Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Na entrevista concedida a Radio Líder Santiago, o alcalde de Ames, Blas García, fixo un repaso exhaustivo da situación vivida tralo apagón masivo do día anterior que afectou a toda España e Portugal. García destacou a resposta coordinada do Concello ante a falta de subministración eléctrica e de comunicacións: “Desde as dúas da tarde quedamos sen comunicación móbil en todo o Concello, algo que teremos que revisar coas operadoras”.
A primeira medida foi garantir a atención aos máis vulnerables e manter os servizos básicos. “Convocamos unha reunión de coordinación e o primeiro foi asegurar a comida dos 1.500 nenos e nenas dos comedores escolares”.
A atención sanitaria tamén foi prioritaria: “O primeiro xerador colocámolo no centro de saúde de Bertamiráns para manter frías as vacinas”.
A situación, que Red Eléctrica xa cualificou como un fallo técnico excepcional e non un ciberataque, serviu para reflexionar: “É moi difícil vivir sen móbil ou internet, pero podemos facelo. Onte moitos redescubriron o parchís ou as cartas nas terrazas”.
En canto á comunicación coas veciñas e veciños, o rexedor destacou a importancia dos medios tradicionais: “A radio foi fundamental. Aqueles que tiñan radios con pilas puideron informarse. Hai que pensar en dotalas de xeradores para futuras emerxencias”.
A nivel político, fixo un chamamento á responsabilidade: “Non podemos aproveitar todo para facer sangue política. Non creo que houbese un só alcalde ou alcaldesa que non fixera o posible polos seus veciños”.
Outro dos temas destacados foi a humanización do Milladoiro, unha obra clave para o concello. “É unha obra que marcará un antes e un despois. Entendo as molestias, pero ninguén ten máis ganas ca min de que rematen”.
As obras avanzan, aínda que non á velocidade desexada, e prevese a súa finalización no primeiro semestre de 2026.
No pleno municipal tratarase a incorporación do Concello á asociación Ames Solar, impulsora das comunidades enerxéticas. “Poñemos tellados municipais a disposición para instalar paneis solares que beneficien aos veciños. É aforro, independencia enerxética e futuro”.
Tralo apagón, García considera que este modelo cobra aínda máis sentido: “As comunidades enerxéticas son a gran saída, tamén para empresas e administracións públicas”.
García tamén anunciou a creación de máis de 200 vivendas públicas no Milladoiro grazas a un convenio co IGVS. Ademais, prevé sacar á poxa cinco parcelas municipais para vivenda con promotores privados. “Estamos en 33.200 habitantes e, se todo vai con normalidade, chegaremos aos 40.000 nos próximos 10 anos”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)