AD

Actualidad

Homenaxe a doce empresas que levan máis de 25 anos no Polígono Industrial do Tambre

today15 diciembre, 2023

Background
share close
AD

Radio Líder acudía en directo a este distinguido acto. Poderás ver un video resumo AQUÍ e nas nosas redes sociais ao longo deste venres.

José Fernández Alborés, presidente: “Santiago, cun 7 % de PIB industrial, ten que apostar máis que nunca pola industrialización e a innovación empresarial”

Os responsables das firmas homenaxeadas recolleron a súa distinción nun acto ao que asistiron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a directora Xeral do Igape, Covadonga Toca, e o reitor da USC, Antonio López

Santiago de Compostela, 14 de decembro 2023 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) rendeu hoxe homenaxe a doce empresas situadas no polígono industrial que cumpriron vinte e cinco anos como asociadas en 2023: Almacenes Moure, Alugal, Asociación Provincial de Talleres (APTCOR), Bricosa Santiago, Carpintería Illobra, Comercial Gobertel, Cotelga, Fademga Plena inclusión Galicia, Inturasa Pérez Rumbao, Neumáticos Tino Santiago, Talleres Uzalvi e Tamesa Santiago.

O evento, que se celebrou no salón de actos do Centro Empresarial do Tambre co acompañamento musical do Coro de voces graves “Crecente” de Conxo, foi presentado polo vogal da xunta directiva da Asociación, Xavier Freire. O presidente da Asociación, José Fernández Alborés, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a directora Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta de Galicia, Covadonga Toca; e o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, entregaron aos homenaxeados un diploma acreditativo e un pequeno agasallo.

José Fernández Alborés destacou na súa intervención que este ano estivo marcado pola inflación, converténdose así en tempos “difíciles” para as empresas e as familias. “Os elevados custos enerxéticos e de loxística, así como problemas coa subministración ou o abastecemento, supoñen un lastre para a economía” –asegurou–. A pesar das dificultades, Alborés subliñou que as doce empresas homenaxeadas conseguiron superar unha sucesión de crises ao longo da súa traxectoria, o que ao seu parecer engrandece aínda máis os seus logros empresariais.

Nesta coxuntura, Alborés manifestou que Santiago ten que apostar “máis que nunca” pola industrialización e a innovación empresarial. “A nosa cidade anda ao redor do 7 % de PIB industrial, mentres que a comarca de Compostela non chega ao 6” –aportou Alborés indicando que son porcentaxes moi afastadas do 20 % que se recomenda, un valor que afirmou si alcanzan Vigo ou Ferrolterra, segundo un estudo recente de Comisións Obreiras.

Tras anos nesta tesitura que aboca a unha dependencia do sector terciario, coa ausencia de diversificación da actividade e de impulso fabril, Alborés sinalou que estas circunstancias levan ao empobrecemento e sitúan á cidade, capital de Galicia, nunha debilidade sistémica, unha situación que “non se pode permitir”.

Conscientes do problema, a asociación empresarial deseñou en 2015 un ambicioso proxecto en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a USC e a Cámara de Comercio de Santiago, o Biopolo Sionlla, tras moitos esforzos e dificultades, segundo lembrou o presidente. “Hoxe o Biopolo Sionlla, que se inaugurará oficialmente nos vindeiros días, é unha realidade onde se asentaron este ano media ducia de empresas, pero agora urxe captar máis compañías para facer rentable a instalación e lograr o necesario desenvolvemento destes cimentos innovadores” –explicou–. Para traballar neste camiño, Alborés indicou que é fundamental a implicación das Administracións Públicas, ademais dos agardados avances na construción do Orbital e o Orbitaliño, “infraestruturas imprescindibles para o bo funcionamento de toda a área empresarial como elemento tractor na implantación de novas empresas”.

José Basilio Insua, presidente da Asociación Provincial de Talleres: “A suma do esforzo e traballo individual é o que fortalece a imaxe conxunta de todos os membros da asociación empresarial do Tambre”

O presidente da Asociación Provincial de Talleres (APTCOR), José Basilio Insua Lado, agradeceu, en nome de todas as firmas homenaxeadas, o recoñecemento da Asociación Área Empresarial do Tambre. “Como asociación que tamén somos é un pracer pertencer á entidade empresarial que sempre realiza un gran traballo, desde a creación, desenvolemento e promoción do polígono, ata a actualidade converténdoo nun referente industrial na comarca” –resaltou–. Tamén felicitou aos compañeiros homenaxeados no día de hoxe e aos que serán distinguidos en futuras edicións. “A suma do esforzo e traballo individual é o que fortalece a imaxe conxunta de todos os membros da asociación empresarial do Tambre” –apuntou–.

