Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 septiembre, 2024
Ames, 23 de setembro de 2024.- O alcalde de Ames, Blas García, vén de reunirse co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Esta xuntanza, solicitada polo rexedor do Concello de Ames o pasado 6 de agosto, tivo lugar nas oficinas de San Caetano. A reunión, que discorreu con total normalidade e cordialidade, serviu para poñer sobre a mesa varios asuntos sobre os que o Concello de Ames viña reclamando a colaboración da Xunta de Galicia dende fai tempo.
García e Rueda mantiveron unha reunión na que o alcalde recoñeceu que o apoio da Xunta de Galicia é imprescindible para que os concellos poidan medrar e ofrecer servizos de calidade á súa veciñanza: “Ames é un concello de servizos e o único de Galicia que medra ano tras ano cun saldo vexetativo positivo, necesitamos que a Xunta de Galicia recompense con recursos as políticas que levamos a cabo e poidamos así manternos nesta senda do crecemento”.
Durante esta reunión de traballo rexedor e presidente acordaron que a Xunta financiará cun millón de euros o proxecto de ampliación da EDAR Sisalde, que leva anos sobrepasada e require dunha importante actuación para poder dar servizo a toda a poboación que está atendendo neste intres. Esta obra, que se inclúe no Plan Hidrolóxico de Galicia Costa, ten un nivel de investimento de máis de 20 millóns de euros, contando os dez millóns de euros necesarios para a ampliación da EDAR, aos que habería que sumar outros dez millóns para mellorar a rede de colectores, máis outro millón para a realización do proxecto construtivo. Ademais, o concello destacou o seu compromiso de negociar co Goberno central para que esta actuación sexa de interese xeral e entre na financiación do Estado.
Por outra banda tamén se acadou o compromiso de que o ente autonómico entre nun convenio a tres bandas, Concello de Ames, Deputación da Coruña e a propia Xunta de Galicia, para levar a cabo o Mercado municipal de Ames. Esta última infraestrutura xa conta cun financiamento de 750 mil euros por parte da Deputación da Coruña e precisa de 3 millóns de euros para ser viable.
A vivenda de protección foi un dos temas sobre os que o mandatario galego e o alcalde máis en sintonía estiveron. Dende fai meses o Concello de Ames está en negociacións co IGVS para a construción deste tipo de vivendas en parcelas de titularidade municipal, feito que non escapou ao coñecemento do presidente. Actualmente o proceso atópase en fase inicial e pendente da sinatura dun protocolo para que o concello poida iniciar a urbanización das parcelas.
Por último tamén se deron avances no desenvolvemento do polígono industrial de Bertamiráns, xa que se vai analizar a viabilidade de empresas interesadas e haberá unha reunión coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, para analizar a situación.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)