AD

Actualidad

Nicolás Esmorís: «En Viaqua resolvemos un problema de auga cada 20 minutos”

today4 julio, 2025

Fondo
share close
AD
  • Nicolás Esmorís debulla en Radio Líder Santiago os desafíos da xestión hídrica en Galicia, a situación contratual en Compostela, o uso da auga rexenerada e a importancia dunha comunicación directa coa cidadanía.

En plena entrada do verán e cun consumo de auga que se dispara nos fogares galegos, Nicolás Esmorís, director executivo de Viaqua, pasou polos micrófonos de Radio Líder Santiago para facer un percorrido honesto, directo e sen artificios pola complexa realidade da xestión da auga en Galicia.

“Estamos nunha empresa que ten un problema cada 20 minutos”, explicou con franqueza. E puntualizou: “Intentamos resolvelo do mellor xeito posible. A maioría das incidencias solucionámolas en menos de dúas ou tres horas. É o noso compromiso coa cidadanía.”

Viaqua, compañía responsable da auga en 48 municipios directamente e noutros 84 a través da súa filial AquaOurense, converteuse nun axente fundamental no equilibrio hídrico do país. O verán trae consigo unha presión extra sobre as infraestruturas: máis consumo, máis avarías e menos auga nas fontes de captación. A resposta? Preparación, reorganización interna e tecnoloxía.

“Os traballadores tamén están de vacacións, polo que hai que reorganizar os equipos para manter o servizo operativo 24/7”, explicou Esmorís.

Un dos temas máis delicados abordados foi o da situación contractual de Viaqua co Concello de Santiago de Compostela. A día de hoxe, a xestión faise en réxime de prórroga, nun limbo que pon en risco o futuro inmediato do servizo.

“Non hai contrato. É unha prórroga baseada máis na vontade e profesionalidade do noso equipo que nun marco legal claro. A administración segue decidindo o modelo de xestión para a cidade, e isto é un servizo esencial que non pode quedar sen resposta”, advertiu Esmorís.

Malia esta incerteza, a empresa continúa atendendo con normalidade as súas obrigas, mesmo en situacións extraordinarias. O CEO lembrou o caso de Viveiro, onde un vertido de purín obrigou a parar a planta de captación: “En tres días solucionamos o problema. Custounos 50.000 euros. Ninguén nos dixo que non os gastaramos nin como se ía xustificar. Fixémolo porque era necesario.”

Eses datos que poden pasar desapercibidos para moitos, son vitais para entender o alcance do reto. A auga que non chega aos contadores tamén custa: “En Santiago pérdese arredor dun 25-30% da auga. Pero hai lugares en Galicia onde se perde ata o 50%.”

“Hai sitios nos que por cada 100 litros suministrados, 50 pérdense. Ben sexa por fugas, contadores defectuosos ou consumo fraudulento. E iso é insostible”, alertou.

A normativa esixe un rendemento mínimo do 80%, un listón que moitos concellos non están a cumprir. As redes vellas, feitas de fibrocemento, rompen constantemente. “Non rompen unha vez, rompen seis ou sete veces en semanas sucesivas. É un desgaste constante”, relatou Esmorís.

Lonxe de quedar nun rol pasivo, Viaqua está a impulsar proxectos innovadores en Galicia, como RuAugA, en colaboración con IKEA e COTEC. A iniciativa busca reaproveitar a auga tratada en depuradoras para rego ou limpeza viaria, evitando o uso de auga potable nestas tarefas.

“Hoxe en día, en case todas as cidades, as rúas valdéanse con auga potable. Iso non ten sentido en 2025”, criticou Esmorís. E anunciou que están a traballar tamén coa Estrella Galicia para reducir o consumo industrial.

Outro dos piares da empresa é a concienciación cidadá, con programas escolares e actividades sociais. Un dos momentos máis emotivos da entrevista foi cando Esmorís mencionou a recente visita á aula hospitalaria do CHUS, en Santiago: “Fixemos experimentos con auga cos nenos ingresados. Foi un momento máxico. Sacámolos da rutina hospitalaria e axudamos a concienciar desde abaixo, que é onde comeza o cambio.”

Viaqua tamén aposta pola dixitalización e a transparencia como eixes clave. “Temos un sistema de servialertas por SMS e correo. En Viveiro enviamos 10.000 notificacións para avisar da auga non potable. Hoxe en día, iso é fundamental,” defendeu.

A colaboración cos medios, os colexios, os concellos e os veciños é, para Esmorís, o gran reto e a gran oportunidade: facer da xestión da auga un exemplo de responsabilidade compartida.

“Non queremos que haxa crises, pero cando as hai, sabemos que as imos resolver.”

A entrevista serviu para pintar un retrato profundo dunha empresa que, máis alá de cifras, contratos ou infraestruturas, xestiona algo tan básico como a vida mesma: a auga. E tamén para lembrar que detrás da billa que abrimos sen pensar, hai un equipo enteiro traballando —ás veces contrarreloxo— para que siga saíndo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *