Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 mayo, 2025
“Este mes de maio Conxo vai ter un protagonismo especial porque á xa tradicional Festa do Banquete, hai que sumarlle a conmemoración dos 100 anos da anexión do antigo Concello de Conxo ao Concello de Santiago de Compostela2”, sinalou a rexedora que lembrou que “como é sabido a data oficial en que se formalizou, en sesión plenaria, a anexión de Conxo a Santiago foi o 15 de maio de 1925, e desde o goberno municipal, co movemento veciñal de Conxo, estamos a traballar nun acto para conmemorar esa data simbólica e nun programa de actividades que se irán desenvolvendo ao longo de todo o ano”.
“Levamos por bandeira que Compostela non sería a mesma sen os seus barrios, que a personalidade do noso Concello é a suma da personalidade diferenciada de todos e cada un dos seus barrios e das súas parroquias. E neste 2025 é unha ocasión de excepción para celebrar e evidenciar que nin Compostela sería a mesma sen Conxo, nin Conxo sería o mesmo sen Compostela”, sinalou Sanmartín.
Durante o período de 90 anos en que Conxo foi Concello – entre 1835 e 1925- tiveron lugar no seu territorio acontecementos “totalmente transcendentais para a nosa historia, tanto para a historia de Compostela como para a historia do país”. Entre eles, o nacemento de Rosalía de Castro, “poeta fundacional, pioneira en moitos campos -feminismo, ecoloxismo….- e un dos emblemas que nos identifican como galegas ante o resto do mundo”. Rosalía de Castro naceu no antigo Camiño Novo, hoxe praza de Vigo, antigo Concello de Conxo en 1837, tan só 2 anos despois de que fora declarado concello.
Uns anos máis tarde, en 1856, tivo lugar o histórico Banquete de Conxo, que neste 2025 se celebrará na fin de semana do 23,24 e 25 de maio, mentres que en setembro de 1873 se producía a primeira viaxe en tren en Galicia que ía da estación de Cornes á de Carril, que foi a primeira liña férrea do país, e en 1885 abriu o psiquiátrico de Conxo que, durante décadas, foi o único centro dedicado á atención psiquiátrica en Galicia.
“Mais Conxo achega á nosa memoria colectiva -á de todo o país de feito- outros fitos históricos importantes como o que nos sinala o Castelo da Rocha, vestixio dun pasado medieval marcado pola revolta Irmandiña, ou por ser o lugar onde se situou a canteira a ceo aberto de onde se extraeu o granito para levantar as paredes e os arcos da Catedral de Santiago”, rememorou a rexedora.
Goretti Sanmartín tamén lembrou as importantes mobilizacións obreiras de Conxo, “como a que desencadeou a folga das obras da Universidade de 1898, un dos capítulos dun volume que verá a luz proximamente editado polo Consorcio. Non hai que esquecer que Conxo é unha zona industrial con numerosos/as artesáns/ás e que son importantes os serradoiros, os almacéns de fariña, de aceite, de carbón, ou a instalación de industrias de innovación tecnolóxica”.
15 de maio, acto central de celebración do centenario
“Honrar Conxo, a súa histórica e a xente que fai barrio e contribúe a que se manteña vivo e con dinamismo é o sentido do acto de conmemoración que terá lugar o xoves 15 de maio pola tarde”, sinalou.
Nesta conmemoración simbólica reproducirase o percorrido que fixo a última corporación municipal de Conxo, mais en sentido contrario: a actual corporación municipal de Santiago de Compostela sairá en comitiva desde o Pazo de Raxoi cara a Conxo. A saída está prevista para as 18h con acompañamento musical e unha parada na praza de Vigo para unha pequena lectura de poemas de Rosalía de Castro, en honra da veciña máis ilustre do antigo Concello.
Ás 19.30h terá lugar un pleno extraordinario nun dos edificios máis emblemáticos de Conxo, no hospital psiquiátrico, con intervención de portavoces municipais, unha representación veciñal, e da alcaldesa. E a xornada conmemorativa rematará cun concerto da Banda Municipal e un petisco de convivio.
