Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Padrón. 25-7-2024.- “Eu quero levar esta procesión ao meu pobo de Xaén”, díxolles os porteadores unha peregrina que esta mañá seguiu a procesión do Santiaguiño polas rúas do casco histórico e que se sorprendeu por como se bailan aos santos en Padrón. O percorrido pola vila foi o primeiro acto do día grande das festas do Santiaguiño, que este ano volveron xuntar a milleiros de persoas na tradicional romaría do monte San Gregorio.
Como xa ven sendo habitual dende 1997, Antonio Cajaraville e Juan Villamor foron dous dos mozos que levaron a ombreiros a imaxe de Santiago Apóstolo, acompañados polos irmáns Carlos e Uxío Beiró, que xa acumulan 14 anos de experiencia subindo ao santo polas 132 escaleiras ata a capela do Santiaguiño do Monte.
Antes, no percorrido polo casco histórico, a imaxe de Santiago Apóstol estivo acompañada na procesión por San Antón (un dos mais bailadores do grupo) e Santa Lucía, que saíron da igrexa parroquial. Desta comitiva tamén formaron parte, San Xoán do Raio e San Martín (portadas por mozos), Santa Bárbara (levárona catro mozas) e o Neno Xesús, do que se encargaron un grupo de nenos e nenas.
Neste percorrido, os santos non deixaron de bailar ao ritmo que lle marcaban os seus porteadores e os grupos de gaitas que os acompañaban, sorprendendo a turistas e visitantes, que non coñecen esta tradición padronesa.
O alcalde, Anxo Arca, e todo o goberno padronés estiveron presidindo tanto a procesión como a subida ao monte do Santiaguiño. Pouco despois da unha, Anxo Arca e a concelleira de Festexos, Chus Campos, repartiron un sombreiro conmemorativo e as racións de sardiñas con bolo preñado, cachelos e pan de millo. En total, asáronse 350 quilos de sardiñas, e repartíronse máis de mil racións entre as persoas que formaron unha longa ringleira para degustalas.
Tras a misa solemne, cantada pola Coral Polifónica Padronesa, comezou a romaría, na que familiares e grupos de amigos compartiron un xantar popular nalgunhas das múltiples carpas instaladas no monte ou nas parcelas e mesas que cada quen preparou para compartir un día de festa.
Durante toda a tarde, a romaría do Santiaguiño estivo amenizada pola música popular que interpretaron os grupos de gaitas O Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía, A Arreixeira, Xoldra (que xa participaran na procesión e subida do santo ata o monte) e a Banda de Gaitas de Gondomar. A cativada tamén puido gozar de moitos xogos e sorpresa durante a tarde.
As sete, Antonio Cajaraville, Juan Villamor, Carlos e Uxío Beirón volvían baixar o Santiaguiño ata a igrexa parroquial, onde permanecerá outro ano máis, ata a vindeira edición das Festas do Santiaguiño do Monte.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)