Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 noviembre, 2023
O líder do PP de Santiago, Borja Verea, reclamou hoxe, en rolda de prensa, ao Goberno do BNG a retirada do radar de Conxo ademais de esixir que, de levarse a cabo a municipalización de radares e de xestión de multas, anunciada hai uns días, “non se hipoteque ao Concello a costa do diñeiro dos cidadáns”.
“O Goberno nacionalista anunciou a municipalización deste servizo, pero, para materializar esta municipalización, ten que acadar a maioría no Pleno, unha maioría coa que hoxe en día non conta, polo que é imprescindible que chegue a un acordo co Partido Socialista ou con nós”, explicou.
Así, remarcou que “para sentarse a negociar este proceso co Partido Popular tería que aceptar uns condicionamentos mínimos que pasan pola retirada do radar de Conxo e pola non funcionarización dos traballadores que, agora mesmo, están a levar a cabo este traballo”.
Verea destacou que “a nosa primeira condición para negociar unha posible municipalización dos radares é a retirada do radar fixo de Conxo, tanto na entrada como na saída da SC-20”, porque, engadiu, o que “o que non pode ser é que se utilice o recadado por un radar como un recurso ordinario para financiar os gastos do goberno nacionalista; partimos da base de que ten que ser un mecanismo para garantir a seguridade das persoas, e o feito de que en 2023 non se colocase nin un só día no Restollal e estivese sempre en Conxo demostra que o seu único obxectivo é o recadatorio”, denunciou o líder popular”.
A segunda proposta é que “non se funcionaricen empregos pola porta de atrás”, é dicir, que non se subroguen traballadores, porque o Concello quedaría hipotecado e obrigado a manter estes postos de traballo, xa que pasarían a ser empregados públicos.
“Esta municipalización ten que garantir que non haberá subrogación, nin municipalización, nin contratación de novo persoal ou empregado público; o Concello ten necesidade de novos funcionarios pero noutros departamentos e debendo acceder polos criterios de publicidade, mérito é capacidade”, aclarou.
O popular lembrou que a última municipalización que se coñece na cidade foi executada polo Goberno de CA, que foi o servizo da grúa de da ORA, que, como todos coñecen, “resultou ser unha auténtica ruína, dende o punto de vista económico e tamén de xestión de persoal; e os que o están pagando son os petos de todos os composteláns”.
Os que pretenden agora a municipalización de radares e de xestión de multas son os mesmos que xestionaron os servizos xa mencionados, o que, como destaca Verea, “xera unha total desconfianza, ante o risco de que sexa unha nova operación desastrosa feita polos mesmos”.
Datos “curiosos e alarmantes”
O líder popular explicou que os datos do radar de Conxo que se pediron o mes pasado, dos anos 2022 e 2023, resultan “curiosos e alarmantes”.
“O pasado ano, o radar estivo no Restollal dous meses e medio, cun resultado de 1.802 multas; e en Conxo estivo 9 meses o que significou 23.730 sancións. Neste exercicio, o radar non se colocou nin un só día no Restollal e, en Conxo, estivo todas as xornadas que se mantivo activo, polo que ata o pasado 30 de setembro xa tiña posto 10.115 sancións, unha auténtica obscenidade que segue demostrando, ano tras ano, que o obxecto único deste radar é achicharrar á xente a multas”, insistiu.
Finalmente, Borja Verea remarcou que “nós somos transparentes, unha municipalización deste calado ten que redundar en beneficio dos veciños, polo que xa adiantamos que estas son as nosas condición para sentarnos a falar deste asunto”.
Tamén quixo deixar claro que o Partido Popular de Santiago non está en absoluto de acordo con que unha empresa se leve o 25% do recadado, “polo que, de non haber acordo con ningún dos grupos, cremos que non se pode seguir coas mesmas condicións, así que o Goberno do BNG tería que licitar, canto antes, un novo contrato, que non teña unhas cláusulas tan leoninas”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)