AD

Comarca

Miles de persoas únense en Padrón nun ráfting polo Ulla contra Altri e a mina de Touro

today4 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

A actividade supón un paso máis na enorme mobilización do pobo galego contra Altri, que continuará cunha concentración o 8 de maio fronte ao Congreso dos Deputados e unha gran manifestación o 1 de xuño en Pontevedra

O descenso do río discorreu polo Sistema fluvial Ulla-Deza, unha Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000 cuxos valores naturais perigan polos proxectos industriais da Xunta de Galicia

O pasado 23 de abril coñecíase que o Goberno central deixaba fóra a Altri dos fondos PERTE para a descarbonización, un paso moi importante para evitar un malgasto de cartos públicos inasumíbel e inxusto

Greenpeace pediu ao Goberno central que non achegue ningún tipo de financiamento para unha iniciativa tan lesiva ambiental e socialmente e esixiu a Altri e á Xunta que descarten o proxecto

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2025.- Decenas de embarcacións de ráfting, caiacs e piraguas realizaron hoxe un descenso reivindicativo polo último tramo do río Ulla, desde a Ponte de Sinde até o Campo dá Insua, en Padrón, xa moi preto da súa desembocadura na ría de Arousa. Ao final do percorrido, milleiros de persoas agardaron polas embarcacións e leron un manifesto esixindo que se descarten definitivamente o proxecto de macrocelulosa de Altri na Ulloa e a Mina de Touro. Os dous proxectos industriais desenvolveríanse, moi preto o un do outro, na conca do río Ulla, afectando aos ecosistemas e a calidade das augas e poñendo en perigo a ría de Arousa.

O descenso reivindicativo discorreu na súa totalidade polo sistema fluvial Ulla-Deza, unha Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000 cuxos valores naturais perigan polos dous proxectos industriais que a Xunta de Galicia declarou de interese estratéxico, diante dunha oposición social histórica. O espazo natural, de máis de 1.600 hectáreas, inclúe unha valiosa rede hidrográfica que serve de fronteira entre as provincias da Coruña e Pontevedra, acubillando decenas de hábitats de interese comunitario, algúns deles prioritarios, e numerosas especies protexidas, como a lamprea, o salmón atlántico, a toupa de ría, a londra ou a endémica saramaganta. Asemade, calcúlase que máis de 200.000 habitantes de numerosos concellos dependen da calidade hídrica do río Ulla para a subministración das redes municipais de auga.

Esta acción súmase ás moitas que levan realizando en Galicia no último ano, especialmente contra a macrocelulosa de Altri, e puxo novamente de manifesto que a cidadanía galega non está disposta a aceptar ningún tipo de proxecto industrial que poña en perigo os seus espazos naturais e modos de vida. Desde que en maio de 2024 unhas 20.000 persoas de toda Galicia se manifestaran contra a macrocelulosa na zona cero, Palas de Rei, víronse as mobilizacións máis grandes que se lembran en Galicia desde a crise do Prestige. Centos de barcos entrando co Arctic Sunrise de Greenpeace na ría de Arousa en xuño pasado, decenas de milleiros rodeando a sede da Xunta de Galicia en Compostela, preto de 100.000 persoas enchendo até tres veces no mesmo día a Praza do Obradoiro, e mesmo unha mobilización por terra e por mar, tamén masiva, hai poucas semanas na Pobra do Caramiñal. Desde que se someteu a exposición pública o proxecto de Altri fai máis dun ano, o movemento na súa contra non fixo máis que medrar.

A instalación da enorme fábrica de celulosa que Altri pretende emprender na comarca da Ulloa atravesa actualmente uns dos seus momentos críticos, á espera dunha posíbel Autorización Ambiental Integrada (AAI) por parte da Xunta de Galicia, diante da cal moitas organizacións, entre elas Greenpeace, xa anunciaron recursos xudiciais. O pasado 23 de abril, o Ministerio de Industria revelou que a empresa quedaba fóra das axudas do PERTE de descarbonización por non poder cumprir os prazos, por empregar demasiados combustíbeis fósiles e por non evitar o suficiente a emisión de gases de efecto invernadoiro. Con todo, responsábeis da mesma declararon que andan a procurar outras fontes de financiamento en forma de axudas públicas directas, algo que tratan de evitar as organizacións que se enfrontan ao proxecto. Con este obxectivo tamén hai convocada, o vindeiro 8 de maio ás 19.00, unha concentración da colectividade galega en Madrid, fronte ao Congreso dos Deputados, para esixirlle ao Goberno que non destine ningún tipo de axuda pública ao que consideran o proxecto industrial máis lesivo que se presentou en Galicia nas últimas décadas.

Ademais, as organizacións animan á cidadanía galega a participar masivamente, o vindeiro 1 de xuño ás 12.00, na xa tradicional marcha contra as celulosas en Pontevedra, que discorrerá baixo o lema “Nin Ence na ría, nin Altri na Ulloa”.

A actividade de hoxe en Padrón estivo organizada pola Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), a Plataforma Mina Touro-O Pino Non, Adega, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Sociedade Galega de Historia Natural, Baixo Ulla Vivo e Caiac Extremo Galiza, coa colaboración dos concellos de Padrón e Pontecesures.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *