Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Padrón. 31-3-2025.- O Convento do Carme de Padrón converteuse esta fin de semana nun punto de encontro para amantes da natureza e da arte floral coa celebración da IX Exposición da Camelia e do Bonsái. O evento, organizado polo Concello de Padrón coa dirección de José Freire, reuniu un récord de 72 expositores, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario floral galego.
A primeira xornada, celebrada o sábado 29 de marzo, comezou coa colocación das flores e cun emotivo acto de inauguración que destacou polo irmandamento entre a Exposición da Camelia de Vedra e a de Padrón. O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o de Vedra, Carlos Martínez, asinaron no libro de honra do Convento, deixando constancia dos lazos que unen a ambos municipios. O acto contou ademais coa presenza de numerosos veciños de Vedra que se desprazaron ata Padrón para participar na xornada.
Un dos momentos máis agardados foi a entrega de premios aos mellores expositores nas seis categorías establecidas, que recoñeceron a calidade e a beleza das camelias presentadas. Os galardoados foron:
Mellor flor de orixe galego: Eusebio López (Fene)
Camelia xapónica: Maru Míguez (Pontevedra)
Camelia reticulata: Isabel Pazos (Tomiño)
Camelia híbrida: Geli Piñeiro (Tomiño)
Outras especies de camelia: Abelardo Barcala (Vilagarcía)
Premio Camelia do Sar: Serafina Rodríguez (Vilagarcía)
Ademais, a xornada contou cun obradoiro de elaboración de sombreiros sancosmeiros e unha demostración de arte floral con camelias a cargo de Floraría Chorima.
O domingo 30 de marzo, a televisión pública galega (TVG) achegouse ata o Convento para gravar unha reportaxe sobre o evento, poñendo en valor a riqueza natural e artística da exposición.
Durante o día, os asistentes puideron participar en diversas actividades como un obradoiro de cerámica, unha visita guiada pola exposición con José Freire e un taller de poda e coidado de froiteiras impartido por Alfonso Touceda no exterior do convento aproveitando o bo tempo deste domingo.
A exposición deste ano volveu contar cunha impresionante colección de bonsáis grazas ao traballo de Luis Baliño e José Freire, ademais dunha mostra de xoiería inspirada en camelias e orquídeas. Tamén se exhibiron esculturas das artistas Ángeles Garrido e Ana González, así como creacións do alumnado de Ategal Padrón.
O certame pechou as súa portas ás 19:00 horas do domingo, deixando unha fin de semana inesquecible para Padrón e para todos os amantes da camelia e do bonsái. O evento, que cada ano gaña máis relevancia, reafírmase como unha cita imprescindible no calendario cultural e botánico de Galicia.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)