Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 diciembre, 2025
As Burbullas de Compostela fan un chamamento aberto á cidadanía para participar na gravación da súa tradicional felicitación de Nadal, prevista para o 27 de decembro na Praza do Obradoiro, previsiblemente entre as seis e media e as sete da tarde. A convocatoria está aberta tanto a quen queira vestirse de burbulla como a quen prefira sumarse como brindador/a ou simplemente achegarse para ver como se desenvolve a gravación.
Así o explicou Manuel Moledo, un dos integrantes do colectivo, que resumiu o espírito da iniciativa cunha mensaxe clara: “O único requisito é ter ganas de pasalo ben e pasar un momento divertido”. Unha filosofía que acompaña ás Burbullas desde o seu nacemento no Nadal de 2021, cando un grupo de amigos decidiu crear unha felicitación diferente en plena pandemia, inspirada nas clásicas burbullas televisivas e pensada unicamente como divertimento.
Co paso dos anos, a iniciativa foi medrando en participación e repercusión. En 2024, unha das súas felicitacións superou as 100.000 visualizacións e acabou viralizándose dentro e fóra de Galicia. “Hai un galego en todas as partes do mundo e a xente usa os vídeos para felicitar o ano”, explica Moledo. Segundo relata, as felicitacións das Burbullas chegaron a compartirse en países como Estados Unidos, Canadá, Australia ou Singapur, grazas á difusión a través das redes sociais e dos grupos de mensaxería.
Para quen queira participar activamente na gravación, o único requisito é acudir vestido de burbulla. O elemento clave é un mono dourado, ao que cada persoa pode engadir luvas, chisteras ou outros complementos ao seu gusto. “A clave está no mono dourado”, sinala Moledo, que insiste en que non hai normas nin esixencias estéticas: “Dános igual o corpo, a condición ou os complexos. Vestímonos para pasalo ben”. Quen non se anime a levar o traxe tamén pode sumarse como brindador/a ou simplemente achegarse ao Obradoiro para acompañar a gravación.
A gravación do 27 de decembro manterá o carácter aberto e espontáneo que define ao colectivo. Manuel Moledo será o encargado de exercer como coreógrafo e ensinará alí mesmo os pasos a todas as persoas participantes, cunha coreografía “super sinxela e moi fácil”, pensada para que “non faga falta saber bailar nin ter experiencia previa”. Ademais, o grupo xa realizou algunhas pequenas gravacións nas semanas previas que se integrarán no vídeo final, aínda que o groso da peza se gravará no Obradoiro ese mesmo día.
A edición deste ano contará tamén cunha banda sonora máis vencellada a Galicia e coa presenza dunha estrela invitada “coñecida internacionalmente e moi vinculada a Galicia”, que participará presencialmente na gravación, aínda que a súa identidade non se dará a coñecer ata o propio día.
O vídeo publicarase o 31 de decembro, como felicitación colectiva para despedir o ano e dar a benvida a 2026. “O noso único propósito é pasalo ben e que a xente se divirta”, conclúe Moledo.
Toda a información está dispoñible na web e nas redes sociais das Burbullas de Compostela, desde onde continúan animando á cidadanía a sumarse este 27 de decembro no Obradoiro a unha gravación aberta, festiva e participativa.
As Burbullas de Compostela non se limitan á gravación de Nadal. O grupo participa activamente na vida social e festiva da cidade e estivo presente en citas como as festas da Ascensión, onde o pasado ano realizaron unha pequena performance para reivindicar os tradicionais Viños de Aragón. “Non hai festas da Ascensión sen os Viños de Aragón”, lembra Moledo, que define esta acción como “outra escusa máis para facer un divertimento”, sempre desde o humor e a participación colectiva.
Escrito por Líder Redacción
Burbullas compostela felicitación Burbullas de Compostela Manuel Moledo


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)