AD

Actualidad

O GES de Brión estrea un camión autobomba valorado en 259.300 euros

today6 junio, 2024

Fondo
share close
AD

O alcalde de Brión agradeceu a achega da Xunta pero lembrou que “é difícil manter un servizo como o GES, que actúa tamén noutros municipios que deberían implicarse máis na súa financiación”

6 de xuño de 2024. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá nunha entrega de equipamento aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) de brión e de Monterroso: un camión Bomba Rural Pesada (BPR), que suman unha achega de máis de 518.600 euros, uns 259.300 euros cada un.

Ao acto de entrega asistiron os alcaldes de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e Monterroso, Eloy Pérez; acompañados polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; persoal responsable dos respectivos GES e os concelleiros brioneses Carlos Noya, José Antonio Vidal e María Fariña. O alcalde brionés agradeceulle ao conselleiro a achega desta motobomba e lembrou que “para un concello pequeno como Brión é difícil manter un servizo como o GES, que actúa tamén noutros municipios que, quizais, deberían implicarse máis na súa financiación e mantemento”.

Neste sentido, agradeceu o exemplo ofrecido pola Xunta de Galicia, en xeral, e Diego Calvo en particular, no que atinxe ao cofinanciamento dos servizos, lembrando que “no 2022 recibimos un furgón para atención de emerxencias; o ano pasado conseguimos un novo e moderno equipo de excarceración; e este ano incrementamos a nosa dotación con esta Bomba Rural Pesada”.

Características do equipamento

Os camións destinados a ambos os grupos contan cunha capacidade de 3.000 litros e bomba centrífuga con presión combinada e lanzamento de auga en baixa e alta presión. Están especialmente deseñados para o seu uso en todo tipo de terreo, polo que todas as súas rodas son motrices e cun nivel mínimo de emisións de CO2. Con capacidade para tres persoas, dispón dunha cisterna de auga de aceiro inoxidable e bomba centrífuga con presión combinada, é dicir, que permite lanzar auga en baixa presión, en alta presión ou simultaneamente en ambas as dúas.

Ademais, cada vehículo conta cun completo equipamento entre o que figuran un cargador de baterías, botiquín de primeiros auxilios, dous focos portátiles con imán e cargador, unha escaleira extensible, 5 lanzas profesionais de 25 e 45 mm, 16 tramos de mangueiras de 20 metros de lonxitude e distintos diámetros, dous extintores de 6 kg, un proporcionador de escuma e un ventilador portátil con batería, entre outros elementos.

Mapa de emerxencias en Galicia

A Xunta mantén así o compromiso por mellorar o mapa de emerxencias da comunidade e, tal e como sinalou Diego Calvo, realiza un importante esforzo para dotar os efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos galegos dos recursos necesarios co obxectivo de que poidan levar a cabo as súas actuacións en condicións de seguridade, contribuíndo ademais a unha maior eficacia na atención das incidencias e nos seus tempos de resposta.

A entrega de hoxe forma parte do reforzo dotacional impulsado pola Xunta para apoiar o labor dos GES. De feito, xa o pasado mes de marzo o conselleiro fixo entrega doutro camión BRP ao GES de Maceda e dun furgón de servizos varios (FSV) ao de Lobios. Os GES de Mos e A Guarda tamén resultaron beneficiarios de furgóns destas características. Con estes novos vehículos o GES de Brión mellorará a cobertura que presta a este concello e aos de Ames e Negreira, así como ao da Ulloa-Lugo-Chantada, con sede en Monterroso, que atende tamén aos de Guntín, Portomarín e Taboada.

O investimento só en equipamento para servizos de emerxencias municipais da comunidade, tanto GES como Protección Civil, supera os 27 millóns de euros nos últimos anos. Ademais, segundo aclarou o conselleiro de Presidencia, o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento, pese a tratarse dunha competencia local. Tamén financia os gastos de mantemento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil a través dunha orde anual que supón, de media, 340.000 euros anuais e que este ano beneficiou 191 entidades.

A colaboración da Xunta garante que os GES sigan prestando servizo público en materia de emerxencia, protección civil e prevención de incendios forestais. Neste sentido, os grupos teñen competencia para intervir en incendios -tanto urbanos como forestais-, para definir e manter as redes de faixas de xestión da biomasa de prevención e para levar a cabo prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, para crear descontinuidades da cuberta vexetal. Tamén fan prevención naqueles camiños e espazos públicos que poidan ao mesmo tempo servir de cortalumes.

Ademais, seguirán coa realización de actuacións de prevención da vespa velutina por seguridade da poboación, tales como o control e retirada de niños, entre outras actuacións. Continuarán intervindo en situacións de risco e emerxencia para manter a rede de estradas, mediante a súa limpeza a retirada de obxectos, especialmente no caso de accidentes. Tamén poderán actuar no caso de situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, sismos, derrubamentos, corrementos de terra e situacións de seca, entre outros traballos.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%