Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 febrero, 2026
O escultor ourensán Acisclo Manzano vive un momento especialmente significativo na súa traxectoria artística. Mentres o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela acolle a exposición Bosquexos para Mateo, unha homenaxe persoal ao Maestro Mateo e ao emblemático Pórtico da Gloria, o creador repasou tamén a súa vida e pensamento nunha emotiva entrevista no programa Fala que Fala de Radio Líder.
A mostra compostelá reúne medio cento de pezas entre bosquexos e esculturas nas que Manzano dialoga co románico desde o respecto e a admiración. “É un tributo, sen pretender superalo”, ten sinalado sobre o Mestre Mateo, figura clave da arte medieval europea. A exposición poderá visitarse durante os vindeiros meses en Santiago antes de iniciar unha itinerancia por Galicia.
Coincidindo con este recoñecemento público, o escultor —de 86 anos e con máis de sete décadas de oficio— participou no espazo Fala que Fala cos alumnos do CPI Virxe da Saleta (Cea – Ourense), no que deixou reflexións profundas sobre a creación, a identidade e o paso do tempo. Cun discurso claro e coherente, reivindicou o valor do traballo artesanal fronte ás etiquetas: “Non me chamo artista, chámome escultor”, afirmou con rotundidade.

Veciño de Biduedo, no concello de San Cristovo de Cea, onde reside desde hai arredor de cincuenta anos, Manzano confesou sentirse plenamente ligado á aldea e á terra. A pesar de ter percorrido Europa e de contar con obra en museos, catedrais e espazos públicos, asegura que ningún lugar pode competir con Galicia.
Durante a entrevista evocou tamén a súa relación con figuras esenciais do galeguismo como Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo, aos que coñeceu persoalmente e dos que destacou a súa dimensión humana e intelectual.
Lonxe de pensar na retirada, o escultor continúa creando e xa prepara unha exposición especial para cando cumpra 90 anos, baixo o título Tocar e levar, coa que pretende achegar a escultura ao público dun xeito directo e emocional.
Entre o tributo ao románico compostelán e a reflexión íntima sobre a súa propia traxectoria, Acisclo Manzano reafirma así unha vida marcada pola coherencia, o amor á terra e unha creación artística entendida como acto de verdade.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)