AD

Actualidad

José Luís Baños de Cos recibe o VI Premio Laudamuco para textos Teatrais

today17 mayo, 2024

Fondo
share close
AD

O alcalde de Brión, Pablo Lago, destaca que “coas 49 obras presentadas este ano xa son máis de 300 as pezas teatrais promovidas por este premio Laudamuco”

17 de maio de 2024.- O escritor José Luís Baños de Cos (Xerez da Fronteira, 1977) recolleu a sexta edición do Premio Laudamuco para textos teatrais pola súa obra «A porta. Un relato de violencia”, que recolleu de mans do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín. Un certame literario convocado polo Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, e que está dotado dun premio de 7.000 euros, unha figura conmemorativa elaborada polo prestixioso artesán Xosé Vizoso e a edición da obra por parte de Edicións Positivas, algúns de cuxos exemplares foron agasallados na noite de onte ás persoas que asistiron a entrega do premio.

Baños de Cos explicou que recibir o Premio Laudamuco “é un soño. Eu empecei moi tarde a escribir teatro e Vidal Bolaño foi para min un superheroe”. Tras agradecer ao Concello de Brión, á Academia Galega de Teatro e a Edicións Positivas o seu labor de apoio ao teatro, asegurou: “eu son xente de teatro, vou ao teatro, leo teatro… e hoxe vexo aquí reunida a xente de teatro da que son moi fan, non dos que piden autógrafos pero que son xente que admiro moito. Entón, un premio dedicado a Roberto Vidal Bolaño, tan importante no teatro galego, coñecer a Paco (Francisco Macías) e estar hoxe aquí con todos vós é unha experiencia inenarrable. E teño a sorte de que hoxe estean aquí persoas que son historia do teatro e que viñeron a verme. Estou como un neno pequeno nun día de Reis”. Incluso bromeou coa ilusión de “coñecer xente que coñeceu directamente Vidal Bolaño é como se: podo tocar para ver se así se transmite algo?”.

O gañador reivindicou tamén a importancia dos premios e sinalou que “esta obra naceu polo tema da violencia. Por que tanta violencia? Todos sabemos o que está pasando en Gaza e a min cólleme de preto porque estiven un mes aló cunha beca. E téñoo moi marcado. Dáme moito que pensar. Outra das cousas que me levou a escribir esta obra foron as violacións das mulleres nas guerras. O papel da muller na sociedade, na familia… e as violacións non se teñen en conta como delitos de guerra”.

Máis de 300 textos

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, destacou o traballo realizado pola Academia Galega do Teatro, Edicións Positivas, o Xurado do Premio e o Departamento de Cultura do Concello de Brión, “en especial de Sandy Cebral, concelleira de Cultura, e Alberto Álvarez, técnico de Cultura, porque sen eles nada disto sería posible”. Así mesmo, recordou que “estepremio naceu para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño e tamén para cumprir o seu desexo de poder contar cunha importante escolma de textos teatrais en galego, paso fundamental á hora da profesionalización do teatro en Galicia. Pois ben, cos 49 obras presentadas este ano xa son máis de trescentas obras teatrais as promovidas por este Premio Laudamuco. Que se di pronto…”.

A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, recordou unha entrevista realizada a Baños de Cos no que aseguraba que entendía o teatro de forma reivindicativa, polo que asegurou que “o noso benquerido Roberto estaría hoxe orgulloso de que este premio lle sexa entregado hoxe a José Luís Baños. Unha persoa que comparte non só ese espírito reivindicativo do teatro, senón tamén o seu interese polos temas sociais. Creo que non fai falla que mencione como Vidal Bolaño centraba a súa atención en temas sociais, especialmente nas persoas marxinadas, aquelas peor tratadas pola sociedade”. Importancia do premio

Pola súa parte, Francisco Macías, director de Edicións Positivas, puxo en valor que “falando con José Luís Baños, sorprendeuse de que a obra xa estea editada, cando normalmente neste tipo de premios se fai ao ano seguinte. Pero se deixamos pasar un ano xa ninguén se acorda de que se entregou ese premio. Destácoo porque esta é unha característica propia deste Premio Laudamuco: o día no que se entrega o premio, preséntase o texto editado. Creo que non hai ningún premio en Galicia que faga o mesmo. E dígoo porque hai outro premio, dunha institución máis grande, que quere competir con este pero non dá chegado”

Finalmente, Eduardo Alonso, académico da Academia Galega de Teatro, contou que “a min encantábame facer rabear a Roberto Vidal Bolaño, tiña uns prontos espectaculares. Lembro un día que lle dixen: cando pasen dez anos da túa morte, vanche dedicar un Día das Letras Galegas e eu, desde o inferno, vou rir a cachón. Acertei en todo, menos no do inferno”. Ademais destacou que “os Concellos como Brión son moi importantes no desenvolvemento das artes escénicas en Galicia, incluso máis que a propia administración autonómica”.

O xurado estivo composto por Xoana Balado Fernández, Antonio Francisco Simón Álvarez Pérez, Miguel Pernas Cora, Francisco Oti Ríos e Carlos Vizcaíno Fernández, quen actuou como secretario. Xoana Balado destacou que “o texto posúe unha poderosa dramaturxia construída a partir do cruzamento entre ficción e realidade, personaxes e intérpretes, metateatro e psicodrama, ben como o feito de a obra construír unha abafante atmosfera bélica como eixo do conflito humano, incluído o propio proceso de creación”.

Autor

José Luís Baños de Cos (Xerez da Fronteira, 1977) é licenciado en Dereito e en Antropoloxía Social. Natural de Xerez, leva anos residindo en Santiago de Compostela. Cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Autor da obra O faiado, da compañía Ó Cubo Teatro; de A espera, de Titereficcións; e de Suit(e) up, de Fanfarra Teatro.

Como dramaturgo, nos últimos anos obtivo varios premios teatrais, entre os que destacan o Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle (2018) con O círculo; o Premio Abrente do MIT de Ribadavia (2019) con Asfixia; o Premio Roberto Vidal Bolaño (2020) con A cámara escura; o Premio de Textos Teatrais dirixidos a Público Infantil da Escola Navarra de Teatro (2021), con O neno que se agochaba dentro dunha caixa de galletas; o VIII Premio Teatral Varela Buxán (2021) con Segunda morte; e o Premio Barriga Verde para textos de monicreques, na modalidade de adultos (2022) con Nas nubes.

José Luís Baños de Cos sucede no palmarés do Premio Laudamuco a Vicente Piñeiro, Paula Carballeira Cabana, Francisco Antonio Vidal Blanco, Raúl Dans e Xavier Lama López, gañadores das edicións anteriores. Nas súas cinco primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019), no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020) e no ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021), na teense Paula Carballeira Cabana por “Dentes de coello” (2023) e no lucense Vicente Piñeiro por “Devólvenos a Xermánico!”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%