As empresas homenaxeadas foron:

1. Almacenes Moure S.L. (https://amoure1920.com/)

A orixe de Almacenes Moure remóntase a 1920, da man de Ángel Moure Gómez, coa apertura dun merendeiro na Barcia, parroquia de Roxos en Santiago de Compostela, unha taberna onde se podían mercar produtos de alimentación, así como outros para a labranza. Tras un período de crecemento, a empresa trasladouse a un novo local situado na avenida de Vilagarcía en Santiago, onde comezaría a súa andaina como almacén de distribución para hostalería. Na década dos anos 90 trasladou a súa sede, a que teñen na actualidade, á Vía Isaac Peral formando parte do grupo da área empresarial do Polígono do Tambre.

2. Alugal S.L. (https://galimetal.es/alugal/)

Alugal é unha empresa que conta con máis de 20 anos de actividade no deseño, fabricación e distribución de sistemas de carpintería de aluminio. A experiencia adquirida, o contacto cos clientes e a colaboración con provedores de primeiro nivel permítenlle deseñar sistemas coas prestacións e nivel de competitividade esixidas polo mercado.

Comercializa unha ampla gama de sistemas propios de carpintería de aluminio, desde a extrusión, lacado, anonizado, R.P.T., ou lacado en madeira para perfís de portas practicables, corredeiras, varandas, guías de persianas, premarcos e cargadeiros. Desde a súa sede da Cañiza, en Pontevedra, opera por toda Galicia, con diversas delegacións como a de Santiago na Vía Diésel R-7, e en diferentes puntos da xeografía española, como en León ou Toledo.

3. Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de La Coruña (http://www.aptcor.org/)

A Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de La Coruña (APTCOR) foi creada en 1964, sendo o presidente fundador Gregorio Carballo Lores. Desde 2020 ocupa a presidencia José Basilio Insua Lado. Constituíuse para ofrecer información e defender os intereses dos empresarios de talleres, así como para facilitar o achegamento aos socios.

Ademais da sede provincial da Coruña, en febreiro de 1999, a Asociación traslada a súa sede en Santiago desde a avenida de Lugo á Vía Copérnico do polígono do Tambre, sendo neses momentos o polígono referente na comarca e un punto epicentro da provincia. Desde o primeiro momento, a Asociación integrouse na Asociación Área Empresarial do Tambre.

Esta sede conta cun centro de formación que inclúe aulas teóricas e unha gran aula taller completamente equipada, onde o longo destes 25 anos realizáronse cursos de capacitación e reciclaxe do persoal dos talleres asociados, así como cursos de formación ocupacional, sendo tamén o local social de referencia para os talleres da provincia, onde se realizan encontros, reunións e xornadas, estando a dispor das diversas necesidades dos asociados.

É a Asociación do sector máis representativa da provincia, unha das de maior número de socios a nivel nacional o que permite afirmar o gran arraigo e representatividade que ten dentro del sector da reparación de vehículos de Galicia.

Desde a entidade explican que este asociacionismo é a mellor forma de defender os intereses xerais e particulares dos empresarios de talleres, agrupados nesta Asociación con absoluta independencia das administracións públicas e de calquera grupo de presión.

Esta representatividade permítelle ter tamén un papel importante nas distintas organizacións e federacións nas que está integrada, tanto a nivel autonómico como nacional, o que reforza a súa función. “Todos xuntos, desde os máis pequenos ata os máis grandes, lograremos ser máis fortes e influír con maior garantía ante os organismos cuxas decisións nos afectan” –explican desde a Asociación–.

4. Bricosa Santiago S.L. (https://bricosasantiago.es/)

Bricosa mudouse foi 25 anos ao polígono industrial do Tambre (Vía da Cierva, 16) con ansias de mellorar e facer crecer esta empresa que nacera uns anos antes na rúa santiaguesa dos Concheiros número 2. Aquel local quedábase pequeno e era hora de cambiar. Foi por iso que o camiño que empezaran Alfonso Pedreira e Rosalía Junquera nese local da rúa compostelá continuaría no polígono do Tambre, referente do mundo empresarial da capital de Galicia.

Para Bricosa é unha honra ter pegada nesta área empresarial e poder desenvolver estes 25 anos de actividade profesional. Foron anos de moito traballo, aprendizaxe e dedicación que humildemente lle serviron para ser un referente na cidade de Santiago e Galicia, tanto no mundo das ferraxes especializadas como no de almacenaxe no campo da carpintería.

