AD

Actualidad

Calpep Bebé, 25 anos vestindo os primeiros días: «Formamos parte dos soños de moitas familias»

today19 febrero, 2026

Fondo
share close
AD
  • Falamos con Susana Perol, responsable de Calpep Bebé, empresa familiar da Estrada que aposta pola produción local e pola calidade das súas prendas para recén nacidos

A chegada dun bebé marca un antes e un despois na vida das familias. A primeira posta, a mantiña do hospital, a cesta de nacemento preparada con ilusión… pequenos detalles que acompañan o inicio dunha nova historia. Dende hai 25 anos, Calpep Bebé forma parte dese momento tan especial.

A orixe da empresa está en Carcacía (Padrón), onde a familia xa se dedicaba á confección. A través dunha comercial que coñecía aos seus pais —e que fabricaba edredóns de cuna en Portugal— xurdiu unha oportunidade que mudou o rumbo do negocio. A comercial preguntou onde podía conseguir a guata para elaborar esas pezas e foi entón cando a nai de Susana Perol decidiu asumir ese traballo e comezar a fabricar os edredóns, que despois se comercializaban en Cataluña. “Miña nai é moi empresaria, moi atrevida, sempre se apunta a todo”, lembra Susana. A partir daquela experiencia foron ampliando pouco a pouco a produción cara ao mundo do bebé ata especializarse completamente neste sector. “Empezamos así e despois xa nunca máis o deixamos”.

Co paso do tempo, a actividade medrou e no ano 2000 trasladáronse ao Polígono Industrial de Toedo, na Estrada, onde continúan hoxe coa produción íntegra en Galicia.

O nome tamén nace desa raíz familiar: “Cal” procede de Caldelas, apelido da súa nai, e “Pep” de Pepe, o seu pai. Así xurdiu Calpep como fábrica de confección e, posteriormente, Calpep Bebé como marca especializada en recén nacidos.

A firma confecciona bodis, primeiras postas, polainas, gorriños e pijamas, ademais de puericultura téxtil como sábanas, edredóns, sacos e toallas. A roupa interior elabórase en algodón 100% peiteado e nas últimas coleccións reforzan a aposta polo algodón orgánico.

Todo é local, todo o proceso faise na Estrada”, subliña Susana. Corte, confección, bordado e distribución realízanse na propia fábrica, onde traballan oito persoas. Un modelo que combina tradición familiar, produción de proximidade e control de calidade en cada peza.

En canto ás tendencias deste 2026, regresan con forza os tons neutros e pasteis. “Volvemos ao branco, ao beige, aos colores doces e suaves. Todo é cíclico”, explica, tras unha etapa marcada por cores máis intensas.

As cestas de nacemento personalizadas seguen sendo un dos produtos máis demandados, tanto polas familias como para agasallar. Entre as pezas estrela destaca a toalla, dispoñible en varias medidas. “É un regalo útil, práctico e que ademais pode pasar dun irmán a outro”.

A personalización continúa sendo un dos grandes sinais de identidade da marca. Bordados con nomes, datas ou frases especiais converten cada peza nun recordo único. “Formamos parte dos soños de moitas familias”, afirma Susana. “Cando bordas o nome dese bebé xa non é un nome calquera, é o seu”.

Ao longo destes 25 anos tamén viviron encargos cargados de emoción. Susana lembra especialmente o dunha nai que pediu bordar un trevo moi especial na roupa do seu bebé como homenaxe á súa propia nai falecida. “Cando rematei o bordado púxenme a chorar. Sentes que estás cumprindo un pequeno soño”.

Tras un cuarto de século de traxectoria, Calpep Bebé continúa apostando pola produción local, pola calidade das súas prendas e pola continuidade dun proxecto familiar que converte tecido, fío e agarimo en lembranzas que moitas familias gardan para sempre.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *