AD

Actualidad

O BNG pide unha comisión de investigación sobre os contratos da Xunta durante a pandemia

today30 abril, 2024

Fondo
share close
AD

Iago Tabarés apela á rexeneración democrática e empraza ao Goberno do PP a rectificar nunha aposta pola transparencia e o respecto institucional

O deputado do BNG aclara que o Consello de Contas só fiscalizou unha pequena parte dos contratos e advirte  das “actuacións non axustadas á lei” que detectou

Santiago de Compostela, 30 de abril, 2024.  O BNG vén de rexistrar no Parlamento unha iniciativa para solicitar formalmente a creación dunha comisión de investigación sobre os contratos asinados pola Xunta mediante a vía de emerxencia durante a pandemia da covid-19.

“Queremos transparencia, control da xestión dos recursos públicos e defender os dereitos da cidadanía e do tecido empresarial, honesto e profesional”, asegurou o portavoz de Presidencia, Iago Tabarés, quen apelou á rexeneración democrática para reclamar o apoio do PP a unha comisión que “non vai contra ninguén” e que se require logo de que os populares rexeitasen no último Pleno realizar a auditoría externa proposta polo BNG.

En contra do que “sorprendentemente e reiteradamente” asegura o PP, Tabarés subliñou que a maior parte da contratación realizada como consecuencia da pandemia non foi obxecto de fiscalización nin por órganos internos ni externos da Xunta. O Consello de Contas explicou, tan só fiscalizou unha parte dos contratos do Sergas, e só os asinados entre marzo de 2020 e maio de 2020. Quedaron pois sen fiscalizar os contratos de emerxencia das consellerías, axencias, fundacións e corporacións da Xunta.

A ausencia de transparencia e de fiscalización é un dos motivos polos que o BNG demanda unha investigación parlamentaria, que Tabarés xustificou tamén nas “irregularidades” e “actuacións que non se axustan á lei” detectados por Contas. Entre estas, mencionou deficiencias nas memorias xustificativas, falta de inicio da execución no prazo legalmente establecido ou falta de publicación de acordos de adxudicacións.

“Hai tamén actuacións pouco acordes cos principios elementais do que é boa xestión dos recursos públicos”, engadiu o deputado nacionalista, referíndose, por exemplo, a falta dunha concorrencia mínima, á ausencia de valoración das prestacións que se ían contratar ou á falta de comprobación sobre a aptitude e capacidade do adxudicatario.

Ademais, afondou, na parte fiscalizada polo Sergas, detectouse unha “concentración moi importante” das adxudicatarias, de maneira que no ano 2020 o 49 % do volume contratado foi para once empresas, e no 2021 máis do 66 % foi para tan só catro.

Empresas relacionadas co entorno de altos cargos do PP

Entre as “circunstancias e anomalías” que precisan ser esclarecidas, o portavoz de Administración do BNG apuntou tamén a que a principal beneficiaria dos contratos adxudicados pola vía de emerxencia no 2020 resultou ser “unha empresa coa que colaborou e grazas á que obtivo importantes comisións a parella da presidenta da Comunidade de Madrid”.

No ano seguinte, no 2021, a principal adxudicataria deste tipo de contratos, sen concorrencia, foi a empresa “na que ten altas responsabilidades na área comercial o cuñado do señor Núñez Feijóo”, unha empresa que, ademais, carecía de experiencia no sector sanitario e non mantiña até entón relación coa Xunta, afondou o deputado ourensán.

“Ante a negativa do PP á fiscalización dos contratos realizado nunha etapa tan crítica para a cidadanía como foi a da pandemia, resulta inescusable a creación dunha comisión de investigación”, salientou Iago Tabarés, que aclarou que polo de agora o BNG presenta esta solicitude ao Pleno, sen recorrer ao dereito que por número de deputados lle corresponde nesta lexislatura para reclamar unha comisión de investigación  ao longo da lexislatura.

“Agardamos que non sexa necesario e o PP reconsidere a súa negativa á transparencia e a perseguir ilegalidades e irregularidades”, contestou aos xornalistas respecto da posibilidade de recorrer ao artigo 52 do Regulamento da Cámara, que establece que de xeito automático poderase crear unha única comisión de investigación por lexislatura de o solicitaren un terzo das deputadas e deputados da Cámara que pertenzan a un mesmo grupo, neste caso o Bloque.

“É un  dereito que temos por lexislatura, e esta está a comezar e infelizmente tamén existen outras moitas materias que podían requirir do exercicio deste dereito”, considerou Tabarés.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%