AD

Actualidad

Luma Gómez, unha vida entre a escena e a defensa da profesión

today8 julio, 2025

Fondo
share close
AD
  • A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) cumpre 40 anos de vida. Unha efeméride que se celebra este martes cun acto na sede da SGAE en Santiago, no que participan nomes destacados das artes escénicas galegas. Entre eles, a actriz ferrolá Luma Gómez, unha das asinantes da acta fundacional da entidade, que conversou esta mañá en Radio Líder Santiago 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia cumpre este ano 40 anos de vida. Unha efeméride que se celebra este martes cun acto na sede da SGAE en Santiago (19:00), no que participan nomes destacados das artes escénicas galegas. Entre eles, a actriz ferrolá Luma Gómez, unha das asinantes da acta fundacional da entidade, que conversou esta mañá en Radio Líder Santiago con Sara Garea.

Gómez lembrou que a asociación naceu en 1984 para responder a unha necesidade colectiva: “Todos fomos capaces de ver as necesidades e as demandas que tiñamos diante. Entón decidimos crear unha asociación”, explicou. Naquel momento, a profesión carecía de estrutura e estabilidade: “Faciamos de todo. Cando comezou o Centro Dramático, por fin se definiron os oficios teatrais”.

A entidade naceu baixo o nome de Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena. Con cofundadores como Marisa Soto, Mabel Rivera, Xavier Lourido e Ernesto Chao, a intención era agrupar e defender a totalidade do sector. Co paso do tempo, a organización consolidouse como sindicato profesional e conseguiu importantes avances: “Conseguimos un convenio de teatro e outro de audiovisual. Se non fose pola asociación, moitas cousas non se terían logrado”.

Luma Gómez fixo tamén memoria do papel que xogaron os medios públicos na profesionalización do sector: “A chegada da TVG foi fundamental. A dobraxe deu traballo a moitísimos actores”. E engadiu: “A administración nunca fará as cousas por si mesma. Hai que demandalas, pelexalas e conseguilas”.

A actriz, con máis de cinco décadas de traxectoria, lembrou os seus comezos no Teatro Estudio de Ferrol e confesou que, aínda que pasou polo audiovisual e a dobraxe, é no teatro onde máis desfruta: “É o laboratorio onde podes investigar, debagar, volver a empezar. A televisión e o cine son máis inmediatos”.

Sobre o presente e futuro da asociación, destacou a importancia da formación, da acción sindical e da visibilidade que ofrecen iniciativas como os Premios María Casares. E tamén puxo sobre a mesa as reivindicacións actuais do sector: “Hai que renegociar o convenio, mellorar as condicións do Centro Dramático Galego e recuperar a produción en galego”.

O acto desta tarde na SGAE contará con intervencións de Gonzalo Martín Uriarte, Rosa Álvarez, Luma Gómez nunha mesa redonda que será moderada por Anabel Gago. Está aberto a todo o público, estea ou non asociado á AAAG. “Todo o que se faga pola profesión revirte en todos. Non só hai que pensar nun mesmo, senón no colectivo”, concluíu Luma Gómez.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *