Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 febrero, 2026
No espazo “Hai Debate” de Radio Líder Santiago, os catro grupos con representación no Pazo de Raxoi confrontaron as súas posicións arredor dos Orzamentos 2026, presentados recentemente polo executivo de Goretti Sanmartín.
No debate participaron Marta Abal (PSdG-PSOE), Nerea Barcia (PP), Manuel César (BNG) e María Rozas (Compostela Aberta), nun intercambio marcado pola defensa do carácter social das contas por parte do Goberno e polas críticas da oposición en materia de investimento, execución e fondos europeos.
Un orzamento “histórico” de 148 millóns
O Goberno local defendeu que se trata do orzamento máis elevado da historia do Concello, con 148 millóns de euros (máis de 150 millóns no consolidado). Segundo Manuel César, son unhas contas “que poñen ás persoas no centro” e que reforzan os servizos públicos, mentres María Rozas destacou o incremento en políticas sociais, mobilidade e mantemento urbano.
Entre os datos salientados polo executivo:
Incremento de máis de 3 millóns no Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Case 9 millóns para transporte público.
Reforzo de persoal municipal, incluíndo novas prazas en Policía e Bombeiros.
Aposta por investimentos como a Casa dos Maiores en San Pedro de Mezonzo ou a Factoría Moza en Salgueiriños.
🎙️@maria_rzs: “O incremento do orzamento do Servizo de Axuda no Fogar non figura no capítulo de investimentos, pero mellora a vida da xente. O mesmo acontece co transporte, co mantemento das instalacións deportivas, do viario público…” pic.twitter.com/bhD1ZLs6Hy
— Compostela Aberta (@compostelaberta) February 23, 2026
Desde o BNG tamén se puxo o foco na execución orzamentaria, asegurando que o grao de execución en investimentos pasou do 16% ao 25% respecto a exercicios anteriores.
PSOE: “Pouco ambiciosos” e con risco nos fondos europeos
A voceira socialista, Marta Abal, cualificou inicialmente as contas como “moi pouco ambiciosas e nada transformadoras”, poñendo o acento na baixada do anexo de investimentos, que pasa de 12,4 a 6,3 millóns de euros, apenas un 4,26% do total.
O PSOE expresou tamén preocupación pola consignación de fondos europeos EDIL, advertindo do risco de non acadar as porcentaxes de execución esixidas para optar a novas convocatorias.
A pesar das críticas, Abal recoñeceu a incorporación de propostas socialistas, como a transformación de prazas da UMAD en prazas de bombeiros, e deixou o sentido do voto aberto á análise da “letra pequena
PP: críticas á xestión e falta de consenso
Pola súa banda, Nerea Barcia (PP) afirmou que existe “descoñecemento total” sobre o detalle das contas e denunciou falta de diálogo e transparencia por parte do executivo.
A popular cuestionou que os anteriores orzamentos mellorasen o estado da cidade, apuntando a problemas en mantemento, limpeza ou vivenda, e advertiu que “Santiago vai a peor” baixo o actual Goberno.
Tensión polos fondos europeos
Un dos momentos máis tensos do debate produciuse arredor da xestión dos fondos EDIL e EDUSI. O Goberno defendeu que se alcanzará o 40% de execución para optar a máis financiamento, mentres o PSOE puxo en dúbida esa previsión e pediu maior claridade no plan de acción integral.
A discusión derivou en acusacións cruzadas sobre a xestión de convocatorias anteriores e o uso dos fondos para actuacións xa iniciadas
Un pleno clave e a posibilidade dunha cuestión de confianza
O debate tamén abordou o escenario político. Sen maioría garantida, a alcaldesa xa avanzou a posibilidade de someter os orzamentos a unha cuestión de confianza. De non prosperar unha alternativa de goberno nun mes, as contas quedarían automaticamente aprobadas
De momento, non hai data fixada para o pleno, aínda que previsiblemente se celebrará en marzo.
Unha votación aberta
O Goberno amosouse optimista respecto ao apoio socialista, mentres o PSOE insistiu en que analizará o detalle antes de decidir. O PP mantén unha posición frontalmente crítica.
“Hai Debate” deixou claro que os Orzamentos 2026 non son só unha ferramenta económica, senón tamén unha proba de estabilidade política nun tramo final de mandato no que as alianzas serán determinantes para o futuro da cidade.
Escrito por Líder Redacción
bng compostela aberta hai debate orzamentos 2026 politica pp psdg-psoe


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)