5. Carpintería Illobra S.L.

Carpintería Illobra é unha empresa de carpintería de madeira situada na Vía Arquímedes 7 do polígono do Tambre. Con máis de 31 anos no sector, realiza calquera tipo de traballo relacionado ca madeira, como tarimas, parqués, todo tipo de mobiliario a medida, portas, armarios, andeis, cociñas, baños, alacenas, mesas, cadeiras, mobles auxiliares, escaleiras, pasamáns, soportais, frisos, cabeceiros, varandas, molduras ou marcos.

6. Comercial Gobertel S.L.

A empresa Comercial Gobertel foi creada en setembro de 1998 e forma parte dunha das tres sedes que o Grupo Telebearing, líder de subministración de repostos industriais, ten en Galicia. Está situada na rúa da Cidade do Transporte D (19-21) do polígono do Tambre.

Concesionario oficial de SKF, ofrece aos seus clientes toda a gama de produtos relacionados coa rotación, transmisión de potencia, estanqueidade, hidráulica, fluídos, lubricantes e equipamentos.

Estes primeiros 25 anos de experiencia, escoitando e compartindo, ensináronlle a dar un servizo único e personalizado, adaptado ao seu cliente, entendendo os seus compromisos como alianza cos seus clientes e provedores. Coa misión de relacionarse co cliente de forma próxima e resolutiva, Gobertel ofrece solucións axustadas as súas necesidades e comprometidas cos seus obxectivos. O lema da empresa é traballar de maneira intelixente, actuando de forma eficaz e sempre abertos aos cambios, coidando o presente e preparándose activamente para o mañá.

7. Cotelga S.L. (https://www.cotelga.com/)

Cotelga é unha empresa líder na distribución de produtos de limpeza, hostalería, maquinaria e mobiliario en Santiago de Compostela e a súa contorna que se constituíu fai uns 29 anos, aínda que xa cumprira nove anos como Papelería López. Desde o polígono de Boisaca, concretamente na Vía Mª de los Ángeles de la Gándara, 15, ofrecen aos seus clientes unha ampla gama de produtos de alta calidade para satisfacer as súas necesidades en diversos sectores, desde o hostaleiro ata o sanitario e o industrial.

Ademais, Cotelga especializouse en ofrecer solucións a medida para ganderías e outros negocios do sector agroalimentario. Tamén dispoñen na súa sede en Santiago dunha tenda e exposición para que os clientes poidan ver as novidades e realizar as súas compras.

8. FADEMGA (https://fademga.plenainclusiongalicia.org/gl/)

FADEMGA Plena inclusión Galicia é a Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. A súa sede atópase na Vía Pasteur, 53B do Polígono do Tambre, á que se suman outras 4 delegacións de emprego nas cidades de Vigo, Santiago, Lugo e Ourense.

Na actualidade, a Federación conta con 41 entidades membro e presta servizo a máis de 9.000 persoas con discapacidade intelectual, entre aquelas que reciben apoio nas súas entidades e as que se benefician de servizos a través da propia Federación.

As persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e as súas familias son a verdadeira razón de ser de FADEMGA, de aí que o seu traballo radique tanto na defensa dos dereitos do colectivo como na promoción da súa calidade de vida.

Comprometidos co lema de “non deixar a ninguén atrás”, a Federación abarca múltiples áreas de atención a través das diferentes etapas vitais da persoa: educación, emprego, accesibilidade, saúde mental, envellecemento, exclusión, cidadanía, acceso a xustiza…. todo elo, co fin de promover máis e mellores oportunidades para as persoas con discapacidade intelectual e ser, ao fin, axente de cambio social.

9. Inturasa Pérez Rumbao S.A. (https://www.inturasa.com/)

Inturasa Pérez Rumbao foi fundada en 1922 por José Ramón Pérez Cid en Ourense, que puxo en marcha unha pequena empresa familiar dedicada a importar camións de ocasión procedentes da primeira Guerra Mundial e vender maquinaria agrícola. Pérez Cid anunciaba na prensa da época o primeiro motor fabricado en Galicia, o motor Marvel, “Primeiro motor do mundo”. Ramón Pérez Rumbao incorporouse á compañía en 1926 para sumar ao espírito da empresa, centrado na evolución, apertura de novas liñas de negocio e a súa expansión. Así, a empresa celebrou o seu centenario en 2022 como o primeiro grupo de automoción de Galicia, cunha longa traxectoria e unha incrible historia baseada na innovación e na satisfacción dos clientes.

A diversificación da compañía comezou na década dos anos 30, en concreto, 1932) coa segunda xeración da familia ao fronte, que ampliou as súas miras cara a venda e fabricación de parches Sticky para motos, coches e camións.

