AD

Actualidad

Expertos da USC destacan que a alimentación pode condicionar enfermidades como o cancro

today19 noviembre, 2024

Fondo
share close
AD

A catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Santiago Ángeles Romero destaca a importancia da nutrición para lograr un envellecemento saudable  

Sinala que a alimentación pode condicionar moitas enfermidades, fundamentalmente as cardiovasculares, o cancro ou a diabetes

Este tema abordarase mañá mércores nas xornadas Luis Asorey, promovidas pola Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Lugo

Santiago de Compostela-Lugo, 19 de novembro de 2024.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago, teñen en marcha asXXXV Xornadas Luis Asorey”. Esta edición versa sobre a importancia da alimentación, o medio ambiente e a saúde, cunha serie de conferencias gratuítas que se están a desenvolver no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. Solicitouse a homologación deste ciclo á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional como actividade de formación permanente do profesorado.

A conferencia de mañá mércores centrarase no envellecemento saudable a través da nutrición, da man da catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Santiago Ángeles Romero. Doutora en Farmacia, foi a primeira muller catedrática en Galicia nesta área. É directora da Cátedra do Pan e do Cereal, coordinadora do grupo de investigación “Análise Sensorial, Valoración Nutricional e Desenvolvemento de Novos Alimentos” da USC e membro da Academia Galega de Gastronomía. Asesora e colabora con diferentes entidades e administracións para desenvolver plans e guías alimentarias destinadas a promover  a alimentación saudable e defender os alimentos sustentables e de proximidade. Ademais, participa en proxectos de cooperación ao desenvolvemento en Centroamérica.

Na súa intervención, a experta abordará a relación que existe entre a saúde, a alimentación e o envellecemento. Nesta liña, salienta que “para que a alimentación poida considerarse saudable debe ser completa, harmónica, suficiente, equilibrada, adaptada, segura, sustentable, alcanzable e satisfactoria”.

“A alimentación pode condicionar moitas enfermidades, fundamentalmente as non transmisibles, como poden ser as cardiovasculares, os diferentes tipos de cancro ou a diabetes, entre outras” -destaca a investigadora  da USC-. Incide ademais no feito de que non só a alimentación é fundamental para ter saúde, senón que cómpre levar un estilo de vida saudable.

En relación ao proceso de envellecemento, a experta apunta que é unha consecuencia da acumulación dunha gran variedade de danos moleculares e celulares ao longo do tempo, o que leva a un descenso gradual das capacidades físicas e mentais, a un aumento do risco de enfermidade e, finalmente, á morte. Por tanto, durante este proceso o organismo vai sufrindo unha serie de cambios físicos, fisiolóxicos, psicolóxicos, sociais…, que teñen unha consecuencia directa sobre a alimentación e a nutrición das persoas.

A innovación pode ser unha grande aliada na nutrición das persoas maiores

Ángeles Romero remarca que, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, un 26% da poboación en Galicia ten unha idade igual ou superior a 65 anos e a previsión é que esta porcentaxe siga a incrementarse progresivamente, polo que “é necesario abordar o proceso de envellecemento de forma integral para alcanzar as mellores condicións na vellez, tendo en conta así mesmo a diversidade de situacións que poden existir neste proceso”. A investigadora sinala que a innovación pode ser unha grande aliada na nutrición das persoas maiores, xa sexa para deseñar e desenvolver alimentos que sendo nutricionalmente equilibrados sexan, ademais, apetecibles e adaptados ás capacidades de manexo deste sector da poboación.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *