Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Presentouse na Casa do Concello, en Bertamiráns, o servizo de campamentos de verán 2024, dirixido á rapazada que estea cursando os niveis de infantil, primaria, secundaria ou bacharelato
Durante o acto, a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, destacou que este servizo tamén “busca facilitar a conciliación das familias durante as vacacións de verán”
Pola súa banda, o concelleiro de Xestión do Medio Rural, Javier Antelo, sinalou que un dos obxectivos do servizo de campamentos municipais é “fomentar a convivencia, a cooperación e o respecto entre o rapaces, ademais do achegamento á natureza”
Ames, 16 de abril de 2024.– Un ano máis, o Concello de Ames presenta a súa programación municipal de campamentos para este verán. A través desta programa ofértanse 500 prazas repartidas entre 13 campamentos con estadía nocturna, que se desenvolverán en distintas datas entre o 23 de xuño e o 2 de setembro. Ademais, organizaranse dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da Natureza, entre o 1 e o 26 de xullo. O prazo de solicitude de praza estará aberto ata o 24 de abril. Farase enviando a ficha de solicitude a través do rexistro telemático da Sede electrónica do Concello, ou presencialmente nos rexistros de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón.
Está mañá presentouse na Casa do Concello, en Bertamiráns, o servizo de campamentos de verán 2024, dirixido á rapazada que estea cursando os niveis de infantil, primaria, secundaria ou bacharelato. Á presentación acudiron a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto; o concelleiro de Xestión do Medio Rural, Javier Antelo; a técnica de Mocidade, Pili Villaverde; e a técnica de Medio Ambiente e coordinadora da Aula da Natureza, Patricia Reboreda.
O obxectivo desta programación é proporcionar unha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal que busca proporcionar aos nenos/as e mozos/as as ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia, así como fomentar a convivencia, a cooperación, o respecto. Ademais, facilitan o contacto co medio rural, o deporte e a cultura.
Durante o acto, a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, destacou que este servizo tamén “busca facilitar a conciliación das familias durante as vacacións de verán”. Ademais, agradeceu o traballo das técnicas de Mocidade e Xestión do Medio Rural, “que fan posible esta programación un ano máis”, e animou á rapazada de Ames a participar nos distintos campamentos.
Pola súa banda, o concelleiro de Xestión do Medio Rural, Javier Antelo, sinalou que un dos obxectivos do servizo de campamentos municipais é “fomentar a convivencia, a cooperación e o respecto entre o rapaces, ademais do achegamento á natureza”.
Ampla oferta para todas as idades
Os nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Infantil poderán participar no campamento da granxa escola de Bergando (Negreira), entre o 4 e 6 de xullo. Ofértanse 30 prazas, e o prezo é de 100 euros.
Nesta mesma ubicación está programado o campamento para os rapaces e rapazas de 1º de Primaria, entre o 1 e o 3 de xullo, para o que tamén haberá 30 prazas. O prezo é, novamente, de 100 euros. Pola súa banda, os nenos e nenas de 2º de Primaria poderán gozar dunhas xornadas na granxa-escola Corazón de Carballo (Tomiño), do 22 ao 24 de xullo. Hai 35 prazas dispoñibles e o custe é de 100 euros. Os de terceiro curso viaxarán ata a granxa escola El Kiriko (Fornelos de Montes) do 14 ao 17 de xullo. Ofértanse 40 prazas e, neste caso, o custe é de 135 euros.
Xa no segundo ciclo de Primaria, os nenos e nenas de 4º de Primaria poderán participar no campamento Alvarella (Fragas do Eume), do 25 ao 29 de xuño. Tamén haberá 40 prazas dispoñibles, e custará 135 euros. A rapazada de 5º irá ao Camping O Terrón (Vilanova de Arousa), do 1 ao 6 de xullo. Ofértanse 40 prazas, e o prezo é de 180 euros. Para os máis maiores da etapa, os nenos e nenas de 6º de Primaria, organízase un campamento na praia de Patos (Nigrán). Haberá dúas quendas: do 23 ao 28 de xuño e do 30 de xuño ao 5 de xullo. En cada unha das quendas ofértanse 30 prazas, e o custe do servizo é de 180 euros.
Para nenos e nenas de 8 a 14 anos desenvolverase unha segunda quenda no campamento Alvarella (Fragas do Eume) entre o 19 e o 21 de xullo, para o que haberá 20 prazas dispoñibles, das cales o 50% estarán reservadas a usuarios/as con discapacidade igual ou superior ao 33%. Os menores contarán con monitores de apoio, que non realizarán tarefas sanitarias, agás aquelas relacionadas coa autonomía persoal.
