AD

Actualidad

Máis de 50.000 persoas e 600 embarcacións protestan contra Altri

today22 marzo, 2025

Fondo
share close
AD
  • Perante a asistencia masiva á manifestación, Greenpeace pide á Xunta de Galicia máis sensibilidade ecolóxica e lémbralle que o seu deber é escoitar á cidadanía e protexer unha zona de alto valor ambiental
  • Altri e Greenalia aínda están a tempo de renunciar ao seu proxecto de fábrica de celulosa na Ulloa e evitar así un conflito social sen precedentes en toda Galicia
  • A organización ecoloxista solicitou aos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica que non acheguen financiamento público para unha iniciativa tan lesiva ambiental e socialmente
  • A fábrica usaría até 46 millóns de litros de auga diarios do río Ulla, o que equivale ao consumo de toda a provincia de Lugo, sen ter en conta a posíbel diminución de recursos hídricos por causa do cambio climático

Máis de 50.000 persoas por terra e 600 embarcacións por mar participaron hoxe na Pobra do Caramiñal nunha mobilización masiva contra o proxecto de fábrica de celulosa de Altri na Ulloa e a reapertura da mina de Touro. Os dous proxectos desenvolveríanse na conca do río Ulla, afectando os ecosistemas, a calidade das augas e poñendo en perigo a ría de Arousa. Greenpeace participou tanto por terra como por mar, cun veleiro do que penduraba unha pancarta na que podía lerse “Altri Non”.

A contundente resposta da sociedade civil á fábrica de celulosa a base de madeira de eucalipto na Ulloa, que reclama para instalarse ata 250 millóns de euros de cartos públicos, estivo marcada polo rexeitamento á recente publicación da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), favorábel aos intereses de Altri. Greenpeace criticou contundentemente esta decisión e valorou que a DIA non vai dirixida a avaliar a viabilidade do proxecto, senón a axudar á empresa para instalarse, dando todo tipo de facilidades ao retorcer a normativa ambiental, facer análises máis que cuestionábeis, deixar demasiados cabos soltos e confiar excesivamente na vontade do promotor.

“Altri e a Xunta de Galicia están a provocar, de maneira irresponsábel, unha reacción social sen precedentes ao insistir en impulsar o proxecto industrial máis lesivo desde o punto de vista ambiental, social e económico que se presentou en Galicia nas últimas décadas. A forma de proceder dos máximos responsábeis do Goberno galego desde 2022 indícanos que estamos diante dunha Declaración de Impacto Ambiental feita á carta, e a xente sábeo: de aí a contundente resposta de hoxe. Aínda así cremos que están a tempo de escoitar á cidadanía e renunciar a esta barbaridade de proxecto, polo ben de todos e todas”, declarou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

Dende a manifestación de Palas de Rei en maio de 2024, esta é a quinta gran mobilización de rexeitamento ao proxecto de fábrica de celulosa de Altri e Greenalia, ás que hai que engadir as innumerábeis iniciativas de contestación social que se desenvolven semanalmente por toda Galicia. De feito, non se lembra unha mobilización cidadá sostida no tempo tan masiva desde a crise do Prestige, o que denota que os galegos e as galegas saben que Altri non é o modelo de desenvolvemento que necesita o seu país, pois pon en serio perigo as súas comunidades, os seus modos de vida tan ligados á natureza, a biodiversidade e mesmo o futuro das próximas xeracións.

O proxecto da multinacional portuguesa Altri pretende construír unha enorme fábrica de celulosa no corazón de Galicia (Palas de Rei, Lugo), poñendo en perigo a súa natureza e o modo de vida dos seus habitantes, para producir ata 400.000 toneladas de celulosa solúbel e 200.000 de lyocell, amais doutros subprodutos, como biomasa e xeso. Trátase dun megaproxecto que ameaza directamente a exigua Rede Natura 2000 galega, que está á cola do Estado en superficie protexida. Unha enorme macrocelulosa que usará até 46 millóns de litros de auga ao día, verterá até 30 millóns de litros diarios de auga contaminada de volta ao río Ulla, emitirá gases tóxicos e de efecto invernadoiro, poñerá en perigo os sectores primarios e requirirá que se plante moito máis eucalipto, empobrecendo dramaticamente a biodiversidade. Ademais, o impacto que podería ter na ría de Arousa, a xoia da coroa do marisqueo e a pesca artesanal galega, podería ser catastrófico ao sumarse á crise ecosistémica que xa está a sufrir nos últimos anos, facilmente detectábel pola escandalosa baixada na produtividade dos seus bancos marisqueiros.

“Galicia falou: non quere unha nova fábrica de celulosa nin está disposta a que se malgaste o diñeiro público en proxectos sen licenza social e tan agresivos coa súa natureza, a súa forma de vida e a súa cultura. Que unha iniciativa industrial de tanto impacto estea a solicitarnos 250 millóns de euros é un insulto á intelixencia colectiva. Queremos pedir ao Ministerio de Industria e ao de Transición Ecolóxica que escoiten ao pobo galego e renuncien a financiar esta tolemia. Alguén ten que parala”, concluíu Manoel Santos.

Os espazos de alto valor ambiental son vitais para axudar a adaptarse ao cambio climático e tamén como amortecedores dos seus impactos: asolagamentos, incendios forestais, treboadas, secas, medre do nivel do mar etc. Emporiso Greenpeace demanda paralizar este proxecto. A zona debe pasar a ser parte tanto da Rede Natura 2000 como da Estratexia Galega da Infraestrutura Verde (como estaba previsto) e, por tanto, formar parte do Plan Nacional de Restauración da Natureza para acadar os obxectivos marcados polo Regulamento da Restauración da Natureza: restaurar cando menos o 20% das zonas terrestres e mariñas da Unión Europea de aquí a 2030 e todos os ecosistemas que necesitan restauración de aquí a 2050.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *