Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 noviembre, 2023
A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, pediu hoxe ao Goberno do BNG a reactivación do programa Banco de Tempo, unha iniciativa que busca revalorizar o uso do tempo como medio para mellorar a calidade de vida das persoas, cun intercambiode servizos sen transacción económica, polo que a moeda de cambio só son as horas.
Para Otero Balsa, “o Goberno nacionalista ten que dar resposta ás novas formas de organización que están a xurdir na sociedade actual, facilitar os medios necesarios para que as persoas dispoñan dos apoios precisos para o seu benestar no seu entorno social e impulsar, deste xeito, a vida comunitaria”.
Para o funcionamento deste sistema de axuda, a persoa interesada deposita un número de horas neste Banco, ofertando uns determinados servizos ou actividades e, a cambio, percibe outro número de horas naqueles servizos ou actividades, entre os que ofertan o resto de persoas inscritas no programa, que sexan do seu interese.
O Banco de Tempo destaca como ferramenta de crecemento e desenvolvemento comunitario, que ten como obxectivo atopar alternativas que faciliten a vida diaria das persoas, ao tempo que promove valores como a solidariedade, a corresponsabilidade, a cooperación, a participación, o apoio mutuo entre iguais e a mellora das relacións sociais, entre outros.
O Banco de tempo reflicte a posibilidade de aumentar o apoio mutuo e colaborativo da comunidade, solventando entre os seus membros algunhas das súas necesidades. O que intercambian as persoas é o seu tempo para resolver cuestións da súa vida cotiá aproveitando os seus coñecementos, habilidades ou simplemente a súa disposición persoal.
“Esta iniciativa permite a creación de relacións sociais e vínculos entre as persoas, rompendo o illamento e a soidade, creando un novo espazo para compartir, achegar ás persoas e favorecer o apoio mutuo e colaborativo”, sinalou a edil popular.
Así mesmo, Yolanda Otero subliña a importancia deste tipo de iniciativas na sociedade actual, con especial fincapé nas persoas maiores, tendo en conta o seu valor engadido como ferramenta contra a soidade non desexada, que afecta, sobre todo, a este colectivo.
“Grazas a adquisición e xeración de novos recursos, por si mesma, a comunidade toma conciencia da idea de que existen máis ferramentas á marxe das económicas”, explica a popular.
En definitiva, Otero Banda remarca que “o Banco de tempo é un instrumento de cohesión social e xerador dunha relación social comunitaria vertebradora de redes de coñecemento e apoio mutuo e colaborativo entre as persoas”.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)