Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 enero, 2024
O Partido Popular de Santiago, a través da súa concelleira, Yolanda Otero, demanda ao Goberno do BNG a posta en marcha dun servizo de lavandería a domicilio para as persoas maiores de 65 anos que se atopen nunha situación que lle impida satisfacer unha necesidade persoal básica da vida diaria polo seus propios medios.
“Dende o PP, incidimos na importancia de coidar aos nosos maiores, polo que a finalidade deste servizo busca a mellora da súa calidade de vida; apoiar e favorecer a permanencia no seu entorno habitual o maior tempo posible; potenciar a súa autonomía persoal no propio fogar e previr situacións de dependencia, risco ou exclusión social”, explicou Otero.
Tamén pretende evitar ou retardar o seu ingreso nun centro residencial; e prestar apoio á rede familiar en situación de sobrecarga ou completala no caso de inexistencia de rede familiar de apoio.
A popular sinalou que o illamento de moitas persoas maiores é cada vez máis común, algo que pode supoñer consecuencias negativas no seu benestar e calidade de vida, que poden desencadear situacións de risco, exclusión ou desamparo.
“O Goberno nacionalista debería dar resposta ao progresivo envellecemento da poboación en Santiago, ofrecendo ferramentas de apoio que aseguren a súa calidade de vida, polo que, dende o PP incidimos na necesidade da posta en marcha de servizos para persoas maiores, como o de lavandería a domicilio, como ferramenta para ofrecer e garantir os apoios necesarios e axeitados ás persoas maiores de 65”.
Yolanda Otero remarca que “o servizo demandado articúlase como un instrumento de atención ás persoas maiores ou unidades de convivencia de persoas maiores no propio fogar”.
“Así mesmo, poderá actuar como elemento positivo na redución dos sentimentos de soidade e o illamento involuntario, ao tempo que permitirá evitar que as persoas maiores corran o risco de padecer situacións de perigo ou exclusión social, polo que se define como unha medida idónea dunha estratexia contra a soidade non desexada”, destacou.
Na actualidade o Servizo de Axuda no Fogar do Concello inclúe a prestación de lavado e coidado de pezas de vestir, pero en Compostela residen moitas persoas maiores de 65 anos que non son beneficiarias deste recurso, polo que non contan coa posibilidade dun servizo de lavandería a domicilio.
É unha realidade que a poboación maior non deixan de aumentar, o que supón unha pirámide de poboación envellecida. Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), no termo municipal de Santiago viven preto de 23.000 persoas con idade de 64 o máis anos, o que supón máis do 23 % da totalidade de poboación do noso Concello.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)