Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 mayo, 2024
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024.- O BNG ven de instar á Xunta a que tome medidas urxentes para poñer fin ao «estado extremadamente precario» do Centro de Saúde de Santa Comba, con graves deficiencias nas infraestruturas e falta de espazo que dificulta a actividade. A través de varias iniciativas presentadas polo grupo parlamentar, esixen unha reforma integral ou, no seu caso, a construción dun novo edificio, e tamén que a Xunta asuma de maneira inmediata a titularidade e xestión do centro.
Varias iniciativas rexistradas no Parlamento Galego polas deputadas nacionalistas Iria Carreira e Montse Prado esixen a inmediata actuación por parte da Xunta no Centro de Saúde de Santa Comba que padece unha situación «extrema que dificulta a actividade diaria e comprometen o benestar tanto do persoal como da veciñanza». O portavoz municipal do BNG, Juan David Sixto, insistiu en que «Santa Comba merece uns servizos públicos de calidade e o BNG vai esixir as melloras necesarias no centro de saúde e no ceip que, como denunciamos, están nunhas condicións deplorábeis».
Ao respecto, desde o BNG denuncian graves problemas estruturais o Centro de Saúde, que inclúe o PAC que atende tamén á veciñanza de Mazaricos, con numerosas eivas como o mal estado do tellado, que provoca humidades e goteiras no interior e ruído de auga que «dificultan a actividade diaria e entorpecen o entendemento nas consultas e na área administrativa».
Ademais, á relación de cuestións que necesitan unha urxente actuación súmanse os problemas de climatización que ocasionan altas temperaturas no verán e baixas en exceso no inverno a pesar da calefacción o que obriga a moitas profesionais a traer os seus propios radiadores. O mal funcionamento da calefacción ocasionou tamén varios sustos que obrigaron a desaloxar o centro e mesmo a solicitar a actuación dos bombeiros.
Ao mal estado da infraestrutura engádense, como lembra o BNG, as eivas do mobiliario e a escaseza e espazos o que impide, por exemplo, o normal funcionamento das facultativas MIR que se destinan ao centro ou obriga a compartir consultas como farmacia e nutrición ou traballo social e odontoloxía e poñen en cuestión a custodia da documentación confidencial sanitaria que, durante anos, foi acumulada nos corredores, a falta dun arquivo en condicións que esixe a lei.
As deputadas nacionalistas poñen o foco tamén no feito de que as clases de preparación maternal teñen que desenvolverse nunha sala de reunións que carece dos medios precisos polo que denuncian que se lle está a furtar ás mulleres de Santa Comba e Mazaricos a posibilidades de ter a atención necesaria durante o embarazo. Lamentan ademais o «desleixo as administracións implicadas» xa que, desde hai máis dun ano, existe unha sala municipal a disposición do Sergas que aínda non se utiliza.
Reforma integral ou construción dun novo edificio
Para poñer «urxente» solución a esta situación, o BNG esixe á Xunta que asuma de maneira inmediata a titularidade e xestión do centro de saúde de Santa Comba e que acorde co Concello o uso de instalacións municipais para o uso a matrona que atende a mulleres de todas as idades, entre outras accións, para as clases de preparación ao parto que precisan desenvolverse nun espazo acaído.
Ademais, insta a solucionar á maior brevidade os problemas infrestructurais coas obras qu sexan necesarias, ou ben cunha reforma integral ou coa construción dun novo edificio dado o grao de deterioro do actual. Suma ás demandas a necesidade de garantir a dotación de persoal e as coberturas das ausencias que se produzan para unha atención sanitaria de calidade á veciñanza.
O portavoz municipal do BNG, Juan David Sixto, lamentou o «estado deplorábel» no que se atopan as instalacións destinadas aos servizos públicos de Santa Comba e destacou o labor do grupo parlamentar nacionalista para, unha vez máis, instar á Xunta a poñer fin a esta situación. «Fixémolo co CEIP Barrié de la Maza e facémolo co centro de Saúde porque, infelizmente, tanto un coma outro son exemplo do abandono ao que tanto a Xunta como o Concello condenan a servizos públicos básicos como son a sanidade e a educación», sinalou Juan David Sixto. Neste sentido, apuntou que o BNG «non vai consentir que se trate á veciñanza de Santa Comba como cidadáns de segunda e baterá en todas as portas e as veces que faga falta para solucionar esta situación».
Escrito por Líder Redacción
bng centro de saude parlamento radio lider santiago Santa comba
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)