Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Padrón. 6-4-2024.- O Club Ciclista Padronés Cortizo non deu tregua e impúxose con rotundidade na 61 edición da Clásica de Pascua ao conseguir os sete primeiros postos da clasificación xeral dunha proba na que Ramón Fernández foi o líder absoluto, ao rematar na liña de meta unha escapada de case corenta quilómetros. Marc Torres e o ribeirense Alejandro Paz Alborés acompañárono no podio.
Este resultado converte ao propio Ramón Fernández (na categoría elite) e a Marc Torres (en Sub-23) nos primeiros líderes da presente edición da Copa Galicia. O secretario da Federación Galega de Ciclismo entregoulles os correspondentes maillots aos corredores do CC Padronés Cortizo.
Nas clasificacións especiais o gañador da proba levou tamén o premio de metas voantes; Samuel Flores o premio da montaña e o corredor do equipo High Lever Andrés Ripoll recibiu o maillot dos sprints especiais. Cos sete primeiros postos na xeral, o Padronés Cortizo foi o gañador na clasificación por equipos.
Na 61 Clásica de Pascua Memorial F. Rodríguez Pazos participaron 103 corredores das categorías elite e Sub-23, que percorreron 131 km polos municipios de Padrón, Dodro, Rianxo e Rois. Os altos de Bexo, O Palleiro, Formarís e o de Augasantas foron puntuables para o premio da montaña, que gañou o ciclista colombiano do equipo padronés Samuel Flores.
Na entrega de premios participaron os alcaldes de Padrón, Anxo Arca; Rois, Ramón Tojo, e Dodro, Xabier Castro; o director de marketin de Cortizo, Javier Figueroa; e os concelleiros José Luis Mariño e Chus Campos (Padrón) e José Luis Ares (Rois).
Concerto de Celtas Cortos
A Clásica de Pascua foi un dos atractivos da programación do sábado de Pascuilla, que se celebra durante as Festas de Pascua que organiza o Concello de Padrón. Ademais das atraccións do Campo do Souto e do paseo do Espolón, esta mañá o grupo folclórico Arreixeira acompañou aos cabezudos no habitual pasarrúas, e o grupo ribeirense Os Bugis foi os protagonistas da sesión vermú
Xa pola noite, co concerto de Celtas Cortos, a sesión de fogos artificiais, a actuación da orquestra Olympus e dos dj VR e César Sánchez rematou a penúltima xornada das Festas de Pascua 2024.
Este domingo, día 7, celébrase a tradicional xuntanza da Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón e o Festival de Bandas Comarca do Sar, no que participarán as bandas de Padrón, Touro e Caldas de Reis. As orquestras Atenas e Marbella amenizarán as últimas verbenas da Pascua 2024.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)