñanza de Ames coñeza a gran diversidade ambiental e  valor histórico e patrimonial que existe arredor das Fragas do Tambre. Esta actividade desenvolverse en horario de mañá, de 10.00 a 14.30 horas. Recoméndase levar roupa cómoda e auga.

Presentación da camiñada

O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, destaca que “son as segundas camiñadas teatralizadas que se organizan tras as feitas polo rego da Andoriña. Neste caso é unha ruta cun percorrido máis sinxelo con dificultade baixa e catro quilómetros de percorrido. A dinámica da actividade é a mesma que no caso anterior. Desta volta, remata no Pazo de Lens onde se poderá visitar os seus xardíns e unha das camelias máis senlleiras de Europa. Debido ás choivas das últimas semana, achegarémonos ata o río Tambre, pero despois a ruta vaise facer por un tramo seco polo que non vai haber ningún tipo de dificultade para poder camiñar”.

A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, explica que “esta actividade de rutas teatralizadas, que xa se fixeron hai uns meses, é unha iniciativa que fomenta hábitos saudables, á que se pode acudir en familia, e na que poden participar os nenos e nenas xa que ten unha dificultade baixa. Trátase dunha ruta moi fermosa, xa que discorre por preto do río Tambre, e na que se poderá descubrir recunchos do noso concello, que para moitas persoas son descoñecidos. Ao final da camiñada serviranse uns petiscos saudables para repoñer forzas”.

Posta en valor da historia e do patrimonio de Ames

A técnica de Medio Ambiente e coordinadora da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, destaca que “este sábado temos a primeira das camiñadas teatralizadas pola ruta do Tambre; o pasado outono foi polo rego da Andoriña e desta volta toca percorrer desde Oca ata Lens. De novo, faremos paradas onde os Quinquilláns explicarán algunha formas de vida ou anécdotas deste percorrido. Temos tamén a sorte de poder visitar o Pazo de Lens, que é onde remata a ruta, onde está unha das principais camelias de Europa. Para inscribirse, haberá que mandar un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal”.

Por último, a técnica de Turismo, Sonia Moure, dixo “dende a área de Turismo, colaboramos tamén na programación das rutas teatralizadas coa idea de dar a coñecer parte da historia e do patrimonio de Ames. Para iso, imos contar con distintas personaxes en diferentes puntos do trazado: vai haber un castrexo, que explicará esa parte da historia; un barqueiro, que amosará como se usaban as barcas para cruzar o río Tambre; unha menciñeira, que falará do patrimonio inmaterial en termos de herbas, remedios tradicionais… ; tamén haberá unha representación no pazo de Lens ambientada no século XIX. O que pretendemos é dar a coñecer o patrimonio do concello e que os participantes coñezan todo isto de forma dinámica e divertida”.

Percorrido de 4 km de dificultade baixa

O percorrido ten unha distancia de 4 quilómetros e ao remate serviranse uns petiscos saudables. A camiñada arranca na aldea de Oca e discorre pola capela do Corpiño e por preto do río Tambre, rematando no Pazo de Lens.

Os/as participantes comezarán na aldea de Oca. Durante o primeiro tramo do percorrido percorreranse camiños e pistas forestais. Ao longo da andaina iranse atopando personaxes que habitaron nestes lugares noutras épocas. Os primeiros habitantes desta zona deixaron marcas nas pedras, neste caso no petróglifo de Oca. Máis preto dos nosos días eran importantes as barcazas e barqueiros que cruzaban tanto ás persoas como aos animais camiño dos mercados da Baña. Especial relevancia terá na ruta a presenza da auga, tanto pola que leva o río Tambre, coma a que brota de multitude de fontes que provén directamente do subsolo.

Xa en Lens, Javier Varela e a súa familia acolleran aos participantes na sua casa, onde ademais dunha viaxe na historia poderase desfrutar dos fermosos xardíns do Pazo de Lens, que recolle espléndidos exemplares de buxo, así como unha das camelias máis senlleiras de Europa. Para finalizar e co fin de fomentar hábitos saudables degústanse uns petiscos con produtos naturais de proximidade.

Trámite de inscrición

Para participar é preciso inscribirse ata o 12 de abril. Para iso hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Ofértanse un total de 40 prazas. Haberá servizo de autobús. Ás 10.00 sairase da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 10.15 dende o campo da festa de Bugallido, e ás 10.30 horas do Pazo da Peregrina. Para regresar o autobús sairá ás 14.00h dende Lens e pasará ás 14.10 polo Pazo da Peregrina, ás 14.20 polo campo da festa de Bugallido e ás 14.30 horas pola Casa da Cultura do Milladoiro. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono: 660 00 46 65, 609 92 36 16 ou 649 45 02 64.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%