AD

Actualidad

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental de ALTRI

today19 abril, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

Demanda outras alternativas e o consenso entre as partes

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) ven de presentar un documento de alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental do proxecto industrial que a firma Greenfiber (Altri e Greenalia) ten intención de instalar no municipio lucense de Palas de Rei, desde a súa responsabilidade como axente fundamental na definición das directrices de ordenamento urbanístico e territorial de Galicia. Esencialmente, reclamamos máis información acerca dunha iniciativa que, entendemos, non se acomoda ao modelo de desenvolvemento territorial que Galicia precisa e que, desde o COAG, vimos defendendo nos 50 anos da nosa historia.

Cremos que o modelo de desenvolvemento industrial de Galicia tense que facer con criterios de sustentabilidade, defensa do medio ambiente e integración dos proxectos económico/empresariais no conxunto dos valores e tradicións sociais, culturais, paisaxísticas e etnográficas dun territorio. Entendemos que a industrialización do século XXI ten que apostar pola evolución do territorio e non por unha alteración radical con criterios propios do século pasado.

O noso texto de alegacións quere ser, coma sempre, rigoroso e construtivo. Rigoroso nas argumentacións e construtivo no sentido de poder estudar outras alternativas e, mesmo, volver ás propostas iniciais e buscar unha resposta consensuada.

Desde ese punto de vista, e de xeito sintético, entendemos que o proxecto de Greenfiber, pola información dispoñible ata o de agora, sementa moitas dúbidas acerca do seu cumprimento coas propias directrices autonómicas de Ordenación do Territorio, en especial pola ausencia de indicadores esenciais.

Do mesmo xeito, o novo proxecto industrial parece entrar en contradicións consigo mesmo acerca dos seus supostos beneficios. En contra do que se ten dito, o proxecto aposta por unha industria de primeira transformación (elaboración de pasta de celulosa) e non avanza na circularidade nin completa o ciclo da madeira con criterios de sustentabilidade, o que aportaría un maior valor engadido.

Insistir en proxectos forestais que requiren unha especie de alto consumo de auga, xunto coas elevadas necesidades hídricas expostas pola empresa como imprescindibles para o seu funcionamento, comprometen a aposta autonómica polo ciclo integral da auga.

Finalmente, como arquitectos e urbanistas non podemos entender que se estea a falar dun proxecto industrial na primeira liña do Camiño de Santiago sen ter recabado previamente o impacto do mesmo na consideración desta Ruta como Patrimonio da Humanidade. Galicia non pode actuar na maior ruta cultural de Europa, e unha das máis importantes do mundo, sen informar e recabar a opinión das instancias culturais, galegas e internacionais, que actúan sobre un patrimonio e que, na medida que é mundial, xa non é só noso.

Entendemos que Galicia conta con solo industrial de calidade, baleiro ou en transformación, susceptible de acoller proxectos empresariais coma este. E non poderíamos compartir unha estratexia de ordenamento do territorio na que, por unha banda, se constrúen polígonos industriais que quedan sen uso e, por outra, se destrúe a paisaxe rural para albergar instalacións fabrís. Se isto é así é que algo falla na planificación.

Como criterio xeral, entendemos que os proxectos de interese estratéxico (PIE), pola súa propia definición, téñense que desenvolver de xeito alleo a calquera condicionante circunstancial, como optar a determinados fondos europeos. O verdadeiramente importante non se pode despachar con criterios de urxencia. E se os fondos que captamos os empregamos para construír proxectos erróneos, en lugar de investir estaremos xerando no futuro gastos insospeitados e consecuencias desafortunadas.

Desde o COAG vimos apostando historicamente polo desenvolvemento de Galicia. Con achegas que seguen un fío común: o diálogo, a posta en valor permanente do noso territorio, da nosa paisaxe e da nosa historia, e o convencemento de que o futuro ten que ser sostible, integrado e baseado na evolución harmónica do que sempre fomos. Nesa liña traballamos e traballaremos sempre, aportando unha mirada rigorosa, baseada nos fundamentos da nosa disciplina e apostando, en primeiro lugar, polo servizo á sociedade galega.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%