Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 febrero, 2026
A candidata a reitora da Universidade de Santiago de Compostela aposta pola dixitalización, o diálogo institucional e a recuperación da ilusión interna como eixes dun proxecto “traballado durante máis de dous anos”.
A candidata a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, María Teresa Flores Arias, presentou nunha entrevista radiofónica as liñas mestras dun proxecto que, segundo explicou, leva “máis de dous anos de traballo previo” e que nace coa vontade de “facer universidade” desde o diálogo, a planificación e a integración de todos os colectivos. Nun proceso electoral histórico —ao garantir por primeira vez unha muller á fronte da USC nos seus máis de cinco séculos de historia— Flores insistiu en que a clave non está no xénero, senón na traxectoria e na capacidade de liderado: “Non é por ser muller, é porque as que estamos aquí temos unha traxectoria que nos avala”.
Durante a conversa, a profesora do Departamento de Física Aplicada subliñou que a súa candidatura non responde a impulsos recentes, senón a unha análise profunda da situación da institución. “Foi unha decisión moi meditada, non tomada dun día para outro, impulsada por persoas que coñecen o meu compromiso institucional”, afirmou. Un compromiso que, segundo dixo, se sustenta nun equipo “sólido, recoñecido e coherente”, no que destacou a incorporación de perfís de prestixio para áreas estratéxicas como o campus da saúde.
Un dos puntos máis reiterados na entrevista foi a necesidade de reducir a carga burocrática que soportan tanto o profesorado como o persoal de administración e servizos. “Cada hora que dedicamos á burocracia é unha hora que desexaríamos dedicar á docencia, á investigación ou a avanzar”, sinalou, defendendo a creación dunha vicerreitoría específica de Dixitalización. Flores foi clara ao respecto: “Non podemos vivir alleos a unha realidade que veu para quedarse, como é a intelixencia artificial”.
A candidata tamén se referiu ao clima electoral, denunciando a aparición de bulos e campañas de descrédito nas redes sociais. “Non hai ningunha campaña política detrás de min. Non me interesa a quen vota a xente do meu equipo, só que compartan unha idea de universidade”, recalcou, advertindo do perigo de “entrar no fango” nunha institución que, ao seu xuízo, debe ser exemplo de convivencia e respecto. “Despois das eleccións temos que ser quen de mirarnos á cara”, engadiu.
No plano territorial, Flores rexeitou calquera confrontación entre os campus de Santiago e Lugo, defendendo unha USC cohesionada. “Non quero darlle máis forza a Lugo, quero darlle a forza que lle corresponde”, afirmou, criticando a percepción de agravio que se xerou nos últimos anos. “Un estudante da USC ten que ter os mesmos dereitos estea en Lugo ou en Santiago”, insistiu.
Sobre a titulación de Medicina, mantivo un discurso de prudencia e coherencia, afastándose de propostas que, ao seu xuízo, suporían unha mala planificación. “Plantexar tres facultades non é unha boa decisión nin unha boa inversión. Hai que traballar para que a USC perda o menos posible e, se é posible, gañe neste proceso”, explicou.
A vivenda foi outro dos asuntos abordados, especialmente pola súa incidencia directa no acceso á universidade. Aínda que recoñeceu que non é unha competencia exclusiva da USC, Flores defendeu un papel activo da institución: “Pode impedir a formación se un estudante non ten onde vivir. Temos que traballar coas administracións e buscar solucións desde as nosas infraestruturas”.
No eido da formación, puxo en valor o carácter público da universidade e lembrou que o acceso debe depender “da nota de corte, non dos ingresos”. “Somos universidade pública e temos que garantir ese sistema”, afirmou, destacando a gratuidade da matrícula para o estudantado que supera as materias.
De cara á xornada electoral, Flores animou á participación e apostou por resolver o proceso na primeira volta. “O cambio somos nós. Temos o equipo máis coherente e falamos do que imos facer no futuro”, asegurou, apelando especialmente ao voto do estudantado. Como mensaxe final, resumiu o espírito da súa candidatura: “Levamos moito tempo traballando pola universidade, sen entrar no fango. Queremos unha USC que lidere a sociedade e non vaia sempre ao rebufo”.
Escrito por Líder Redacción
Eleccións reitora USC lugo maite flores Santiago de Compostela usc


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)