Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 noviembre, 2023
25 novembro de 2023.- O Concello de Lousame celebrou na noite de onte venres a súa sesión plenaria ordinaria do mes de novembro, onde todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade. Un acordo que fixo que o pleno se desenvolvera con rapidez e practicamente sen debate, máis aló dalgunha pregunta técnica para a secretaria municipal.
A sesión comezou coa lectura dunha declaración institucional contra a violencia de xénero acordada polos tres grupos municipais na que o Concello de Lousame asegura que “nin a violencia e nin os maltratadores teñen sitio na nosa sociedade”. A alcaldesa, Teresa Villaverde, deu lectura a un texto no que se fixo fincapé en que “a educación e a formación son dous piares fundamentais para acabar coa desigualdade e previr a violencia de xénero”.
Porén, alertou contra a exposición que os menores están tendo nas Redes Sociais e insistiu en que “estamos nunha longa loita onde non podemos aceptar unha cifra de vítimas que sexa superior a cero”.
Campo de fútbol
Por outra banda, o Concello de Lousame solicitaralle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda un préstamo de 43.997 euros para a construción duns vestiarios no campo de fútbol municipal da Silva. Un préstamo sen xuros e que deberán ser reintegrados polo municipio nun prazo de 8 anos, con achegas anuais duns 5.400 euros.
Trátase dun préstamo ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes que lle permitirá ao Concello de Lousame facer fronte aos 43.997 euros que ten que achegar para a construción dos devanditos vestiarios, obra para a que xa se conta cun convenio coa Secretaría Xeral de Deportes. Unha actuación que suporá un investimento de 219.988,91 euros, dos que a Xunta aporta o 80% e o Concello de Lousame achega o 20%.
Desta forma, dáse luz verde a un proxecto no que o Concello de Lousame leva anos traballando para conseguir financiamento xa que na actualidade as persoas usuarias do campo municipal da Silva teñen que empregar os vestiarios do polideportivo municipal, situados a carón do campo e que veñen de ser renovados integramente o pasado ano. Os novos vestiarios darán un mellor servizo tanto aos clubs como ás persoas que utilizan a diario estas instalacións municipais.
Resto da sesión
O Pleno tamén aprobou o incremento dos límites dos gastos plurianuais para executar a EDAR de Lousame, proxecto que inclúe un investimento de 1,1 millóns de euros na construción dunha rede de saneamento para a veciñanza de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns, A Costa e a parte do núcleo de Cruído, así como o CPI Cernadas de Castro e as instalacións municipais da Silva (campo de fútbol, piscina e polideportivo). O acordo supón un cambio nas cantidades a achegar polo Concello de Lousame. Inicialmente estaba previsto achegar 105.000 no 2024 e 116.000 euros no 2025. Co novo acordo, o Concello achegará 20.000 euros en 2024, 182.000 euros en 2025 e 19.000 euros no 2026.
Tamén no ámbito económico, o Pleno aprobou unha modificación de crédito de 4.907 euros mediante transferencia de crédito doutras partidas non utilizadas así como un recoñecemento xudicial para o pago de dúas facturas por traballos executados por empresas externas en exercicios anteriores pero que foron presentadas neste trimestre.
Así mesmo, o Pleno aprobou a corrección das datas dos festivos locais para 2024, xa que a data do San Roquiño estaba errada. Os festivos locais en Lousame no 2024 terán lugar o 25 de abril (San Marcos) e o 4 de outubro (San Roquiño). Finalmente, aprobouse unha modificación da RPT para a creación de dous novos postos de traballo, técnico do museo das Minas de San Finx e socorrista, que se fan fixos discontinuos.
Moción Xabarín
Finalmente, aprobouse a moción conxunta solicitando o cumprimento da iniciativa Xabarín, unha proposta cidadá que demanda máis espazo para o galego nas canles públicas de televisión, tanto autonómicas como estatais. A iniciativa, que conta co apoio de máis de 33.000 persoas e foi aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, pretende garantir o dereito das nenas e dos nenos a acceder a contidos audiovisuais de calidade na súa lingua propia.
Así, o Concello de Lousame instará á Xunta de Galicia e á dirección da CRTVG a executar o acordo do parlamento galego do 12 de maio de 2021, polo que se comprometían a crear unha canle infantil e xuvenil en galego, así como a aumentar a oferta de programas en galego na canle principal. Tamén se lle reclamará á dirección de TVE que cumpra coa obriga legal de ofrecer a opción de ver os seus contidos infantís en galego ata os 12 anos, algo que non se está a facer na actualidade.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)