Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 noviembre, 2023
Venres, 10 de novembro de 2023.- O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa programa o Día da Infancia con motivo da conmemoración do Día Internacional do Neno o 20 de novembro con espectáculos para escolares en horario lectivo. Trátanse de espectáculos musicais nos que se traballa a igualdade.
Os nenos, nenas, mozos e mozas dos centros educativos de Arzúa poderán participar de balde nas actuacións musicais que se celebrarán no Multiusos Terra do Queixo.
A primeira sesión será o luns, día 13, para o alumnado de Educación Infantil que poderán gozar dunha actuación musical a cargo de María e Jorge con Soñando inventei, un espectáculo musical no que a través da escolla de cancións se traballa a diversidade e a igualdade de xénero. As cancións que se interpretan forman parte do libro disco Fantasía coas palabras publicado pola editorial Galaxia.
O martes día 14 será a quenda para o alumnado de 1º, 2º e 3º curso de Educación Primaria que participarán no espectáculo Bravas. O rexurdir da luz de A Gramola Gominola cun traballo de auténtico Rock&Roll que pon en valor ás Superheroínas que tratan de cambiar o mundo cos seus superpoderes. As súas protagonistas empregan os seus poderes para loitar contra o abuso escolar, defender a lingua, protexer a natureza e visibilizar as emocións.
Outra proposta destinada aos escolares de 4º, 5º e 6º de Primaria terá lugar o mércores 15. O espectáculo FemininoPlural da man de Silvia Penide e Carla López. Este proxecto xorde da necesidade de amosar o importante percorrido de diversas mulleres autoras no transcurso da historia da humanidade.
E, por último, o xoves 16, os mozos e mozas da ESO pecharán este programa de actuacións coa función Catuxa Salom, Loop Station. Catuxa Salom presentou en novembro de 2022 o seu primeiro traballo en solitario, Nunha aldea. Un EP creado na aldea de Pontenova, entre as montañas de Lugo, que fusiona folclore galego, ritmos latinoamericanos e electrónica. As súas cancións son un canto á vida rural, ao ecofeminismo e ás raíces, un convite a conectar co noso pasado.
O Concelleiro de Cultura, José Luís García, destaca a importancia deste programa que “asegura a participación de todas as nenas e nenos do municipio dando acceso así á cultura desde a infancia nunha iniciativa á que acudirán máis de 500 escolares”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)