Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 febrero, 2026
O Consello da Xunta deu luz verde definitiva á modificación do percorrido da senda peonil e ciclista entre O Milladoiro e San Caetano, deixando fóra da actuación a contorna do Bosque do Banquete de Conxo. A decisión chega despois da controversia xerada polo proxecto inicial, que contemplaba o paso polo interior deste espazo natural, provocando a oposición de veciñanza e colectivos ecoloxistas.
Tras aquela polémica, a Consellería de Infraestruturas formulou unha alternativa que tamén acabou descartada o pasado ano, ao recibir un informe desfavorable de Patrimonio polo impacto na área do Mosteiro de Conxo, protexida co máximo nivel. Agora, o Goberno galego aposta por unha terceira proposta situada fóra do ámbito fixado polo Plan Especial de Conxo.
Segundo explican desde a Xunta, o novo deseño busca “o maior consenso posible” e garante unha senda segregada do tráfico rodado, atendendo ás demandas da principal asociación ciclista da cidade, que reclamaba máis seguridade para os usuarios.
A alternativa mantén o itinerario previsto ata o punto quilométrico 3+560. A partir de aí, en lugar de dirixirse cara ao oeste atravesando o Banquete, desvíase cara ao leste ata o actual aparcadoiro do Hospital de Conxo. Desde ese punto, a vía ciclable discorre polo perímetro oeste do estacionamento, onde se instalará tamén unha pasarela de madeira para salvar o desnivel ata a cota do parking.
Para evitar a perda de prazas, modificarase a disposición dos vehículos, que pasarán de aparcar en batería a facelo en espiña de peixe, mantendo a capacidade actual.
Á altura do paso de peóns da rúa Ramón Baltar, a senda cambia de marxe e sitúase paralela á beirarrúa, o que obriga a executar un pequeno desmonte. O trazado descende posteriormente para enlazar co proxecto inicial no punto quilométrico 4+260, mediante un novo paso no muro perimetral que evita interferir co acceso ao camiño do Banquete.
Desde o Executivo autonómico subliñan que a proposta conta con todos os informes sectoriais favorables. Durante o período de exposición pública presentáronse alegacións de particulares e emitiron informes o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e as consellerías de Cultura e Medio Ambiente.
A Xunta precisa que, polo momento, só se executará unha primeira fase do proxecto. Quedará fóra da intervención o treito comprendido entre os puntos quilométricos 2+600 e 4+200, próximo ao Banquete de Conxo, debido á falta de acordo co Concello de Santiago.
Segundo o Goberno galego, esta fórmula permitirá avanzar nun tramo consensuado entre administracións e cumprir cos prazos marcados polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado con fondos europeos NextGeneration. A segunda fase incluiría a senda completamente segregada do tráfico, opción que —segundo indican— reforzaría a seguridade e comodidade dos ciclistas, fronte á alternativa municipal, que consideran menos garantista.
Cómpre lembrar que, cando Patrimonio informou negativamente o proxecto anterior, a Xunta anunciara a posibilidade de destinar os fondos a outro concello, unha decisión que desde Raxoi cualificaron daquela de “pataleta”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)