Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 septiembre, 2025
O soño de neno de ter unha moto enorme e gris acabou converténdose nun proxecto vital. Así resume Fran Lorenzo, creador de Galicia Nómada, a súa aventura audiovisual que percorre Galicia sobre dúas rodas, mesturando paisaxes, emocións e testemuños.
“Galicia Nómada nace dando unha volta en moto pola Ribeira Sacra. Sempre me gustou a fotografía e un día pensei: e por que non pode ser isto un proxecto con sentido?”, explicou en Radio Líder Santiago nunha entrevista telefónica realizada por Sara Garea.
Despois de máis de trinta anos traballando en multinacionais, decidiu deixar atrás a seguridade laboral. “Chegou un momento de cuestionar se iso era todo o que me esperaba ata a xubilación. Decidín vender o meu traballo e iniciar un proceso de reinvención persoal”, conta.
Autodidacta na gravación e edición, recoñece que a aprendizaxe máis importante veu doutro lado: “Do que máis tiven que formarme é en terapia, en coñecerme a min mesmo. Esa é a base do proxecto”.
A iniciativa, que comezou como un hobby, xa se converteu nunha serie televisiva que se emite no canal internacional Moto ADV Televisión, ademais de estar dispoñible na súa canle de YouTube Fran Lorenzo Galicia Nómada. E precisamente esta semana está a emitirse o último episodio gravado en Agolada, durante a feira da artesanía: “Alí mesturo a historia dos Pendellos de Agolada, a subida ao Monte Farelo e os testemuños dos artesáns tan incríbles que temos en Galicia”, sinala.
Un dos momentos máis especiais que recorda nas súas viaxes foi en Fisterra: “A posta de sol emocionoume, interpretina como o final dun camiño e tamén como unha metáfora da vida”.
Lorenzo anima a seguir as súas aventuras en redes sociais e no seu canal de YouTube, convencido de que “Galicia é tan increíble que merece ser mostrada ao mundo”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)