Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 septiembre, 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego iniciou os trámites para aprobar a futura Lei galega de acoso e violencia dixital, coa que Galicia se convertería na primeira comunidade autónoma en contar cunha normativa específica para combater esta problemática.
Segundo explicou Rueda, o Consello da Xunta deu luz verde ao proxecto de acordo de inicio e á consulta pública previa do anteproxecto de lei. O obxectivo, dixo, é establecer medidas concretas fronte a un tipo de violencia “cada vez máis presente” coa expansión das novas tecnoloxías, internet e as redes sociais.
A futura norma pretende definir os conceptos de acoso e violencia dixital, fixar principios de actuación e artellar medidas de prevención, protección e apoio ás vítimas, así como garantir a formación do persoal da Administración autonómica e das forzas e corpos de seguridade.
Medidas previstas
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou algunhas das medidas que recollerá o texto, como:
– A creación dun servizo de borrado da pegada dixital, que permitirá eliminar contidos en rede empregados como instrumento de violencia.
– Un espazo virtual de asesoramento gratuíto para vítimas, co obxectivo de previr novos ataques e ofrecer acompañamento especializado.
– Programas psicopedagóxicos para menores e as súas familias fronte a adicións ás novas tecnoloxías.
– Novas ferramentas de denuncia e accións de sensibilización nos centros educativos de secundaria e nas universidades.
García lembrou que a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero de 2007 xa recolle a violencia dixital como unha das súas formas, pero a nova norma ampliará o alcance a situacións como o ciberacoso, o ciberbullying ou a violencia sexual dixital, que afecta maioritariamente a mulleres, menores e persoas LGTBI.
Escrito por Líder Redacción
ciberacoso ciberbullying galicia Lei galega de acoso e violencia dixital Lei violencia dixital Galicia prevención acoso Galicia violencia sexual dixital
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)