Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 junio, 2025
A cuarta edición do Fest for Dent reunirá este sábado en Bertamiráns, música, arte, humor e solidariedade para apoiar a investigación dunha enfermidade xenética minoritaria que afecta só aos homes.
Arte, cultura, humor e unha causa profundamente humana. Así se presenta a cuarta edición do Fest for Dent, que este sábado encherá o parque do Ameneiral en Bertamiráns cunha programación pensada para toda a familia. O obxectivo? Recaudar fondos e dar visibilidade á enfermidade de Dent, unha doenza renal ultra-rara de orixe xenética que afecta só aos varóns e que en Galicia apenas está diagnosticada en dez nenos.
María Castelao, presidenta da asociación Art For Dent e nai dun dos afectados, compartiu na entrevista en Radio Líder Santiago con Álvaro Veiga a historia da súa loita para conseguir un diagnóstico, a través dun longo proceso que culminou en 2019. “O diagnóstico xa é unha loita en si mesma”, confesou. Desde entón, xunto a outras tres familias (dúas galegas e unha asturiana), fundaron esta entidade que xa logrou recadar 160.000 euros destinados integramente á investigación no laboratorio NefroCHUS en Santiago. «Non somos conscientes do que conseguimos, pero aínda queda moito por facer», recoñeceu.
O festival, que conta coa colaboración dos concellos de Ames e Brión e do tecido empresarial local, ofrecerá desde as 17:00 unha ampla programación: música en directo con grupos como Retranqueiriños, Dous homes e tercio, actuacións de maxia, batucada, monólogos, xogos infantís, sorteos solidarios e un mural colaborativo. A entrada é gratuíta, e os fondos obteranse mediante rifas e merchandising solidario, como camisetas deseñadas por artistas locais e producidas por empresas colaboradoras como Reizentolo.
“Non buscamos lucro; queremos que a enfermidade de Dent deixe de ser tan invisible”, explicou Castelao. “Grazas á colaboración cidadá conseguimos que dúas ratas con mutación da enfermidade se usen xa na investigación, e hai unha tese en marcha centrada nela”.
O cartel deste ano mantén o deseño orixinal do artista Xosé Vizoso, falecido en xaneiro, como homenaxe ao seu apoio. A presentación correrá a cargo de Leti da Taberna, e entre as actividades destacadas está o Tapeo solidario e a colaboración da asociación ACEM. Todo o evento é un exemplo de unión: “Aquí non hai política; hai unha causa común que une a xente, empresas e concellos por algo que nos supera a todos”.
Escrito por Líder Redacción
ames Art for Dent bertamirans fest for dent saude solidaridade
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)