Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 junio, 2024
O vicevoceiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, vén de propoñer a posta en marcha dun programa de muralización para a cidade, co fin de organizar esta expresión de arte urbana, que desempeña un papel fundamental no embelecemento e mellora dos espazos públicos.
Constenla explica que “esta iniciativa podería financiarse a través de programas de desenvolvemento urbano, como os Fondos EDUSI; e contribuiría a converter Santiago nun epicentro de artes plásticas e de creación, que apostase pola cultura como motor económico e social”.
“Hai que camiñar cara o establecemento permanente dunha Ruta de Murais e dun Museo Virtual de Muralismo Contemporáneo, así a través destas rutas, os afeccionados a este tipo de arte urbano terían a opción de descubrir os barrios nos que se ubican, mentres que o Museo abriría á xente e aos visitantes, a través de códigos QR instalados nas obras, un espazo web, onde se reproduzan imaxes dos mesmos con información dos seus autores e a testemuña gráfica do proceso artístico.
“Estas obras de arte, os murais, non só decoran as paredes dos edificios, senón que tamén infunden vida nos espazos públicos, creando un ambiente máis atractivo e agradable para residentes e visitantes, ademais de que, cada vez, gañan máis en popularidade como forma de expresión artística contemporánea”, explicou.
Para o edil popular, “estas intervencións artísticas melloran a estética dos barrios e revitalizan áreas abandonadas ou degradadas, converténdoas en destinos turísticos e puntos de referenza”.
José Antonio Constenla remarca que “outra importancia dos murais é a súa capacidade para brindar visibilidade a artistas emerxentes, xa que, nas galerías tradicionais resulta difícil expoñer o seu traballo, así, os espazos onde interveñen, grandes paredes, supoñen un escaparate directo a un público máis amplo e diverso”.
As intervencións artísticas en espazos públicos poden ser interactivas, o que invita aos espectadores a participar ou reflexionar sobre a mensaxe transmitida; e “crea, explicou. sentido de comunidade e permite aos artistas establecer un diálogo directo coa súa audiencia”.
Estes proxectos artísticos esténdense, cada vez máis, polas cidades de España e Europa, tal e como se demostra en Santiago en zonas como Ponte Pedriña e Romero Donallo.
Estas intervencións son tamén un aliciente turístico e valen para recuperar lugares, actualmente, sen uso para o desfrute da cidadanía, un bo exemplo disto atópase en cidades como Ferrol, que organiza un festival con estas accións creativas; e Lugo, gañadora dun certame internacional cun destes traballos.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)