Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 mayo, 2024
Iria Carreira faise eco das queixas dos pacientes, que denuncian esperas de máis de oito meses para as revisións, cos efectos que iso ten na súa saúde
Santiago de Compostela, 1 de maio, 2024. A deputada do BNG Iria Carreira levará este xoves ao Parlamento as deficiencias no cadro de persoal do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que teñen motivado as queixas dos usuarios por demoras de máis de oito meses nas revisións ás que se teñen que someter.
A deputada nacionalista defenderá na Comisión de Sanidade de Cámara unha proposición non de lei na que se insta ao Goberno da Xunta a “dimensionar urxentemente e de xeito adecuado” os cadros de persoal de todas as categorías do servizo de Oncoloxía Médica, realizando para iso as contratacións que sexan oportunas.
No mesmo sentido, a iniciativa do BNG reclama unha mellor planificación da actividade asistencial para garantir a calidade da atención que reciben as pacientes, así como o benestar laboral, “evitando atrasos nas consultas e revisións que non atendan a criterios clínicos”.
Carreira acusa ao Goberno do PP e á Xerencia do CHUS de ter afondado na precariedade laboral e no deterioro da calidade asistencial, unha situación que no caso de Oncoloxía ten provocado que as revisións dos doentes que antes se facían en tres ou catro meses superen agora os oito meses, “en contra de calquera criterio clínico ouo sanitario”. “Ademais das obvias consecuencias que pode supor para a súa saúde física pola patoloxía que padecen, isto ten tamén repercusións sobre a saúde mental dos pacientes, pola incerteza e ansiedade de manterse na espera”, expón Carreira na súa iniciativa.
A responsable de Sanidade Hospitalaria e Investigación Universitaria no goberno alternativo co que o BNG fai o seu labor de oposición en favor de Galiza advirte que as demoras que denuncian os pacientes non son puntuais, se non que se veñen rexistrando dende hai meses polo “desmantelamento” que sofre a área sanitaria.
Lembra, neste sentido, que hai un ano o BNG xa trasladou ao Parlamento a preocupación polas demoras acumuladas nas citas após a decisión da Xerencia de obrigar ás facultativas e facultativos do servizo de Oncoloxía Médica a realizar gardas de Área Médica no Hospital da Barbanza pola falta de profesionais no centro comarcal. Aos retrasos nas citas, engade, súmanse tamén máis días nas esperas para probas diagnósticas de estadiaxe “que só afondan nese deterioro da asistencia que reciben os e as pacientes”.
As carencias no cadro de persoal, afonda Carreira na iniciativa que defenderá este xoves na Cámara, non se limitan só ao cadro facultativo, senón que afecta tamén a outras categorías profesionais como as de farmacia, enfermaría, TCAEs ou celadoras.
Written by: Líder Redacción
bng denuncia galicia noticias oncoloxia parlamento politica radio lider santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)