AD

Actualidad

Arranca unha nova edición de Compostela Diversa co fin de dar visibilidade á realidade LGTBI

today23 mayo, 2024

Fondo
share close
AD

Preto de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade participan na campaña de difusión e visualización da realidade LGTBI no marco da iniciativa Compostela Diversa, que ofrece un ano máis un amplo programa de actividades lúdicas e de reflexión. Varios puntos da cidade contarán con iluminación e decoración especiais desde o 27 de maio ata o 30 de xuño. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu conta esta mañá en rolda de prensa de todas as actividades programadas para esta nova edición.

A alcaldesa presentou esta mañá unha nova edición de Compostela Diversa, programa que inclúe xornadas de reflexión, actividades lúdicas, intervencións no espazo público e unha campaña de difusión e concienciación sobre a realidade LGTBI.

Ao respecto da campaña, a rexedora explicou que manterá «o espírito porque foi un éxito e é un referente para o noso concello, xa que a xente xa ten interiorizada esta imaxe e estas cores». «Queremos que Compostela Diversa teña unha presenza forte na rúa e nos establecementos comerciais e hostaleiros, para o que contaremos con iluminación e decoración de rúas e prazas e de comercios, bares, restaurantes e hoteis», destacou Goretti Sanmartín, que adiantou que nesta edición levarase unha parte da iluminación á praza roxa, xa que é «un centro neurálxico de moita xente nova e un espazo de tránsito para moitas persoas».

A alcaldesa recordou que Compostela Diversa naceu en 2018 para facer de Santiago un referente da diversidade sexual e de xénero en Galicia, e contribuír así ao avance na consecución dos dereitos, a visibilidade e a normalización da vida de todo o colectivo LGTBI. Trátase dunha iniciativa do Concello de Santiago impulsada a través da Concellaría de Igualdade, coa participación da Concellaría de Comercio e de Turismo de Santiago, co apoio de la Deputación da Coruña e a colaboración especial do Mercado de Abastos e o colectivo Avante LGBT+.

Programación

Esta sexta edición de Compostela Diversa celebrarase do 27 de maio ao 30 de xuño, concentrándose os actos centrais nos últimos dez días. Así, o xoves 20 de xuño haberá un Faladoiro sobre persoas asiladas LGTBI, coa colaboración da ONG Movemento pola Paz. O sábado 22 de xuño, a sección Cinema acollerá a presentación e exhibición do filme «Testigos de un tiempo maldito», con coloquio posterior con Daniela Ferrández e Javier Larrauri, director da película, así como a proxección da curtametraxe de Anxos Fazáns «Habitar».

O venres 28, levarase a cabo a lectura do manifesto ás 11 do mediodía na Praza do Obradoiro. Ao día seguinte, desde as 18:30 ata as 23:30 h a praza de Mazarelos acollerá un programa lúdico, artístico e poético, no que intervirán distintos escritores e artistas.

De xeito complementario a estas actividades, preto de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade vestiranse coas cores de Compostela Diversa, a través de distintos elementos coma mandís, carteis, postais, pousavasos e manteis, dentro dunha campaña de difusión e visualización da diversidade.

Ademais, un ano máis, para visibilizar os valores de Compostela Diversa, Turismo de Santiago colocará iluminación e decoración en espazos públicos destacados como a propia oficina central de Turismo de Santiago, ou en diferentes puntos da Alameda, como a Porta Faxeira, as Dúas Marías, o Eucalipto dos Namorados, incorporando ademais este ano a praza Roxa como novidade.

Ademais, no Paseo dos Leóns da Alameda instalarase un Arco de Cores de grandes dimensións para que tanto as persoas residentes en Santiago como as persoas que visitan a cidade estes días poidan tomarse unha fotografía coas cores da diversidade coa vista da cidade histórica e da Catedral no fondo. Tamén se vestirá de cores LGTBI a rúa das Ameas, na que está o Mercado de Abastos, o segundo lugar máis visitado despois da Catedral. Esta iluminación e decoración especiais estarán visibles desde o 27 de maio ata o 30 de xuño.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%