Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 octubre, 2024
Vedra. 28-10-2024.- O GDR Terras de Compostela continúa promocionando os produtos de proximidade e os recursos turísticos do xeodestino coa campaña Terras de Santiago. Máis alá de Compostela. As actuacións desenvolvidas esta fin de semana na Baña, Negreira e Rois xuntaron a máis de 300 persoas, ás que se poden engadir ás que participaron o sábado no Pasabodeghas de Vedra, no que colaborou o GDR promocionando o queixo e as marmeladas.
A literatura e as filloas da pedra da Baña foron as protagonistas o sábado pola mañá en Cabanas. Terras de Compostela colaborou coa Asociación de Veciños Castro de Val na organización da camiñada pola ruta literaria As Rapazas de Xan, que percorre algúns dos lugares que aparecen reflexados na novela escrita por Manuel Iglesias Turnes. Foi o propio autor quen lles explicou ás máis de 60 persoas asistentes algúns dos lugares e acontecementos nos que se inspirou para escribir a obra.
E ao rematar a andaina de 7 quilómetros, a asociación veciñal tiña preparada no local social de Cabanas unha degustación de filloas da pedra con chourizo, para promocionar a gastronomía local e un dos produtos máis coñecidos do municipio. O alcalde, José Antonio Pereira, foi unha das persoas participantes, que puideron ver in situ como se fan estas filloas. A xornada rematou cunha improvisada actuación musical.
A lenda da traslatio do Apóstolo Santiago ata Compostela foi o fío condutor sobre o que xirou A montaña máxica da Raíña Lupa, unha ruta de sendeirismo pola ruta do Castro Lupario coa que o GDR Terras de Compostela e o Concello de Rois deron a coñecer algúns dos recursos turísticos máis fermosos do municipio. O actor e guía Suso Martínez, caracterizado como Teodomiro (bispo de Iria), foilles contando ás preto de 70 persoas asistentes algunha das vicisitudes que tiveron que afrontar Teodoro e Atanasio para trasladar os restos do Apóstolo dende Padrón ata Compostela. Nesa viaxe de hai dous mil anos, os discípulos de Santiago o Maior pasaron por Angueira de Castro (onde comezou a ruta) e, no Castro Lupario, atopáronse coa Raíña Lupa, que os quixo enganar mandándoos ata o Pico Sacro.
E mentres en Rois remataban esta ruta circular de catro quilómetros, en Negreira, coincidindo coa feira semanal, o chef José Manuel Mallón comezaba unha clase maxistral para explicarlle a máis de 200 persoas como se debe cociñar a prancha a tenreira galega.
Neste showcooking, organizado en colaboraron tamén a IXP Ternera Gallega e o Concello de Negreira baixo o nome Feireando no rural, a presidenta do GDR, Guarina Rey, explicou algúns dos obxectivos do colectivo, que xestiona fondos europeos para axudar a iniciativas que dinamicen o rural. O alcalde de Negreira, Ángel Leis, entregoulle a José Manuel Mallón un agasallo en recoñecemento a súa colaboración e ao premio que acadou recentemente en San Sebastián, onde gañou o campionato de sopa de pescado.
O showcooking rematou cunha degustación na que os produtos de proximidade tamén foron protagonistas. Os asistentes puideron probar petiscos, elaborados polo chef, de chourizo e pan das terras de Negreira; pincho de tataki de IXP Ternera Gallega, tomate seco e albahaca; brioche de tenreira galega con cebola en escabeche; e castaña con tofe e tarta de queixo ao forno.
A intensa actividade da fin de semana completouse en Vedra. Terras de Compostela estivo presente no Pasabodeghas que se organizou en San Miguel de Sarandón (Vedra). O GDR ofrecía a posibilidade de degustar queixo e marmeladas de diferentes sabores, ademais de dar a coñecer a actividade da Federación Galega de Alzhéimer.
‘Máis alá de Compostela’
Estas actuación enmárcanse na campaña Terras de Santiago, máis alá de Compostela, coa que o GDR está a promocionar os produtos e mercados locais, así como os recursos turísticos dos once municipios que conforman o Xeodestino Terras de Santiago.
Esta campaña do GDR, que conta co apoio de Turismo de Galicia e de fondos europeos xestionados por Agader, xa se desenvolveu en Teo (Feira da Terra), Padrón (visitas teatralizadas) Brión (Feira Labrega), Vedra (xornada do Túnel do Viño da subzona ribeira do Ulla), Santa Comba (xornadas micolóxicas) e Val do Dubra (ruta das Carballeiras).
O vindeiro xoves, 31 de outubro, celébrase en Boqueixón as Xornada técnica sobre as filloas de Lestedo. O GDR estará presente tamén o 23 de novembro en Ames, na Feira Tantomonte Monte Tanto.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)