Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, respondeu hoxe ás preguntas dos xornalistas sobre as acusacións de Goretti Sanmartín e o goberno municipal de BNG e Compostela Aberta, que responsabilizan ao PP de bloquear o contrato da auga, pese a que o executivo local votou en contra da fórmula de concesión mentres os populares optaron pola abstención.
“Estamos ante un auténtico delirio político”, afirmou Verea, quen criticou que a alcaldesa estea “enfadada porque non saíu adiante a fórmula de concesión que ela mesma votou en contra”.“Se o goberno quería sacar adiante un modelo de concesión, o que tiña que facer era votar a favor da concesión”, engadiu.
O líder popular lembrou que o Partido Popular mantivo unha posición “elegante e facilitadora” ao optar pola abstención no pleno. “Nós non bloqueamos nada. Abstivémonos precisamente para facilitar que o goberno puidese sacar adiante a súa proposta se realmente cría nela”, explicou.
Verea insistiu en que corresponde ao executivo municipal asumir a responsabilidade de gobernar e construír as maiorías necesarias para levar adiante os seus proxectos. “Decidiron gobernar a cidade, pois póñanse de acordo. Non pode ser que quen vota en contra pretenda agora trasladar a culpa a quen se abstén”, sinalou.
Neste sentido, considerou “inaceptable” que o goberno trate de responsabilizar ao Partido Popular dunha situación provocada pola súa propia división interna e pola falta de consenso coas forzas que fixeron posible a investidura.
“Só faltaba que un partido que se abstén teña que escoitar que é o responsable de que non saia adiante unha proposta que a propia alcaldesa decidiu votar en contra”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)