Tamén Pérez Rumbao foi a primeira empresa da provincia de Ourense en dispor dunha estación de servizo construída máis alá dos tanques de distribución a granel e, xa desde os anos 40 do século XX implantou a compra a prazos. Aquela primeira estación de servizo segue funcionando na actualidade, no número 97 da rúa Progreso nun edificio onde se situaron das oficinas centrais da compañía ata o ano 2000 cando se trasladaron á zona comercial Barreiros no polígono ourensán de San Cibrao de Viñas. De aí, Pérez Rumbao pasou a estar presente nas principais cidades de Galicia coas súas diferentes liñas de negocio, como sucede en Santiago coa súa base na Vía da Cierva 7-9 no polígono do Tambre.

A consolidación empresarial chegou na década de 1950, cando se produciu o xiro definitivo cara a automoción. Comezou a distribución de motos Guzzi Hispania e Biscuter. En 1953, a empresa consolidouse coa venda de vehículos industriais Pegaso. Xa en 1957 Pérez Rumbao entrou na venda de turismos, saíndo das súas instalacións de Ourense os primeiros SEAT.

A empresa adoptou en 1977 a denominación actual, Pérez Rumbao, mantendo todas as súas actividades automobilísticas e combinándoas con actividades inmobiliarias. Entre 1995 e o ano 2000 duplícase a venda de turismos, vehículos industriais e usados. De 250 postos de traballo directos, pasouse a 550 e a facturación creceu en cinco anos máis dun 230 %. A empresa atopábase xa nese momento entre as 35 máis importantes de Galicia. Aquí prodúcese a fusión de Inturasa e Pérez Rumbao. De 2001 a 2017 materializouse a expansión da compañía a través da adquisición e apertura de novas empresas nas catro provincias galegas, asentándose a mediados desta década en Portugal coa compra de Ibertruck (distribuidora de IVECO) e a carroceira CAMO.

Ademais, a historia de Pérez Rumbao está chea de fidelidades e compromisos coas marcas representadas, como os concesionarios Pegaso –hoxe IVECO–, e SEAT de Pérez Rumbao que son dos máis antigos de España), ademais do seu compromiso con Galicia e a innovación e cos seus máis de 1.230 traballadores.

10. Neumáticos Tino Santiago S.L.
(https://www.euromaster-neumaticos.es/centros/galicia/santiago-de-compostela/euromaster-santiago-neumaticos-tino)

Neumáticos Tino en Santiago é un taller que dispón dun equipamento moderno e mecánicos cualificados para garantir un servizo eficiente e de calidade. Desde a Vía Faraday 15 do polígono do Tambre traballa con todo tipo de vehículos, desde turismos, motos, furgonetas e 4×4 ata autocares, camións e vehículos industriais ou agrícolas, tanto con particulares como con profesionais. Dada a súa gran experiencia, Neumáticos Tino Santiago forma parte da maior rede de talleres de neumáticos e mecánica rápida de Europa, Euromaster.

O taller oferta unha ampla gama de marcas, como Goodyear, Continental, Blacklion, BFGoodrich, Michelin, Pirelli, Tigar, Kumho e Dunlop. Os profesionais do taller sempre lle explican ao cliente cal é a mellor opción para o seu vehículo e estilo de condución, ademais de poder realizar o equilibrado e a aliñación das rodas, así como inflalas con nitróxeno para prolongar a súa vida útil.

11. Talleres Uzalvi

Uzalvi é un taller especializado na mecánica en xeral para o automóbil multimarca en Santiago de Compostela, situado na Vía Isaac Peral 36 do polígono do Tambre. Realízanse posta a punto de vehículos, con revisións de freos, baterías, cambios de filtros e aceite, distribución, aliñado de direccións, diversas reparacións, mantementos e revisións pre-ITV para clientes de Santiago de Compostela e a súa contorna.

12. Tamesa Santiago S.L. (https://tamesasl.com/)

Tamesa Santiago é un taller mecánico especializado en vehículos lixeiros, camións e autobuses, situado no número 36 da rúa Mª de los Ángeles de la Gándara do polígono de Boisaca. É un referente en mantemento vehicular desde 1997, que brinda solucións mecánicas excepcionais desde a súa gran experiencia e a excelencia no servizo.

Desde os seus comezos, Tamesa Santiago foi un bastión de confianza no mundo da reparación automotriz. O taller converteuse nun referente no coidado destes vehículos na zona de Santiago ao dispoñer dun equipo de mecánicos altamente capacitados e o uso de tecnoloxía de vangarda. Grazas a este espectacular servizo, caracterizado polo mantemento preventivo e diagnósticos avanzados para reparacións complexas, Tamesa Santiago forxou relacións sólidas con clientes e empresas de transporte ao garantir un perfecto estado do funcionamento dos seus vehículos.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%