AD

Actualidad

Esixen ao goberno de Santiago a que deixe sen efecto a zona ORA na contorna do CHUS

today28 febrero, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

ANTE A RECENTE POSTA EN FUNCIONAMENTO DO SISTEMA O.R.A. nas rúas da contorna do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS quere manifestar publicamente o seguinte:

 1º. As graves carencias de aparcamento que hoxe padecemos os pacientes e usuarios do CHUS, que afectan directamente ao principio de equidade, ten como responsable principal as autoridades autonómicas, que son as que exerceron as competencias en materia sanitaria para deseñar a dimensionar un hospital sen contar coas infraestruturas necesarias para o transporte público, servizo de ambulancias e para o aparcamento de vehículos privados. Tamén son os responsables directos de iniciar as obras de ampliación de 33.000 metros cadrados e de construción do centro de protonterapia sen ter unha alternativa a curto prazo para repoñer as máis de 400 prazas en superficie que se suprimen e sen considerar o impacto que iso ten sobre o acceso aso servizos hospitalarios.

 2º. Dito isto, non podemos máis que manifestar a nosa desconformidade coa medida posta en marcha pola Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela consistente en ampliar o sistema ORA ás rúas colindantes coa zona de acceso ao hospital. En concreto, a rúa Barcelona e ás tres rúas transversais, afectando a un total de 287 prazas que ata hoxe eran de uso público libre. Consideramos que esta medida, non só non vai deixar espazos adicionais de aparcamento para servizo dos usuarios do hospital, senón que na práctica constitúe unha penalización adicional para aqueles que nos vemos obrigados a ter que acudir ao centro por razóns de saúde.

 3º. Non resulta aceptable que, no nome dun suposto uso abusivo por parte de determinados cidadáns, se penalice a todos os potenciais usuarios, incluíndo a aqueles que acudimos á zona forzados polo noso estado de saúde, aplicando a exacción dunha taxa e as posibles sancións que pode levar aparellada. A implantación da ORA sen obriga de rotación, ao igual que o carísimo estacionamento privado de titularidade pública municipal situado na zona, impón penalidades económicas adicionais polo uso dun ben público de primeira necesidade e rompe o principio de equidade ao tratar por igual a aqueles que están en situación económica distinta.

 4º. Pero, ademais, a medida ergue barreiras burocráticas e tecnolóxicas adicionais que serán insalvables para os innumerables pacientes que non teñen habilidades informáticas ou non están nese momento en condicións de exercelas e que se verán obrigados a contar sempre con acompañante que realice o trámite telemático ou desprazarse, cada dúas horas, desde o hospital á zona de aparcamento para renovar o tempo de permanencia e evitar a sanción, que no caso de non ser anulada, ascendería a 80 euros, segundo o artigo 93 do Regulamento Xeral de Circulación. Pacientes de múltiples patoloxías que realizan probas diagnósticas, aqueles que permanecen ata 8 horas nos hospitais de día oncolóxico e hematolóxico, pacientes dos servizos de urxencias, aqueles que precisan acompañamento constante durante a estancia hospitalaria, os que atende o servizo de rehabilitación, ou os nenos e pais que acuden aos servizos de pediatría veranse afectados por unha medida que, xustificada en nome da rotación, non ten en conta as circunstancias de vulnerabilidade propias dunha persoa enferma e sitúaa no mesmo plano que a un cidadán activo.

 5º. Por todo o anterior, esiximos que por parte da Consellería de Sanidade se suspenda o inicio das obras de protonterapia ata que se habiliten con carácter inmediato as prazas necesarias para atender a demanda asistencial e se busquen solucións ao transporte público interurbano. Igualmente, instamos ás autoridades locais a que deixen sen efecto o cambio da Ordenanza do sistema de ordenación e regulación do servizo O.R.A. e aparcamento de residentes, se inicien coa maior urxencia as obras de aparcamento provisional na zona do ZIMUS e se adopten as medidas precisas para mellorar o transporte público urbano.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%