Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 febrero, 2024
O Concelleiro de Cultura do Concello de Arzúa, Jose Luis García participaba este xoves en Radio Líder Santiago onde salientou a programación da 49ª Festa do Queixo que esta vila coruñesa celebrará do 1 ao 3 de marzo.
Destacou o torneo de xadrez chamado Chess&Cheese, o 7º Festival Pequequeixo, así como a figura da pregoeira María Vázquez, recentemente nomida aos Premios Goya, que abrirá a festa co seu pregón o sábado 2 de maro ás 11:45 horas.
En canto ao recinto feiral, deuse un cheo absoluto de postos (quedando fora algúns expositores interesados, facendo un total de 68 expositores dos que 53 son queixerías (9 DOP Arzúa Ulloa e 6 co certificado de produto lácteo tradicional) os horarios serán 11 a 20:30 e o domingo de 10 a 18:30 h.
O domingo de 12:00 a 13:30 h haberá un punto de atención a infancia para que os pais poidan deixar aos nenos atendidos e eles dar un paseo e mercar tranquilos.
Doutra banda o primeiro tenente alcalde confirmaba a celebración dunha nova edición do concurso de petiscos, organizado pola DOP Arzúa – Ulloa, onde distintos establecementos de restauración de Arzúa ofrecen tapas elaboradas co queixo do municipio.
Neste punto destacou que o queixo de Arzúa é o máis vendido de toda España entre os elaborados con leite de vaca, e o segundo de todo o Estado, só superado polo queixo manchego, neste caso feito con leite de ovella.
O edil criticou a falta de financiación na Festa do Queixo por parte da Xunta, contando únicamente coa subvención da Deputación da Coruña de 30.000 €, o demais é case todo aportación propia do concello. Confesa que no seu día recibiron una subvención de 10.000 euros destinada a sufragar os gastos derivados do equipamento dos stands do recinto feiral, factura que foi finalmente de 10.300 euros, «mandáronnos quitar os 300 euros», explica, por iso «non imos mendigar nada polas Consellerías». Segundo confesou, a Festa do Queixo ten un orzamento de gasto de 200.000 euros, baseado principalmente no caché dos artistas, a seguridade e a loxística do recinto feiral.
A Festa do Queixo de Arzúa está declarada de interese turístico rexional, aínda que dende o Concello de Arzua vense traballando para poder otourgarlle a consideración de interese turístico nacional, algo que en palabras do concelleiro, «sería moi beneficioso».
Entrevista completa con Jose Luis García, no seguinte enlace.
O Festival sempre da man coa Feira e no mesmo recinto
Ante a expectativa de recibir nesta 49ª edición un elevado número de visitantes, especialmente na noite do sábado 2, e a pesares da previsión climatolóxica, a organización da festa decidiu anticiparse e colocará unha pantalla Led de grandes dimensións neste punto céntrico e estratéxico da vila, próximo ao campo da feira onde se celebra o festival, para que todas as persoas que se acheguen poidan desfrutar dos concertos.
Debido á demanda de público prevista, o festival instalará unha pantalla próxima aos concertos ao vivo, que son de acceso libre e gratuíto e para os que non fai falta reservar entrada nin invitacións. Tal e como se indica nas condicións de acceso, publicadas na páxina web e redes sociais do evento, desde a apertura de portas, o sábado ás 21 h, poderase entrar libremente ata completar a capacidade as veces que se queira e pasar con comida.
En palabras de José Luís García, concelleiro de Cultura que ampliou nunha nota de prensa posterior, asegura que “a normativa sobre a Organización de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia di que se debe controlar a capacidade no espazo dispoñible e os accesos nas rúas polas que se accede. Aínda en eventos sen acoutar, existe a obriga legal de controlar a dita capacidade en función no só do espazo onde se desenvolve propiamente o espectáculo, senón tamén en función da amplitude das rúas desde as que se accede”.
