Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 agosto, 2024
Ames. 29 de agosto de 2024.-Seis mozos e mozas galegos, todos eles, socios do Club Xóvenes Gandeiros e co patrocinio da cooperativa CLUN, representarán a España no maior concurso de manexo de Europa, o Young Breeders School (YBS) que terá lugar en Battic, Bélxica, do 28 de agosto ao 1 de setembro.
Un evento no que participarán ata 170 mozos e mozas gandeiros organizados en 29 equipos e en representación de 28 países, entre os que figura por primeira vez un equipo de Estados Unidos. O equipo español estará composto totalmente por gandeiras e gandeiros galegos pertencentes ao Club de Xóvenes Gandeiros. Catro destas gandeiras proceden de Lugo: María e Andrea, da Granxa Fontixón; Lorena, da SAT de Rey de Miñotelo; e Alba, da Gandeiría Quintian. Completan o equipo Simón, da Gandeiría Queiruguera (A Coruña) e Xabi, da Granxa Casa do Rei (Pontevedra).
O grupo comeza hoxe a súa participación na competición co obxectivo de converterse no mellor equipo da Young Breeders School. Durante os próximos cinco días deberán superar diferentes probas: dende preparar becerras, pelalas e domalas, ata crear un stand que represente a Galicia baixo a temática do Camiño de Santiago. Un posto que incluirá unha representación da catedral de Santiago de Compostela.
O patrocinio da cooperativa rural galega CLUN ao Club de Xóvenes Gandeiros, dentro da súa vocación polo apoio ao futuro da gandería, resultou fundamental para facilitar a participación deste equipo no concurso.
A cooperativa rural galega CLUN e o resto de socios do Club de Xóvenes Gandeiros deséxalles o mellor dos éxitos ao equipo galego nesta competición, para a que se estiveron preparando durante todo o verán. De feito, salientan que simplemente ter chegado a competir cos mellores gandeiros mozos do mundo xa é un logro enorme, independentemente do resultado final da competición.
CLUN, comprometida co futuro da gandería
Esta é só unha das varias das iniciativas coas que CLUN, a maior cooperativa leiteira de Galicia, colabora co obxectivo de fomentar o relevo xeracional e a creación de profesionais para as ganderías. Así, durante estes meses de xullo e agosto, CLUN patrocinou a cuarta e quinta edicións das Escolas de Iniciación de Futur@s Gandeir@s, organizada por FREFRIGA (Federación Frisona de Galicia) e o Club de Xóvenes Gandeiros. Unha iniciativa na que participaron 60 mozos e mozas gandeiros, de entre 8 e 25 anos de idade, que recibiron formación teórica e práctica para o coidado e manexo de animais. Unha experiencia formativa enriquecedora e ilusionante que contribúe ao fomento das vocacións gandeiras e ao desenvolvemento sostible do sector.
A maiores, CLUN tamén apoia outras actividades que favorecen o coñecemento e as vocacións gandeiras dos máis novos, como os Certames de Manexo e Preparadores de gando. Ademais, no eido máis profesional, CLUN impulsou a creación do primeiro ciclo superior de FP Dual público en “Gandería e Asistencia en Sanidade Animal” de Galicia, en colaboración co IES de Melide. Os alumnos deste ciclo puideron realizar as prácticas nas ganderías socias de CLUN.
Por outro lado, cabe mencionar o proxecto solidario “Hábitat rural”, desenvolto entre CLUN e Ecos do Sur, no que dez persoas migrantes seleccionadas por esta ONG participaron en formacións sobre muxido e fixeron prácticas en ganderías da cooperativa. Un programa que facilita a integración de persoas migrantes ao mesmo tempo que proporciona asistencia profesional para as ganderías galegas.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)