Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 mayo, 2024
A conselleira do Medio Rural resaltou que “os labores tradicionais do agro que nestas carrozas se reflexan contribúen a unir á xente do rural e forman parte do acervo colectivo que nos define como pobo, polo que é importante preservalos”
Boqueixón, 19 de maio de 2024.- A veciñanza de Oural celebrou esta mañá as vodas de ouro das Carrozas do San Cidre, unha festa para exaltar as tradicións e actividades agrogandeiras do rural galego organizada pola Asociación das Carrozas do San Cidre, en colaboración co Concello de Boqueixón, e que ten solicitada a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia. Un desfile no que este ano participaron oito carrozas, elaboradas ao longo do ano polo catrocentos veciños e veciñas da parroquia, e que este ano contaron coa novidade da participación dun grupo de tractores antigos, procedentes do Museo do Campo e Mecanización de Silleda.
Tras o desfile das carrozas polas rúas de Camporrapado acompañadas pola música da Charanga BB+ e do grupo local Son de Gaita, o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tomaron parte no acto do pregón e entrega de premios ás mellores carrozas: Crackrozas, Sin Ley Quiero e Cuchipandis. Unhas carrozas nas que se podían degustar bo viño e cervexa acompañado da gastronomía local: churrasco, chourizo, fabada, arroz con ameixas, pinchos morunos… e mesmo pizza para os máis cativos.
Festa de Interese Turístico
Ovidio Rodeiro destacou que “Oural é unha parroquia única e así o acreditan estes cincuenta anos de carrozas, un traballo incrible que fai cada unha das aldeas desta parroquia e que van lograr converterse en Festa de Interese Turístico de Galicia”. O alcalde de Boqueixón puxo en valor o traballo da comisión de festas e da Asociación das Carrozas do San Cidre, “algo que puidemos ver todos este venres coa presentación dese documental que recolle toda esa tradición durante estes últimos cincuenta anos”, rematado co grito popular “viva o San Cidre!”.
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural resaltou que “os labores tradicionais do agro que nestas carrozas se reflexan contribúen a unir á xente do rural e forman parte do acervo colectivo que nos define como pobo, polo que é importante preservalos”. Ademais, María José Gómez sinalou que “non se pode entender o presente e dirixirse ao futuro sen coñecer e respectar o pasado” e agradeceu a todos os implicados nesta celebración por chegar ao medio século poñendo en valor as actividades agrogandeiras tradicionais.
O divertido pregón, que reuniu a centos de persoas no campo da festa, correu a cargo de Fran Cañotas, xornalista, actor e presentador da TVG, que deu paso a unha sesión vermú coa Charanga BB+ e Tania Veiras. Pola tarde, a Orquestra Olympus pechará tres días de festa na parroquia do Oural e esta 50 edición das Carrozas do San Cidre.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)