Por outra banda, o alumnado de 1º da ESO poderá gozar do campamento Abrente, en Portonovo (Sanxenxo). Os rapaces e rapazas irán do 13 ao 19 de xullo. Ofertaranse 35 prazas, e o custe do campamento é de 230 euros. Para a rapazada de 2º da ESO organízase un campamento no camping Praia América (Nigrán), entre o 7 e o 13 de xullo. Neste caso, a oferta tamén é de 35 prazas, e o prezo é de 230€.
Para rematar, todos/as os/as que cursen 3º ou 4º da ESO ou Bacharelato poderán participar no campamento do Camping Paisaxe II, situado no Grove, do 7 ao 13 de xullo. Haberá 45 prazas dispoñibles, e custará 230 euros.
Cómpre engadir que do 28 de agosto ao 2 de setembro se celebrará unha segunda quenda do campamento na granxa escola El Kiriko, que irá dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos. O prezo do campamento será de 160 euros, e haberá 40 prazas dispoñibles.
Ademais, a Aula da Natureza do Concello de Ames organiza dúas quendas para o seu campamento urbano, que está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos. A primeira quenda realizarase do 1 ao 12 de xullo, mentres que a segunda quenda será do 15 ao 26 de xullo. Ofértanse 25 prazas por quenda e levaranse a cabo de luns a venres, en horario de 11:00 a 17:30 horas. O prezo é de 60 euros.
Solicitude de praza nos campamentos
A solicitude de praza para os campamentos realizarase a través do rexistro entre o 15 e 24 de abril. Deste xeito, as persoas interesadas en solicitar praza para os campamentos de verán do concello deberán enviar a ficha de solicitude a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou presencialmente nos rexistros de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR).
Está previsto que o 6 de maio se publique a lista provisional de admitidas/os na páxina web municipal e nos taboleiros oficiais do Concello, sobre a cal se poderán facer alegacións. Posteriormente, o 16 de maio publicaranse as listas definitivas.
A adxudicación de prazas realizarase de maneira directa, no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles. No caso de que o número de prazas solicitadas supere ás ofertadas, a adxudicación realizarase mediante sorteo público, que terá lugar o 20 de maio no salón de plenos da Casa do Concello. Os irmáns que soliciten papeleta única participarán no sorteo co mesmo número. Os/as usuarios/as que soliciten praza reservada para discapacidade igual ou superior ao 33% terán unha numeración e un sorteo propio. O resultado e a lista de agarda publicarase o 21 de maio na páxina web do Concello de Ames.
Matrícula
O prazo de matrícula estará aberto dende o 22 ata o 31 de maio. Para realizarse, haberá que presentar o impreso correspondente de matrícula debidamente cuberto, unha copia da tarxeta sanitaria e certificado médico (só no caso de padecer unha enfermidade que deberá ser reflectida). Se é preciso, os nenos/as que participen no campamento de Alvarella (segunda quenda) deberán entregar unha ficha de coñecemento persoal.
A documentación presentarase preferiblemente a través do rexistro telemático na sede electrónica do concello ou presencialmente no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR).
Pagamento
O pagamento das taxas poderá fraccionarse en dous pagos (50% do custe de cada un). O primeiro pagamento deberá ser realizado entre o 22 e o 31 de maio, e o segundo entre o 10 e o 19 de xuño.
Os impresos para facer efectivo o pagamento enviaránselle ao correo electrónico facilitado polos/as usuarios/as na súa solicitude de praza. Excepcionalmente poderá solicitarse o impreso de pagamento de xeito presencial nas Oficinas de Recadación do Milladoiro e de Bertamiráns ou a través do correo electrónico ames@canaltributos.com.
No caso de dispor de Certificado Dixital ou DNI electrónico poderase descargar ou pagar a autoliquidación premendo nesta ligazón, ou ben a través da banca electrónica de ABANCA.
Máis información
Para máis información sobre os campamentos de Infantil, Primaria e urbano pódese contactar coa Aula da Natureza, chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal. Por outra banda, para saber máis sobre os campamentos de ESO e Bacharelato pódese contactar coa Concellaría de Xuventude, chamando ao teléfono 616 083 229 ou escribindo a xuventude@concellodeames.gal. O horario de atención de ambos departamentos será de 9:00 a 14:00 horas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)