Este acto central non será o único. Ao longo de todo o ano haberá máis actividades conmemorativas: roteiros teatralizados, rutas de sendeirismo, actuacións musicais, presentacións de libros, e unha exposición de fotos antigas recollidas nas parroquias que fixeron parte do antigo Concello de Conxo: “100 anos, 100 fotos”.
Banquete de Conxo
Despois da celebración do centenario, Conxo volverá estar no epicentro do calendario festivo de Santiago coa celebración da VI edición da Festa do Banquete de Conxo. A alcaldesa adiantou que as parroquias convidadas este ano serán Figueiras e Aríns, e o pregón correrá a cargo de persoas representantes deses dous lugares, que facían parte do antigo concello de Conxo. Goretti Sanmartín fixo fincapé en que o obxectivo é «xustamente honrar a historia de Conxo, concretamente a composición parroquial do antigo Concello de Conxo”.
A tenenta de alcaldesa foi a encargada de dar conta hoxe dun adianto da programación prevista para os días 23, 24 e 25 de maio, «nunha celebración que estará marcada pola implicación de diferentes departamentos municipais, e sobre todo pola participación da veciñanza». Nese sentido, María Rozas mostrouse convencida de que esa participación «é precisamente a que lle dá a súa singularidade á Festa do Banquete, e a que proporciona un ambiente especial grazas a que cada vez son máis as persoas que se suman á festa perfectamente ataviadas para a ocasión».
Para axudar a que iso sexa así, desde o departamento de Centros Socioculturais volven poñerse en marcha os obradoiros para aprender a elaborar vestimentas tradicionais ou de época, en colaboración coa Asociación do Traxe Galego e con Bety Busto, costureira especializada en traxes de época. Haberá sesións informativas en Aríns e Figueiras, e talleres en Laraño, Conxo e O Ensanche. Tamén se fai unha chamada á participación no desfile teatralizado do domingo, para o que é recomendable a inscrición no Centro Sociocultural de Conxo.
Programación ampla
A programación do Banquete de Conxo comezará o venres, 23 de maio, cun programa de Cantos de Taberna polo barrio de Conxo. Xa no sábado 24, a programación estará centralizada na Praza de Aurelio Aguirre e estará especialmente destinada ao público infantil e familiar. Así, celebrarase o mercado do libro e da artesanía, a mostra dos oficios con diferentes actividades de dinamización, espectáculos para o público familiar e xogos tradicionais, e sesión vermú coa participación das bandas que ensaian no Centro Xove. Tamén volverá a festa da poesía, unha sesión de canto fraterno coas corais, e volverá funcionar o tren turístico do Banquete de Conxo. Tamén repetirá o roteiro literario con Quique Alvarellos, «unha das mellores maneiras de coñecer o espazo natural do Banquete de Conxo, pero tamén a súa historia».
Xa no día grande da Festa do Banquete, o domingo 25, seguirán o mercado do libro, artesanía e mostra de oficios; están previstas diferentes actividades para as crianzas como actuacións de maxia ou xogos infantís; e tamén haberá propostas musicais ao longo de toda a xornada.
Os eventos centrais serán o desfile teatralizado cos Quinquilláns e o xantar de confraternidade no que, tal e como salientou María Rozas, «volveremos recordar ese acto revolucionario que foi o xantar e os brindes do Banquete de Conxo, do que se cumpren 169 anos». A tenenta de alcaldesa sinalou que «con esta festa recordamos un momento da historia do que temos que sentirnos orgullosas e que cómpre reivindicar, porque a súa mensaxe de defensa da democracia e da igualdade social debe seguir vixente». Ademais, salientou que esta celebración permite «poñer en valor un espazo natural único, que recuperamos hai non tanto tempo, e que temos a obriga e o compromiso de seguir coidando desde o Concello de Santiago, como estamos a facer con proxectos como o o Ecobosque que impulsamos desde o departamento de Emprego para renaturalizar ese espazo».
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)