AD

Actualidad

Luz verde ao proxecto para mellorar a accesibilidade en 14 puntos de Santiago

today6 mayo, 2024

Fondo
share close
AD

06/05/2024 O executivo local aprobou hoxe o proxecto básico e de execución para a mellora da accesibilidade no Concello de Santiago por un importe de preto de 240.000 euros. Tamén aprobou a encomenda da execución do segundo tramo da Vía Verde á Deputación da Coruña e deu luz verde ao convenio para o finaciamento da capitalidade por 2,4 millóns de euros.

Na sesión ordinaria de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto básico e de execución para a mellora da accesibilidade no Concello de Santiago cun orzamento de 237.470,05 €, IVE engadido, e un prazo de execución de 8 meses.

O proxecto, resultado da colaboración con COGAMI, recolle 14 actuacións para a eliminación doutras tantas incidencias na vía pública que dificultan a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida. Maioritariamente actuarase en pasos de peóns e itinerarios peonís nos seguintes puntos: rúa do Río, xunto ao cruzamento coa rúa do Lavadoiro; rúa do Lavadoiro, xunto á Escola Infantil Municipal de Meixonfrío; cruzamento da rúa do Avío, rotonda superior da rúa; paso de peóns na rúa do Avío; cruzamento da rúa dos Irmandiños; paso de peóns e praza do aparcadoiro na rúa dos Xasmíns, cruzamento coa ruela da Estila; cruzamento das rúas de Betanzos e de Proxecto Vagalume, acceso ao CEIP Apóstol Santiago; paso de peóns na rúa de Betanzos, xunto ao camiño peonil cara á rúa de Tomiño; cruzamento da avenida Qurioga Palacios e Costa do Vedor; cruzamento na rúa Gómez Ulla, cruzamento coa rúa do Hórreo; paso de peóns na rúa do Outeiro do Sar, cruzamento coa rúa de Dublín; paso de peóns na rúa de Dublín, xunto á Costa do Vieiro; rúa de Berlín, entorno do acceso ao Centro Comercial Área Central; rúa de Varsovia, pasos de peóns no entorno de acceso ao Centro Comercial Área Central.

As intervencións consistirán, fundamentalmente, na demolición de pavimentos e bordos, escavación de terreos e recheos, nivelación con formigón e pavimentación de beirarrúas, elevación de pasos de peóns e instalación de novos sumidoiros, nova pavimentación podotáctil, retirada de sinalización e recolocación e colocación de varandas.

Segundo tramo da Vía Verde

Tamén se aprobou a formalización dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación da Coruña para a execución das obras do proxecto construtivo da «Vía Verde-Santiago de Compostela-Tramo 2». En virtude deste convenio encoméndaselle ao ente provincial a execución do proxecto de obra, que conta cun orzamento previsto de 1.023.407,8 euros dos cales o Concello achegará 144.981,56 euros.

Este segundo tramo conta cunha lonxitude total a acondicionar de 8.015 metros no tramo comprendido entre un camiño veciñal situado no punto quilométrico 2,165 que corresponde ao final do tramo 1, e a ponte sobre o río Tambre, no punto quilométrico 10,180. Todo este tramo 2 transcorre íntegro polo concello de Santiago.

Neste tramo, a Vía Verde atravesa o túnel de Reconco, de 390 m de lonxitude, que se atopa en bo estado estrutural, aínda que presenta algúns problemas no recubrimento e filtracións con pingadas localizadas. Tamén atravesa dúas pontes, o viaducto de Reconco sobre o regato Sionlla, no quilómetro 3,633, de 109 m de lonxitude; e o viaducto sobre o río Tambre, no quilómetro 10,135, de 93 m de longo.

Entre as actuacións que se van realizar figura o acondicionamento do acceso á estación de Verdía, no punto quilométrico 4,90, coa adecuación dunha área de descanso, no quilómetro 5, na que se proxecta a instalación de equipamento como bancos, mesas, aparcabicis, e unha estación de recarga para bicicletas eléctricas.

Capitalidade

O texto do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela para sufragar os gastos derivados da condición de capital de Galicia para 2024 foi outro dos asuntos aprobados hoxe. A achega da Xunta é de 2.392.425 €.

Tamén se deu luz verde a outro convenio, neste caso coa Cociña Económica por un importe de 60.000,00 euros.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%