AD

Actualidad

Marta Abal alerta da incerteza sobre a continuidade do servizo de comedor escolar en Santiago

today25 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

A concelleira socialista alerta de que, malia o anuncio dunha “gran transformación” do servizo de comedor escolar en 2024, o goberno local chega ao Pleno sen avances reais, cun contrato a piques de caducar e sen informes que avalen o modelo prometido.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025. O Grupo Municipal Socialista expresou a súa preocupación pola ausencia de avances reais no proxecto de transformación do servizo municipal de comedor escolar, anunciado polo goberno local hai máis dun ano e medio. A concelleira socialista Marta Abal lembrou que “en setembro de 2024, a concelleira de Educación, Míriam Louzao, anunciaba unha suposta gran transformación do servizo de comedor: a construción dunha cociña central e a municipalización da cociña escolar”. Con todo, indicou que, tras o tempo transcorrido, “o que chega ao pleno do vindeiro xoves é só a creación dunha comisión de estudo para determinar a súa forma de xestión”.

Abal sinalou que a proposta chega “despois de ter consignado no orzamento 1,4 millóns de euros para a cociña central” e subliñou que a comisión se presenta “sen informes, sen estudos nin documentación que avale o modelo anunciado”.

A concelleira advertiu ademais da falta de certezas sobre o futuro inmediato do servizo: “O que si temos por certo é que o contrato remata este curso e non sabemos que vai pasar no 2026-2027 e se o goberno municipal garantirá a continuidade do servizo”.

A socialista reiterou a súa posición sobre a competencia do servizo, “desde o Grupo Municipal Socialista sempre defendemos que o servizo de comedor debe ser asumido pola Xunta de Galicia, titular da competencia”. En todo caso, Abal asegurou que o grupo está disposto “a estudar calquera alternativa que presente o Concello, sempre que chegue con informes sólidos que garantan a sostibilidade e calidade do servizo. O contrario é un brinde ao sol”.

A concelleira insistiu en que, fronte á suposta “revolución” anunciada polo goberno local, “o que realmente temos é un contrato a piques de caducar, incerteza sobre o futuro do servizo e unha evidente falta de transparencia”. Engadiu que o executivo municipal está “mentres o goberno intenta cargar na oposición a responsabilidade da súa deficiente xestión mediante a creación dunha comisión sen informes, sen estudos e sen documentación que permitan tomar, de xeito obxectivo, unha decisión”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *