Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 julio, 2025
No medio dunha axenda chea de iniciativas, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, pasou polos micrófonos de Radio Líder Santiago para facer unha ampla valoración do estado actual da lingua galega. Lonxe de presentar o verán como unha pausa na actividade lingüística, García fixo un chamamento ao uso da lingua con máis intensidade durante a época estival: “O galego fálase todo o ano. Se me apuras, no verán é a mellor época tamén para falalo”.
Nesta liña, explicou que o ambiente máis relaxado, os días máis longos e o bo humor xeral “crean un contexto ideal para falar máis galego, para usalo cos amigos, nas redes, no supermercado, onde sexa”. E engadiu: “A lingua é unha opción individual, pero tamén unha responsabilidade colectiva”.
Durante a entrevista, García destacou programas como Falaredes ou Para gustos, cultura, dúas das grandes ferramentas da Xunta para levar actividades culturais en galego a todos os recunchos do país. “Este ano organizamos máis de 3.000 accións por toda Galicia, en concellos pequenos e grandes. E moitas delas son ao aire libre, o que nos permite chegar a públicos máis diversos e espontáneos”, sinalou.
Ademais de promover a cultura en galego, o secretario recalcou o valor estratéxico destas campañas no sector turístico: “Galicia é máis que sol e paisaxe. Temos unha cultura e unha lingua propias, e iso é un atractivo turístico. Moitos dos cinco millóns de visitantes que recibimos cada ano levan unha idea de país grazas a estas accións”.
Un dos puntos clave da conversa foi a análise dos resultados das últimas enquisas sobre uso do galego. García recoñeceu que “non foron unha sorpresa”, pero si unha chamada de atención para reforzar a acción institucional. Como resposta, destacou a posta en marcha do Pacto pola Lingua e a renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, no que participaron 11 comisións sectoriais e unha técnica.
Unha das medidas máis destacadas é a implementación de cursos de iniciación á lingua e cultura galegas para persoas procedentes doutras comunidades ou doutros países. “Hai milleiros de persoas chegando a Galicia. Queremos que teñan acceso á nosa realidade lingüística, que comprendan o que é vivir aquí”, explicou.
Outro dos ámbitos con importantes déficits é o da xustiza. Segundo detallou García, o sistema informático dos xulgados, Minerva, só permite funcionar en castelán, e o novo programa que o substituirá, Atenea, tampouco contempla opcións bilingües. “Levamos anos pedindo un programa que permita usar tamén o galego, pero a resposta do Ministerio é negativa. Estamos dispostos a asumir parte do custo, pero é unha batalla técnica e política complexa”, advertiu.
Sobre a posibilidade de oficializar o galego no Parlamento Europeo, García mostrou apoio rotundo á idea, pero tamén puxo sobre a mesa a realidade económica. “Levar o galego a Bruxelas custaría 44 millóns de euros ao ano. Para todas as linguas cooficiais, serían 132 millóns. Con eses cartos poderíamos facer moitas outras cousas necesarias aquí en Galicia”.
Non obstante, recoñeceu que o galego xa se fala en institucións europeas grazas á intermediación dos tradutores de portugués: “Os portugueses tradúcennos en todas as institucións europeas. Incluso din que lles fai graza. Iso permítenos usar o galego sempre que queiramos”.
Valentín García fixo fincapé na importancia de que o tecido empresarial galego se implique na promoción da lingua. “O 70% do viño que se produce en Galicia está etiquetado en galego. É un logro importantísimo”, afirmou. Tamén destacou casos como o de CLUN-Feiraco, que promove a lingua nos seus envases, na súa comunicación e mesmo convoca certames literarios. “Unha lingua para ser normal ten que estar presente na vida económica. E iso está a pasar xa en Galicia”, celebrou.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)