Neste senso, faise fincapé en que o motivo de que o recinto estea perimetrado e se realice control de asistentes, establecido nun máximo de 3.300 persoas, é evitar posibles avalanchas, e que no interior se introduzan vasos de cristal, botellas ou calquera obxecto perigoso. Así, no festival non se fai máis que cumprir co reflexado no Plan de Autoprotección ao que obriga a lei, debendo ter en conta a capacidade de evacuación do propio espazo.
É por iso, continúa o concelleiro, que “desde a festa encárgase un PAU (Plan de Autoprotección) porque para o festival temos unha carpa que abrangue mais de 1.500 persoas, polo que se está a cumprir estritamente coa normativa vixente. Deixamos as rúas adxacentes sen ocupar como vías de emerxencia para garantir que estean baleiras en caso da necesidade da chegada de medios de emerxencia, e por iso se delimita a contorna, do contrario sería perigoso e ilegal. O que determina o aforo, é a superficie para o público e esta capacidade de absorción destas vías de evacuación, que é o número base co que se fai o cálculo da capacidade de 3.300 persoas.
Nas medidas de control e autoprotección, o Decreto 124/2019 do Catálogo de Espectáculos Públicos de Galicia establece que, a capacidade dos espazos abertos ao público establecerase cun cociente máximo de ocupación de 2 persoas por m2 de superficie dispoñible para o público. Así a normativa da Xunta de Galicia, de obrigado cumprimento, establece a capacidade neste número máximo de persoas que teñen cabida aplicando a fórmula de 2 persoas por metro cadrado.
Feitas as comprobacións técnicas oportunas, determinouse que a capacidade máxima do campo da feira de Arzúa en cumprimento destes decretos é de 3.335 persoas, polo que o acceso ao recinto limitouse a ese número máximo a fin de poder garantir a seguridade e evacuación en caso de emerxencia dos asistentes en cumprimento dos mencionados decretos.
Igualmente, engádese desde a organización, que en 2022 e 2023 aprobáronse dous novos decretos sobre o xa existente de 2019, sobre a organización de espectáculos públicos e actividades recreativas. Respecto a que se considera ou non un espazo delimitado a efectos de limitación de capacidade, o artigo 2.13 do Decreto 172/2022 di que un espazo delimitado é aquel espazo acoutado por peches, particións ou outros elementos perimetrais especificamente instalados para crear este espazo. Tamén se considerarán espazos delimitados aqueles que, a pesar de non estar acoutados por peches, teñan unha relación entre o número de persoas que ocupan un espazo non delimitado e a anchura en metros dos pasos para acceder ou saír (cociente de saídas RS) igual ou superior a 175 persoas, ou ben aqueles que teñan unha relación entre a súa superficie en metros cadrados e o número de persoas que o ocupan (cociente de persoas RP) superior a 2,5.
É dicir, se o número de persoas que poden entrar nunha praza aberta, sen acoutar, supera as 175 persoas por metro lineal das rúas que acceden a esa praza, para os efectos deste decreto considérase coma se fose un «espazo delimitado». Do mesmo xeito, se a concentración de persoas ou «densidade de ocupación» superase as 2,5 persoas por m2, seríalle de aplicación o mesmo criterio, polo que habería que establecer un control de asistentes.
En resumo, finaliza o concelleiro, “tanto os decretos anteriores como o Decreto 226/2022 polo que se regulan determinados aspectos da organización e desenvolvemento dos espectáculos públicos e as actividades recreativas de Galicia, e o Decreto 172/2022 polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección, obríganos a establecer as medidas de Control de capacidade e Autoprotección necesarias para o desenvolvemento seguro do evento, e así o fixemos”. Como se dixo onte por parte tanto da Subdelegación do Goberno como dos mandos da Garda Civil na Xunta Local de Seguridade, onde puxeron en valor o bo facer da organización da festa en canto a medidas de seguridade e prevención para o éxito do evento, Arzúa destaca como un “concello seguro” e considérase un referente a seguir para toda Galicia.
Written by: Líder Redacción
arzua cultura Entrevista feira festa do queixo festival radio lider santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)