Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 junio, 2025
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2025 – As I Xornadas de Turismo en Santiago ‘Cando Compostela gana’, organizadas pola Asociación de Turismo e Hostalería Compostela (ATHC), co apoio de Turismo de Galicia, celebraron hoxe a súa segunda e última cita na Hospedería San Martiño Pinario.
A tarde comezou coa conferencia titulada ‘Saturar ou soster: o dilema turístico de Santiago’ que ofreceu Marisa del Río, coordinadora do Grupo de Investigación POSMARK e directora do Máster en Marketing Dixital e Xestión Comercial da USC. Marisa lamentou que aos peregrinos “non lles estamos a presentar o destino, Santiago, como un lugar para quedarse”, e moitos veñen convencidos de que “o Camiño remata en Fisterra”, destacou.
Respecto á regulación do turismo en Santiago, del Río apuntou algúns exemplos como a dispersión de fluxos “a través do apoio da IA no deseño de produtos e paquetes ad hoc”, traballar na imaxe da cidade como meta do Camiño ou a desestacionalización da demanda co traslado de eventos ao inverno. Pola contra, a profesora titular da USC non cre acaídas medidas como a aplicación dunha taxa turística que se aplica aos hoteis “cando precisamente o que queremos é que o turismo pernocte máis”.
Para rematar o evento, o presidente da ATHC, Ramón García, moderou a mesa redonda ‘Santiago e o turismo. Unha realidade a debate’. Nela participaron, Xosé Antonio Liñares, socio fundador da ATHC; Esteban Iglesias, presidente de Unión Hotelera Compostela; e Miguel Pazos Otón, do Grupo de Investigación ANTE Análise Territorial da USC.
Na súa intervención, Miguel Pazos Otón asegurou que “non podemos ser turismofóbicos” cando Santiago leva sendo lugar de acollida máis de 800 anos. “O que hai é que regular o turismo, seguir humanizando a cidade e mellorar a súa mobilidade”, afirmou.
Pola súa banda, Esteban Iglesias quixo destacar que en Santiago “non hai saturación turística” e argumentou a súa opinión baseándose en datos como que a nosa media anual de ocupación está no 66%, cando en cidades como San Sebastián está no 82%. “No mes de xaneiro foi do 39%, estando 93 establecementos pechados”, apuntou.
Tanto Esteban Iglesias como Xosé Antonio Liñares coincidiron ademais na necesidade de poñer en marcha “ferramentas de xestión eficaces”, tanto para xestionar dos fluxos turísticos como para mellorar a mobilidade da cidade; facendo especial fincapé no problema cos taxis que leva anos sen resolverse.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)