Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today20 abril, 2024
O acto contou coa exhibición da escola municipal deportiva de baile moderno, e co espectáculo de danza “OhLimpiadas”, da compañía La Sincro, protagonizado por Berta Garriga e Mónica Suárez
O xogador de squash Borja Golán Sanmartín, que foi dezasete veces campión de España na categoría absoluta, actuou como padriño do evento
O alcalde de Ames, Blas García, destacou “este é un recoñecemento ao esforzo, a calidade e a dedicación das nosas e dos nosos deportistas. Ames ten moito talento e esta XVI Gala do Deporte é proba diso”
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, dixo “para nós esta Gala do Deporte é un xeito de renderlle unha modesta homenaxe a todos os deportistas do concello que se esforzan e traballan cada día na sua disciplina e que traballan con moita ilusión para mellorar cada día
Ames, 19 de abril de 2024.- Este venres, 19 de abril, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a décimo sexta Gala do Deporte, un evento que reuniu a numerosos deportistas e clubs do concello. Nuria Rábano e Tariku Novales foron galardoados como deportistas máis destacados na categoría feminina e masculina, respectivamente, nun acto que contou con diversos espectáculos e no que se tamén se homenaxeou a Manuel Quintáns Pacheco e José Antonio Pampín Antelo, dous traballadores do departamento de Deportes do Concello de Ames que se xubilaron recentemente.
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro tivo unha gran afluencia de público nacelebración da última edición da Gala do Deporte de Ames, que foi presentada por Lorena Pose e Diego Viaño. O xogador de squash Borja Golán Sanmartín, que foi dezasete veces campión de España na categoría absoluta, actuou como padriño do evento. Así mesmo, tamén participaron a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e o alcalde de Ames, Blas García.
Os premios entregados foron os seguintes: deportista ou equipo máis destacado dun club de Ames, promesas masculina e feminina máis destacadas, club máis destacado de Ames, deportistas masculino e feminino máis destacados e galardón especial do público. Ademais, a realizóuselle unha homenaxe a Manuel Quintáns Pacheco e José Antonio Pampín Antelo, dous traballadores do departamento de Deportes do Concello de Ames que se xubilaron recentemente.
Por outra banda, o acto contou coa exhibición da escola municipal deportiva de baile moderno, e co espectáculo de danza “OhLimpiadas”, da compañía La Sincro, protagonizado por Berta Garriga e Mónica Suárez.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou “este é un recoñecemento ao esforzo, a calidade e a dedicación das nosas e dos nosos deportistas. Ames ten moito talento e esta XVI Gala do Deporte é proba diso. Hoxe facemos tamén un recoñecemento especial a dúas persoas que traballaron media vida no departamento de Deporte e se gañaron o cariño e o respecto de varias xeracións. Manuel e José, desfrutade desa merecida xubilación, moitas gracias polos vosos servizos a Ames”.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, dixo “para nós esta Gala do Deporte é un xeito de renderlle unha modesta homenaxe a todos os deportistas do concello que se esforzan e traballan cada día na sua disciplina e que traballan con moita ilusión para mellorar cada dia. Esta Gala serve para facer visible os seus logros e animalos a seguir traballando para acadar o que eles desexen. Teñen todo o noso apoio para tratar de conseguir os seus obxectivos”.
Entrega de premios
Na categoría a mellor deportista/equipo dun club de Ames optaban ao premio a xeración do 2009 do Bertamiráns F.C.; Irene Enríquez, do Club de Patinaxe Artística Omega; e o primeiro equipo do F.C. Meigas, que finalmente se alzou co galardón. Ao longo da tempada 2022-23 foi campión da Liga Preferente Autonómica (3a División Nacional), rematando como o equipo máis goleador e o menos goleado. Ademais, gañou o play off de ascenso a 2a División Nacional, e logrou ascender como o equipo máis goleador cun total de 13 goles. Actualmente son o primeiro equipo amesán en xogar na 2ª división nacional e están en postos de clasificación para disputar a Copa da Raíña 2024.
Polo seu lado, o patinador Jorge Sanmartín, o atleta Nicolás Collazo e o motorista Álex García, foron os finalistas do premio á promesa masculina máis destacada de Ames. Finalmente, fíxose co premio Jorge Sanmartín, que comezou o ano 2023 participando nacompetición de clasificación para a categoría nacional, no que logrou obter a máxima categoría en 1ª posición. Durante a pasada tempada, foi o terceiro clasificado no Campionato Copa de Europa celebrado en Croacia, obtivo o ouro no Campionato Preselección Provincial de Ribeira, e o foi o segundo clasificado tanto no Campionato Provincial como no Campionato Galego. Ademais, obtivo a sexta posición no Campionato de España.
Na categoría da promesa feminina máis destacada figuraban tres finalistas: Antía Veiga, porteira; Uxía Penas, futbolista, e Mara Prieto, xogadora de squash. Finalmente, logrou o premio Antía Veiga. Dende os catro anos Veiga xogou no Bertamiráns F.C., club no que acadou diversos trofeos á mellor porteira en distintos torneos (no de Silleda, O Pino, O Rosal…). Actualmente compite como xogadora de fútbol base no RC Deportivo da Coruña; adestra co primeiro equipo do Depor e compite coas categorías inferiores das categorías xuvenil e cadete. No 2023 foi campioa de España sub-16 da Fase Plata coa Selección Galega. Ademais, este ano foi convocada coa Selección Española de Fútbol sub-16 para o Torneo Desarrollo UEFA en Irlanda do Norte.
Os candidatos ao deportista máis destacado de Ames foron Pablo Hernández, xogador de baloncesto; o atleta Tariku Novales; e Guillermo Carracedo, que practica paddle surf. O gañador foi Novales, especialista en probas de fondo e media distancia que en novembro de 2023, no Maratón de Valencia, fixo historia ao bater o récord de España de Maratón, sendo o primeiro deportista do país en baixar das dúas horas e seis minutos, e fixando o novo récord en 2 horas 5 minutos e 48 segundos. Os resultados máis destacados do 2023 en probas ao aire libre foron un 12º posto no Campionato do Mundo de Maratón (Budapest ) e o 11º posto na Maratón de Valencia e na Media Maratón de Madrid.
Na categoría de deportista feminina máis destacada foron finalistas as futbolistas Nuria Rábano e Belén Fernández, e a xogadora de baloncesto Blanca Millán. Fíxose co galardón Nuria Rábano, que xoga como lateral esquerdo no club VfL Wolfsburgo, na Bundesliga (máxima categoría alemá) e na Champions League. Ademais, foi internacional coa selección nacional absoluta feminina de España. No ano 2023, co FC Barcelona gañou a Liga de Campións 2022-23, o título de Primera División 2022-23 e a Supercopa 2023.
Por outro lado, desvelouse tamén o gañador do premio especial do público, que tamén puido elixir ao seu deportista favorito a través dunha enquisa publicada na páxina web do Concello de Ames. Optaron ao galardón Belén Fernández, Guillermo Carracedo, Nuria Rábano, Tariku Novales, Blanca Millán ou Pablo Hernández. Na enquisa participaron un total de 1.111 persoas, e Belén Fernández resultou gañador/a, cun total de 324 votos.
Ao longo da gala tamén se fixo entrega dun premio ao club máis destacado de Ames, que recolleu Isabella Vázquez, presidenta do club Ames Atletismo.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)