AD

Actualidad

Bota a andar en Santiago é-Bici, un proxecto piloto de préstamo de bicicletas

today12 abril, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

12/04/2024 O próximo luns empezará a funcionar é-Bici USC, un programa piloto de préstamo de bicicletas eléctricas impulsado pola xerencia da Universidade de Santiago, en colaboración coa Concellaría de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais. O obxectivo é mellorar a comunicación entre os campus, apostando por unha mobilidade máis sostible e uns modos de vida máis saudables.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, o reitor da USC, Antonio López, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, o xerente da Universidade, Javier Ferreira, e o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, presentaron o proxecto nun acto que tivo lugar ao carón da Facultade de Ciencias da Comunicación. A rexedora mostrou a súa satisfacción «por poder colaborar coa USC nun proxecto que aposta pola mobilidade sostible e no que xa se leva traballando moito tempo, e que ademais está dirixido especialmente á poboación nova que xa está concienciada co problema do ambiente e coa necesidade de utilizar transportes alternativos».

O programa é-Bici USC bota a andar con vinte bicicletas, que estarán a disposición da comunidade universitaria desde as 8.00 ata as 20.30 horas. Haberá catro estacións de cadeado e carga, situadas na facultade de Filoloxía, a facultade de Odontoloxía, a biblioteca Concepción Arenal e o Aulario Novoa Santos, ao carón do Hospital Clínico. As persoas que queiran utilizar as bicicletas poden rexistrarse nunha aplicación, usc-mobile.discomon.eu/home, na que tamén se pode consultar cantas bicicletas hai dispoñibles en cada parada, informar de posibles incidencias e consultar toda a información sobre o programa de préstamo. Tal e como explicou o reitor, «nos próximos meses testarase o funcionamento do sistema, a súa demanda real e as formas de uso das bicicletas, para logo adaptar o servizo á demanda real da comunidade universitaria». A partir de aí, sinalou Antonio López, estudarase a posibilidade de ampliar o servizo, en colaboración co Concello.

Colaboración da concellaría de Mobilidade

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, explicou que a colaboración do seu departamento coa USC neste proxecto consistiu no subministro de seis bicicletas, catro delas eléctricas, e na sinalización do percorrido prioritario para as usuarias. En concreto, realizáronse traballos de pintado para indicar a prioridade ciclista e os límites de velocidade de 20 e 30 quilómetros/hora, segundo a zona, e instaláronse tamén 30 sinais verticais de preferencia ciclista.

O edil insistiu en que «este ten que ser o mandato da mobilidade, e nese sentido un dos retos é que a bicicleta se consolide como modo de transporte porque Santiago é unha cidade perfecta para ser vivida en bicicleta». Xan Duro reiterou que «urxe darlle a volta á pirámide do transporte, para poñer na cúspide os desprazamentos a pé e en bicicleta e conseguir que o uso do vehículo privado se reduza todo o posible». Nese sentido, agradeceu que a Universidade de Santiago impulse proxectos como o presentado hoxe, «que se complementará no futuro con outros sistemas públicos de bicicleta nos que estamos traballando desde o Goberno».

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%