Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 febrero, 2026
A Asociación de Nais e Pais do alumnado do CEIP Apóstolo Santiago fixo pública unha aclaración tras o debate xerado arredor do cambio de nome do centro. A entidade subliña que a proposta para pasar a denominarse CEIP da Almáciga foi aprobada por unanimidade no Consello Escolar celebrado o 4 de decembro de 2025, seguindo —asegura— todos os pasos establecidos pola normativa vixente.
Segundo explica a ANPA, a iniciativa non responde a motivacións partidistas nin a decisións improvisadas, senón que é o resultado de dous cursos académicos de reflexión e participación por parte da comunidade educativa. A unanimidade acadada no órgano colexiado do centro, sinalan, amosa un consenso amplo que consideran debe ser respectado.
A asociación lembra tamén a súa traxectoria histórica en defensa do colexio, destacando mobilizacións e iniciativas impulsadas ao longo das últimas décadas para garantir a continuidade do centro, mellorar as instalacións, recuperar espazos do edificio e promover proxectos vinculados á igualdade, á lingua galega e á convivencia. Enmarcan o cambio de denominación dentro desta mesma liña de compromiso coa educación pública e coa participación activa das familias.
Desde a ANPA recoñécese o valor simbólico que o nome “Apóstolo Santiago” ten para parte da comunidade, motivo polo que —aseguran— o proceso foi “coidadoso e rigoroso”, dando cabida á diversidade de opinións. Ao mesmo tempo, destacan que o topónimo Almáciga, documentado xa no século XVI, está ligado directamente ao barrio no que se sitúa o centro, polo que consideran que a súa recuperación reforza a conexión entre a escola e a súa contorna.
A decisión definitiva dependerá agora do pleno municipal. Con todo, a ANPA insiste en que o procedemento seguido foi legal, democrático e transparente, e pide que se respecte o resultado adoptado polos órganos do centro. Así mesmo, amosa a súa preocupación polas interpretacións que, ao seu xuízo, trasladan unha confrontación allea ao ámbito educativo.
A entidade conclúe reafirmando o seu compromiso cunha escola pública inclusiva, plural e de calidade, e anuncia que continuará traballando na mesma liña de participación e defensa do ensino público que vén mantendo ata o de agora.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)