AD

Actualidad

Entregados os galardóns da sétima edición de Enreguéifate no Teatro Principal de Santiago

today3 abril, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

As gañadoras e gañadores, alumnado de diversos centros escolares galegos, persoal técnico dos servizos de normalización e unha representación política dos cinco concellos impulsores participaron na gala

O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística de Ames, Blas García, asistiu á gala do Enreguéifate para, xunto ás alcaldesas de Santiago e Teo, participar na entrega de premios

Blas García: “o compromiso de Ames co galego é innegable. Estivemos, estamos e estaremos en todas as iniciativas a favor da promoción do noso idioma”

Ames, 3 de abril de 2024.- O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu esta mañá a entrega de premios da sétima edición do certame Enreguéifate, o proxecto desenvolvido polos Concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo para impulsar a difusión da improvisación oral en verso (regueifa). O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística de Ames, Blas García, asistiu á gala do Enreguéifate para, xunto ás alcaldesas de Santiago e Teo, participar na entrega de premios. Os vídeos ganadores poden verse na web do certame ou na canle de Youtube.

Máis de 300 persoas asistiron a esta gala conducida polo mestre, músico e regueifeiro Manolo Maseda; o mestre, escritor e regueifeiro Séchu Sende; e as formadoras do Enreguéifate Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces. Un acto, accesible en lingua de signos, no que non faltou a música da man da Orquestra da Regueifa, formada por alumnado do IES do Milladoiro de Ames e o IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela.

As gañadoras e gañadores foron os grandes protagonistas da mañá. Na categoría xeral, fixéronse co galardón á regueifa máis brava a “Cumbia do choque”, do Arrieiro e Chaminho (Malpica e A Coruña); a máis aguda foi para “Vai de voda”, da Escola de regueifa de Carballo; a máis diversa, para os Teiseiros regueifeiros, de Vigo, coa súa “Regueifa pola saúde mental”; o galardón á regueifa mellor cantada, para o Grupo Xuvenil da Terceira Idade de Poio, pola súa regueifa “Sempre vida”; a mellor falada, para As da muiñeira, de Coristanco, con “Os deberes”; e a máis reivindicativa, para os teenses Iván e Aroa, pola súa “Regueifa de coidar a terriña”.

Na categoría escolar, a proposta que o xurado seleccionou como a máis brava foi “Queremos moito as nosas profes” do grupo Os máis bravos, do CEIP de Bormoio Agualada (Coristanco). A máis aguda foi para Regueifeirxs da Chá, do IES Basanta de Vilalba, polo seu vídeo “Regueifando apréndese mellor”; a máis diversa correu a cargodos rapaces de 2º B do CEIP compostelán Quiroga Palacios, co título “O noso Entroido”; a máis reivindicativa foi a do alumnado de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe Santa María do Castro de Cabo de Cruz (Boiro), titulada “O granulado non é pasado”; a mellor cantada, para “A nosa música na nosa voz”, das Regueifeiras do Camballón do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces); e a mellor falada foi parar aos Regueifeiros de Razo, do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo (Carballo), baixo o título “Regueifa en Razo”. Por último, o accésit á regueifa máis inclusiva foi para “Todo isto son mentiras”, de Noa e Martín (do IES Antonio Fraguas de Santiago).

Os galardóns desta sétima edición, que levaba por lema “Temos madeira regueifeira!”, tiñan selo estradense, con pezas creadas polas irmás artesás Isabel e Ana Neira (Atalanta Madera). Os vídeos ganadores poden verse na web do certame ou na canle de Youtube.

Acto de entrega de premios

No acto de entrega participaron, ademais das persoas premiadas, alumnado de varios centros escolares galegos, as técnicas dos servizos de normalización lingüística e unha representación política dos Concellos impulsores da iniciativa, entre os cales o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística de Ames, Blas García; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, que participaron no acto de entrega dos galardóns.

O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística de Ames, Blas García, destaca que “o compromiso de Ames co galego é innegable. Estivemos, estamos e estaremos en todas as iniciativas a favor da promoción do noso idioma”.

A entrega dos regueipremios pon o broche final a esta sétima edición dun certame na que se recibiron un total de 56 vídeos chegados das catro provincias galegas (Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilalba, A Coruña, Viana do Bolo, Melide, Vila de Cruces ou Dodro, entre outros municipios). O xurado do certame estivo composto por Carme Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Fátima Souto, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames; e os regueifeiros e docentes Manolo Maseda e Séchu Sende.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%